Colecta para o reequipamento de vías en Budiño

Proxecto de reequipamento e restauración de varias vías de escalada deportiva no sector Alfanje de Faro de Budiño.

Reunión común da El Lamecrikas e da La Biagra.A escola de escalada de Faro de Budiño, é a principal zona de escalada de Galicia, tanto polo seu número de vías como pola súa antigüidade; debido precisamente á súa longa historia, hai numerosos itinerarios que precisan dun reequipamento que garanta a seguridade da xente que os escalan.

En concreto, hai varias vías, que o grupo de persoas indicadas máis abaixo, habituais escaladadores desta zona, estamos interesados a proceder á súa restauración en beneficio da comunidade escaladora, polo que solicitamos á Federación Galega de Montañismo unha aportación económica ou de materiais que axudasen a sufraga-los gastos derivados destes traballos. Sen embargo, este ano xa non dispuñan de dotación económica para estas tarefas debido a que previamente asignouse a partida orzamentaria correspondente ó reequipamento das deterioradas ancoraxes das escolas da costa coruñesa.

Como colaborar na colecta de fondos.

É por elo que decidimos abrir unha campaña de recollida de fondos para que aquelas persoas ou colectivos que desexen colaborar economicamente nunha colecta destinada a mercar material para o reequipamento de vías en Faro de Budiño, poidan realiza-las súas aportacións. Por un lado colocouse un “bote” no panel do local social Faísca, na rúa Toledo nº 9, no barrio do Calvario (tra-la igrexa dos Picos), e outro no Bar Campinas (Picouzo, 7, Budiño), de camiño ó propio Faro de Budiño.

A finais de abril de 2017 demos por rematada a colecta, unha vez que dispuxemos de material de abondo, polo que xa non están os botes nos lugares indicados: MOITÍSIMAS GRAZAS A TÓDALAS PERSOAS QUE COLABORASTES!!!

Reequipamento da Sube Si Podes – Faro de Budiño from trepadasecordadas@gmail.com on Vimeo.

A proposta de reequipamento e restauración.

De seguido especifícanse os detalles e características dos traballos a realizar.

  • Escola: Faro de Budiño (O Porriño, Pontevedra)
  • Sector: Alfanje
  • Tipo de vías: deportivas.
  • Estado das vías: equipadas ó redor de fai 20 anos con burís, parabolts e reunións conformadas por 2 parabolts con cadansúa anela para o descolgue. Tódolos elementos están visiblemente oxidados.
  • Intervencións a realizar, en orde de actuación, cos prazos estimados:
    • Limpeza e desbrozado da base das vías: xa iniciadas na actualidade.
    • Limpeza e cepillado do itinerario das vías na parede: xa iniciadas na actualidade.
    • Instalación das reunións de cada vía: verán e outono do 2016 (2ª fase en inverno e primavera de 2017).
    • Instalación dos seguros intermedios de cada vía: verán e outono do 2016 (2ª fase en inverno e primavera de 2017).
  • Solución técnica e materiais a utilizar.
    • Parabolt inox. 10 mm x 90 A4.

Vías afectadas.

Nome da vía

Nº de emprazamentos

28

Morcillona y Reventona 10 intermedios + 2 de reunión con anelas

(a reunión é común coa 1ª reunión da vía Alfanje, pero dado o seu mal estado, aproveitaríase para reequipar dita reunión)

29

Bacalao Frito 8 intermedios + 2 de reunión con descolgue

30

Sí Buana 8 intermedios + 2 de reunión con descolgue

31

1º longo da Directa del Cordel ou El Andamio 9 intermedios + 2 de reunión con anelas

36

El Lamecrikas 8 intermedios+ 2 de reunión con descolgue

37

La Biagra 10 intermedios

(a reunión é común coa anterior vía)

38

El Cartero de Casas Viejas 8 intermedios + 2 de reunión con descolgue

39

1º longo da Sube Si Podes 10 intermedios + 2 de reunión con anelas

Materiais necesarios e orzamento aproximado (instalación usando parabolt).

Ítem

Cantidade

Prezo unitario

Custe total (sen IVA)

Cepillo de cerdas metálicas, con mango

2

2,00

4,00

Perilla para soplado dos furados

1

1,00

1,00

Escobilla de limpeza de 16 mm para os furados

1

2,05

2,05

Chave de estrela pechada de 17 mm

1

9,26

9,26

Broca 10 mm x 15 fresada con plaquiña de carburo de alto rendemento

2

14,00

28,00

Cartucho sika epoxi Anchorfix 3+ (250 cc)

2

21,70

43,40

Chapa con anela para reunión

6

5,62

33,72

Reunión con 2 chapas unidas con cadea e mosquetón de descolgue

4

29,79

119,16

Chapa inox.

71

1,96

139,16

Parabolt inox. 10 mm x 90 A4

85

2,97

252,45

Posible desconto:

108,90

Base Impoñible

523,30

IVA:

21%

Total IVA:

109,89

Importe Total:

633,19

Persoas colaboradoras na realización dos traballos.

  • Gonzalo
  • André
  • Manolo
  • Isaac
  • Ricardo

Transparencia.

Naturalmente queremos que as persoas que colaboren no proxecto poidan comprobar en que se empregan as súas aportacións, e a cuantía das mesmas, polo que neste apartado iremos actualizando as contas tanto dos ingresos, como dos gastos xerados, incluíndo o material mercado e o destino do mesmo.

  • Ingresos Bote Campinas
    • Acumulado en data: 29/07/2016 —> 000,00 €
    • Acumulado en data: 04/12/2016 —> 036,00 €
    • Acumulado en data: 30/04/2017 —> 57,78 €
  • Ingresos Bote Faísca
    • Acumulado en data: 29/07/2016 —> 060,00 €
    • Acumulado en data: 04/12/2016 —> 080,00 €
  • Total das aportacións económicas
    • Acumulado en data: 04/12/2016 —> 116,00 €
    • Acumulado en data: 30/04/2017 —> 137,78
  • Gastos en material
    • Acumulado en data: 04/12/2016 —> 107,00 €
      • 20 parabolts A4 10×90 mm
      • 30 parabolts A4 10×95 mm
      • 43 placas inoxidables 10mm
  • Remanente
    • Saldo restante aínda non gastado en data 06/12/2016 —> 9,00 €
      • Material non utilizado todavía en data 06/12/2016: 7 chapas soltas.
    • Saldo restante aínda non gastado en data 30/04/2017 —> 30,78 €
  • Aportación de material da Federación Galega de Montañismo en marzo de 2017:
    • 74 parabolts con porca e arandela (6 arandelas de menos)
    • 71 placas inoxidables
    • 4 reunións con mosquetón de descolgue
    • 3 reunións con anela
    • 2 placas con anela de descolgue para reunión
      • Os parabolts e placas sobrantes, proporcionadas pola FGM ofrecerase á propia Federación para a súa devolución ou, no caso de que non desexen recuperalo, utilizarase para o reequipamento doutras vías en Faro de Budiño.

Estado dos traballos. FINALIZADOS O 1 DE MAIO DE 2017.

  • 04/12/2016
    • Reequipada completamente El Cartero de Casas Viejas (vía nº 38).
    • Montada a reunión común a La Biagra e El Lamecrikas (vías nº 37 e nº 36, respectivamente).
    • Realizados os furados para os parabolts de La Biagra (vía nº 37).
    • Iniciada limpeza de nova entrada para pé de vías da El Cartero de Casas Viejas e Sube Si Podes (vías nº 38 e 39 respectivamente).

Gonzalo furando coa trade para coloca-los parabolts.
Nova reunión de El Cartero de Casas Viejas
O material orixinal retirado.

  • 06/12/2016
    • Reequipadas completamente La Biagra e El Lamecrikas (vías nº 37 e nº 36, respectivamente).
    • Instalados 2 parabolts na entrada de La Biagra (vía nº 37) para poder comeza-la vía  directamente dende o chan, en vez de dende o risco. Asemade, esta entrada facilita o acceso ó risco escalando en deportiva para face-las vías El Cartero de Casas Viejas e Sube si Podes (vías nº 38 e nº 39, respectivamente).
    • Desinstalados burís e reunión do 1º longo da El Andamio (vía nº 31) e instalados parabolts para poder facer reunión común con La Biagra e El Lamecrikas (vías nº 37 e nº 36, respectivamente).
    • Iniciada a limpeza para a instalación dos parabolts do 1º longo da El Andamio (vía nº 31).
    • Habilitado acceso (rozadas as silvas que pechaban o paso) polo lado dereito do risco para poder trepar (sen necesidade de corda) enriba do risco para face-las vías El Cartero de Casas Viejas e Sube si Podes (vías nº 38 e nº 39, respectivamente).

Gonzalo e Manolo traballando na El Lamecrikas.
Un dos vellos burís da El Andamio, xunto ó seu substituto.
Manolo limpando a entrada de La Biagra.

 

 

 

 

  • 11/12/2016
    • Reequipado completamente o 1º longo da El Andamio (vía nº 31).
    • Iniciada a limpeza do 1º longo da Sí Buana (vía nº 30).
    • Iniciada a limpeza ata a 1ª chapa do 1º longo da Sube si Podes (vía nº 39).

Gonzalo ascendendo polas cordas fixas. Gene probando -co Microcender- a Lamecrikas, recén limpadiña e reequipada.

 

Unha vez agotadas as aportacións recollidas ata o 4/12/2016, no reequipamento de 4 vías (El Cartero de Casas Viejas, La Biagra, El Lamecrikas e o 1º longo da El Andamio), queda pendente retoma-los traballos nas restantes vías, ata cando se dispoña de cartos de abondo para adquiri-lo material necesario. Esperemos que coa vosa xenerosidade, pronto poidamos remata-lo proxectado.

Moitísimas grazas a tódolos/as que colaborastes aportando cartos, material, esforzo, tempo e ánimo 😀

-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o- -o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o- -o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o- -o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-o-

  • 30/04/2017
    • Reequipado o 1º longo da Sube si Podes (vía nº 39): pendente rematar de limpala e colocar 2 parabolts.

 

Material cedido en marzo de 2017 pola FGM para o reequipamento das vías do sector Alfaje.Gonzalo no interior do dolmen entre chuvascadasGonzalo ascendendo pola Sube Si Podes para o seu reequipamento.

 

  • 01/05/2017
    • Rematado e reequipamento e limpeza do 1º longo da Sube si Podes (vía nº 39).
    • Colocado un parabolt extra para permitir unha variante de saída La Biagra (vía nº 37) ata a reunión da El Cartero de Casas Viejas (vía nº 38).
    • Colocada unha reunión independente para El Andamio (vía nº 31).
    • Reequipada completamente a Bacalao Frito (vía nº 29).
    • Reequipada a Morcillona y Reventona (vía nº 28).
    • Substituída a vella reunión do 1º longo da Alfanje.
    • Limpeza da entrada do 1º longo da Alfanje.

 

1ª nova e vella reunión da Sube Si Podes.Gonzalo reequipando o 1º longo da Sube Si Podes.Gonzalo penduleando para acadar unha das vellas reunións.

 

Reunión da El Lamecrikas.Reunión do 1º longo da Directa del Cordel ou El Andamio.A nova reunión da Bacalao Frito.

A vella reunión da Si Buana, sen substituír.
Gonzalo reequipando a Bacalao Frito.André limpando a entrada do 1º longo da Alfanje.

 

O primeiro de maio de 2017, tras realizar tódolos traballos propostos (agás o reequipamento da Si Buana, da que o seu aperturista Pichu Rodríguez, manifestou o seu desexo de ocuparse persoalmente el mesmo de facelo -cousa que fixo no mesmo mes de maio de 2017-), damos por concluído o proxecto de reequipamento e agradecemos infinitamente tanto ás aportacións económicas anónimas e a colaboración persoal nos traballos realizadas pola comunidade escaladora, como a doazón do material realizado pola Federación Galega de Montañismo.

Unha vez máis, reiteramo-lo noso agradecemento a tódolos/as que colaborastes aportando cartos, material, esforzo, tempo e ánimo.

 

Generador de Códigos QR Codes

Save

  1. Luis
    2016 Decembro 6 ás 23:20

    Grazas polo esforzo e traballo realizado para o disfrute de todos.

  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario