Arquivo

Archive for the ‘Medio ambiente’ Category

Convocatoria dunha xornada de traballos para a restauración do pé de vía do sector Binaca, Monte Galiñeiro.

2019 Xuño 30 1 comentario

Convocatoria dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca.

Erosión do pé de vía do sector Binaca.A nosa intención é facer todo o choio nunha soa xornada que, dependendo de canta xente acuda a colaborar, durará medio día ou -ó mellor- todo o día.

Por suposto, calquera pode achegarse libremente a botar unha man (mellor as dúas) cando lle pete, pero imos establecer como hora de concentración para empeza-los traballos as 09:30h da mañá do sábado 6 de xullo, xunto ó refuxio do Monte Galiñeiro..

O único material que cada quen debe traer son luvas (para non manca-las mans ó trinca-las pedras), roupa para traballar e un bocadillo (que seguro que fará boa falta 😉 ).

Pregamos que difundades esta convocatoria e agradeceriamos que as persoas que queiran confirmar que se achegarán ese día nos avisedes, ben persoalmente decíndonolo a Carducho ou a min, ou se non nos vedes ou coñecedes, mediante un correo electrónico a trepadasecordadas@gmail.com. En todo caso se vides sen avisar seredes igualmente benvidos/as.

Toda a info en: Restauración do pé de vía do sector Binaca.

 Erosión do pé de vía do sector Binaca.O pé de vía do sector Binaca perdeu todo o manto de herba que orixinalmente tiña e como consecuencia delo, a erosión socavou máis de medio metro o nivel do chan, deixando un pé de vía en pendente con terra solta e pedras ó descuberto que dificultan tanto o paso como o inicio da escalada e aseguramento; e cun estado que cada vez empeora máis rapidamente.

Volver a crear un novo chan nivelado, con pouca pendente e estable, require da colocación de pedras de gran tamaño encofradas coa madeira apañada nas proximidades para construír uns socalcos escalonados. Localizar e traer dende as proximidades unha cantidade de pedras -e de tan grandes dimensións- como as necesarias, así como trasladar terra de abondo para asentalas e cubrilas, supón un duro traballo para o que se precisaría da colaboración de canta máis xente mellor.

Asemade, para evitar que siga deteriorándose o pé de vía, pretendemos abrir senda un par de metros máis separados do muro, para que o tránsito de subida e baixada ós sectores de escalada principais non contribúa de novo á erosión do que agora reparemos.


Actualización (06/07/2019).

Unha vez realizados os traballos podedes ve-lo proceso e resultado en:
https://trepadas.wordpress.com/convocatorias/restauracion-do-pe-de-via-do-sector-binaca-monte-galineiro-gondomar-pontevedra-galiza/#thefuckingwall

Período de nidificación 2019 en Faro de Budiño

IMPORTANTE AVISO!

O pasado domingo día 16 de marzo de 2019, detectouse unha posta de aves nunha das vías de Faro de Budiño.

Para evitar molestias na crianza das aves, polo de agora, non se debe escalar no sector Calavera e, supoño que sería recomendable evitar facelo nas áreas máis próximas do Primeiro Risco e Segundo Risco.

Prégase pois que non se escale nesa zona, inicialmente durante os 4 meses de marzo a xuño, ou ata que se detecte que xa rematou o período de nidificación.

No caso de que xa se puidese escalar antes do indicado, avisarase á comunidade escaladora cun novo comunicado.

Grazas a todos e todas polo voso compromiso e sensibilidade coa protección do medio natural.


Actualización a 11 de maio de 2019:

Alegacións ó Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia, presentadas pola Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro

MOVEMENTO SOCIAL “POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO”A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro ven de alegar ao Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia sometido a información pública dende o pasado novembro ata o día 3 deste mes.

A alegación que a continuación expoñemos foi para pedir que o citado parque natural sexa ampliado ata abarcar a totalidade da serra de Galiñeiro, dado que eses son os límites fisiográficos da citada serra, e porque os valores de Galiñeiro son quen de merecer tal figura de protección. Hai que ter en conta que nesta parte norte da serra os elementos xeolóxicos e paisaxísticos, os hábitats, os valores botánicos e faunísticos, os elementos etnográficos e arqueolóxicos e o potencial científico, educativo e de esparcemento social son nalgúns casos superiores aos do propio monte Aloia.

Dende o ano 2010 esta plataforma loita pola protección da serra de Galiñeiro, denunciando diferentes atropelos aos que se ve sometida, nomeadamente o proxecto de parque eólico e a explotación mineira de Terras Raras. Dende entón, esta plataforma ten posto de manifesto os valores naturais, patrimoniais e sociais da serra, e así mesmo os distintos colectivos e persoas que a compoñen teñen debatido sobre a figura de protección máis acaída para este espazo natural chegando á conclusión de que a figura de parque natural é a adecuada, sen desbotar outras que tamén puidesen darlle a este territorio unha protección máis local dende os distintos concellos que a forman ou dende as comunidades parroquiais que teñen territorio nela.

MOTIVOS POLOS QUE SE SOLICITA A AMPLIACIÓN DO PARQUE NATURAL MONTE ALOIA

A) Valores xeolóxicos:

Existencia dunha grande e variada riqueza xeomorfolóxica, como exemplos os seguintes:

  • Toda a serra é un notorio Monte Illa ou inselberg referencia no relevo do sur de Galicia.
  • Existencia da cavidade granítica de orixe periglaciar, a “Cova da Becha”, na parte máis elevada da Serra do Galiñeiro.
  • Presenza de cavidades graníticas de interese coma a “Lapa da Moura” en Vilas (Morgadáns, Gondomar), as existentes no Monte dos Arruído en Vincios (Gondomar), ou a formación xeolóxica dos “Milagres da Trapa” na aldea de Os Cabreiros na parroquia de Chenlo (O Porriño), considerada a segunda cova granítica de Europa en extensión.

Outros valores xeolóxicos.

  • En canto á tectónica, a serra forma parte dunha gran estrutura xeolóxica coñecida tecnicamente como un prego sinclinal que testemuña os importantes acontecementos xeolóxicos que deron lugar á formación do Macizo Ibérico.
  • A importancia petrolóxica e mineralóxica desta serra lévaa a ser considerada LIG (Lugar de Interés Geológico, código: 261001) polo “Instituto Geológico y Minero de España”. Isto é debido a que as rochas que a forman teñen una composición química moi significativa e pouco habitual na Península Ibérica, e incluso a nivel mundial.
  • As súas rochas conteñen minerais ricos en Terras Raras, algúns deles son a monacita, a fergusonita e a dingdaoenxita. Este último, atopado recentemente nesta serra, é a segunda cita mundial.

B) Valores paisaxísticos:

  • A serra de Galiñeiro está considerada como Área de Especial Interese Paisaxístico no Catálogo das Paisaxes de Galicia. AEIP_08_20 Serra do Galiñeiro. Na ficha correspondente do Catálogo sinálanse algúns dos valores da serra.

C) Hábitats de Interese Comunitario:

Unha gran parte do Parque Natural Monte Aloia está ocupada por repoboacións de especies exóticas, e pola contra a serra de Galiñeiro contén varios hábitats de Interese Comunitario amparados pola Directiva 92/43/CEE do Consellodo 21 de maio do 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. No seu Anexo I, a mencionada Directiva inclúe os Tipos de Hábitats Naturais de Interese Comunitario para cuia conservación é preciso designar zonas especiais de conservación.

A natureza predominantemente pétrea que caracteriza os relevos dominantes da serra de Galiñeiro ten a súa correspondencia vexetal nun amplo abano de comunidades florísticas, que van dende os hábitats rupícolas dos afloramentos de rocha ou os extensos mantos de xelifractos de orixe periglaciar, até as diversas variedades de matogueiras, onde se entrecruzan as influencias bioclimáticas atlántica e mediterránea. Dentro destas comunidades vexetais encóntranse un bo número de hábitats de Interese Comunitario.

Hábitats de Interese Comunitario ligados a ambientes áridos e rochosos segundo os código indicados pola normativa:

Covas non explotadas polo turismo”. Código 8310.

Desprendementos rochoso”. Código 8130.

Rochas silíceas con vexetación pioneira”. Código 8220.

Pendentes rochosas con vexetación casmofítica”. Código 8230.

Carrasqueiras secas europeas, subtipo carrasqueiras atlánticas con Erica e Ulex”. Código 4030 (Subtipo 31.23).

Carrasqueiras secas europeas, subtipo ibero-atlántico”. Código 4030 (Subtipo 31.24).

Carrasqueiras oromediterráneas endémicas”. Código 4090.

En cotas máis baixas da serra de Galiñeiro danse outro tipo de hábitats igualmente protexidos: “As Carrasqueiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, Código 4020 da citada directiva, coa consideración de Hábitat Natural Ameazado. Ademais a Decisión 2004/813/CE obriga ao Estado Español a aumentar a superficie protexida para este hábitat dentro do seu territorio.

A serra de Galiñeiro aparece representada nos distintos mapas de turbeiras de Galicia, estando incluída no sector serras litorais.Aquí atópanse turbeiras de fondo de val e de ladeira, esta última tipoloxía, pouco frecuente nesta área, está representada polo do Monte das Moutas (Prado, Morgadáns, Gondomar). Estes hábitats están igualmente protexidos pola Directiva 92/43/CEE e pola Decisión 2004/813/CE.

Atópase na serra de Galiñeiro unha corrente de augas oligotróficas con Ranunculus, hábitat de Interese Comunitario. Código 3110.

D) Valores botánicos:

Debido á orografía da serra e a situación xeográfica da mesma conflúen nela os ambientes mediterráneo e atlántico, polo que este espazo constitúe unha encrucillada fitoxeográfica onde se dan elementos montanos e continentais con elementos termófilos e litorais, así como elementos atlánticos con elementos mediterráneos, o que da lugar, incluso, á existencia de endemismos.

  • Especies orófilas nas cotas máis altas da serra coma Avenula sulcata, Saxifraga spatularis, salientando a presenza de Ranunculus nigrescens e Gagea nevadensis.
  • Comunidades rupícolas con abundantes endemismos nos cumios da serra tales como Stipa gigantea, Linaria saxatilis, Thymus caespititius, ou Silene unifolia.
  • Presenza de Erica ciliaris e Erica tetralix nas breixeiras húmidas sobre depósitos de turba.
  • Presenza de Arnica montana subesp. atlantica, Drosera intermedia, Drosera rotundifolia, Pinguicula lusitanica e Carex durieui, entres outras especies de interese, nas brañas e turbeiras.
  • Existencia de Chamaespartium tridentatum e Erica australis na carrasqueira oromediterránea.
  • Diversidade da flora autóctona, con elementos montanos (Betula celtiberica e Ilex aquifolium), mediterráneos (Quercus pyrenaica e Quercus suber) e atlánticos (Quercus robur).
  • Existencia de Ranunculus no hábitat de Interese Comunitario da corrente de augas oligotróficas. Nesta mesma comunidade flotante atópase o endemismo Baldellia alpestris.
  • Existencia de outros endemismos coma Erica umbellata, Ulex micranthus, Ulex minor, Viola lactea e Genista triacanthos na matogueira termófila.
  • Importante poboación do endemismo galego-portugués de Narcissus cyclamineus (o mallo) en todos os curso de auga da serra, mesmo naqueles de carácter estacional. É unha especie que figura no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable. A Directiva 92/43/CEE do Consello do 21 de maio do 1992 recólleo no seu Anexo II de “Especies animais e Vexetais de Interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar zonas especiais de conservación”, e está protexido tamén pola Decisión 2006.
  • A Directiva 92/43/CEE cando establece os fundamentos para a declaración dun espazo como LIC ten en conta que este “contribúa de maneira apreciable ao mantemento da diversidade biolóxica na rexión ou rexións bioxeográficas de que se trate”. Pois ben, na extensa lista desas especies hai bastantes endemismos ibéricos que están presentes na serra de Galiñeiro ademais dos citados anteriormente. Habemos de citar os seguintes nomeados por ambientes:

Ligados a ambientes húmidos, como regueiros, turbeiras e fragas caducifolias: Anemone trifolia subsp. Albida, Omphalodes nitida, Genista berberidea, ademais do xa nomeado Baldellia alpestris.

Ligados a ambientes áridos ou de abrigueiros rochosos: Coyncia monensis, Agrostis delicatula, Festuca paniculata, Genista triacanthos, Hyacinthoides paivae, Ornitogalum broteroi, Thymus caespititius, Narcisus triandus, Saxifraga spathularis, Silene unifolia, Linaria saxatilis, Centaurea limbata. Ademais dos xa nomeados Stipa gigantea e Ulex micranthus

E) Valores faunísticos:

  • Existencia dun núcleo de invernada habitual de azulenta papuda (Prunella collaris), especie de presenza moi escasa e localizada en Galicia, na zona máis septentrional da Serra do Galiñeiro.
  • Presenza dun núcleo de cría de merlo azul (Monticola solitarius) nos cumios máis elevados da Serra do Galiñeiro.
  • Presenza ocasional de abutre común (Gyps fulvus) na Serra do Galiñeiro.
  • Presenza regular na Serra do Galiñeiro de avifauna de interese durante os períodos migratorios prenupcial e postnupcial, como é o caso do picanzo real (Lanius excubitor) ou do pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe).
  • Existencia na Serra de poboacións de saramaganta (Chioglossa lusitanica), endemismo considerado como a especie de anfibio máis ameazada da Península ibérica, incluído no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de “vulnerable”.
  • Presenza dunha especies de anfibios endémicas na Serra, a rá patilonga (Rana iberica).
  • Existencia de importantes poboacións de sapo común (Bufo bufo) na Serra do Galiñeiro.
  • A serra de Galiñeiro acolle varias especies animais consideradas pola Directiva 92/43/CEE en dous dos seus anexos:

En canto ao Anexo II “Especies animais e vexetais de Interese comunitariopara cuia conservación é preciso designar zonas especiais de conservación” viven nesta serra: Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros, Myotis myotis e Discoglossus galganoi, ademáis da xa nomeada Chioglossa lusitanica.

En canto ao Anexo IV “Especies animais e vexetaisque requiren unha protección estricta” nesta serra viven o Lacerta schreiberi,Discoglossus galganoi, Alytes obstetricans e Bufo calamita,ademáis da xa nomeadas Chioglossa lusitanica e Rana iberica .

F) “O cabalo de Pura Raza Galega”:

Na serra de Galiñeiro vive unha poboación de cabalos en réxime de liberdade correspondente ao cabalo autóctono coa denominación de “Cabalo de Pura Raza Galega” que está incluído no catálogo Oficial de Razas de Ganado de España (Real Decreto 2129/2008, do 16 de decembro) incluído no Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción. Ademais do valor intrínseco desta caste de cabalo, este animal exerce o papel de especie claveno mantemento dos hábitats naturais da serra e da súa biodiversidade.

G) Valores etnográficos e arqueolóxicos:

  • Presenza na Serra do panel de armas de “Auga da Laxe”, petróglifo de características únicas no continente europeo.
  • Existencia na Serra de campos de mámoas coma o de “Os Bromús” con tres mámoas, ou o do “Monte das Moutas” con sete.
  • Presenza nos cumios da fortaleza altomedieval do Galiñeiro, declarada BIC, así como as estruturas defensivas -posiblemente vencelladas á mesma- que se localizan en cumios próximos e que representan unha oportunidade única para o estudo do primeiro medievo en Galicia, constituíndo unha das mellores representacións dos denominados “castella tutoria”, unha tipoloxía de fortificacións medievais pouco coñecida aínda no noso país.

H) Valores educativos e sociais

  • Existencia de numerosos itinerarios de enorme valor educativo relacionados cos valores antes citados e coa organización de actividades de orientación (marchas ou carreiras), actividades en contacto coa natureza como marchas, sendeiros, montaña, escalada, deportivas,… así como lugar de descanso, lecer e deporte. Galiñeiro é un espazo rodeado por grandes núcleos de poboación galegos como os concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Tui e Gondomar, así pois está chamado a ser no futuro un verdadeiro pulmón e lugar de lecer e aprendizaxe da bisbarra.
  • Existen varias rutas oficiais de sendeirismo como o GR 53 Panorámico de Vigo, o PR-G1 Galiñeiro e o PR-G2 Aloia, que descorren pola serra de Galiñeiro, e son moi transitados.

 

Para máis información:

Centro Cultural de Vincios. Barrio de Piñeiro s/n, Vincios – GONDOMAR 36316 – Pontevedra

Correo: serradogalinheiro@gmail.com

Enderezo web: http://www.serradogalinheiro.org

http://www.facebook.com/Serra.do.Galinheiro

alegación aloia prux parque natural

https://serragalinheiro.wordpress.com/

Xuntanza informativa sobre as medidas de control e regulación adoptadas pola Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño, respecto das actividades de escalada e montañismo en Faro de Budiño.

O pasado mércores 21 de xuño, celebrouse no salón de actos da Casa das Federacións de Vigo, unha xuntanza convocada pola Federación Galega de Montañismo, na que se invitou a asistir ós/ás escaladores/as, montañeiros/as e directivos/as de clubs de montaña galegos, co obxecto de informar sobre “as novas medidas de control e regulación, de obrigado cumprimento, acordadas pola Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño atendendo así mesmo ás normas de regulación do espazo natural, que afectan as actividades que non só propias da escalada (equipamento de novas vías e reequipamento) senón tamén ás labores de limpeza de vías, de camiños, roza, etc.”.

 Xuntanza informativa sobre a escalada en Faro de Budiño. Fonte: http://fgmontanismo.es/xuntanza-informativa-sobre-a-escalada-no-faro-de-budino/Conduciu a xuntanza o vogal de Equipamento de Zonas Escola de Escalada e Delegado do Equipo da F.G.M., Jose Antonio Villar, que tomou a palabra en primeiro lugar para expo-la nova situación.

Empezou por indicar que, tivera unha reunión coa Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño, a petición da mesma, na que expuxéronlle a súa determinación para ter un maior control sobre o que se facía no seu monte (o que incluía tamén as paredes de Faro de Budiño). Non explicou a que se podía achacar este súbito interese por controla-la actividade montañeira, pero eu supoño -e isto é só unha opinión persoal miña e doutros/as escaladores/as- que se cadra veñen observando unha maior presión de actividades (apertura de pistas de BTT e circulación de motos polas mesmas, rozas para acceder a sectores de escalada, algunha limpeza de vías chamativa, algún equipamento de vías en lugares emblemáticos para os/as paisanos/as, ocupación das súas mesas do merendeiro por actividades organizadas por clubs, tráfico de vehículos pola pista levantando pó cando están xantando os/as comuneiros/as nas devanditas mesas,…). O caso é que a Comunidade de Montes quere que se limiten as actividades de apertura de novas vías, reequipamento das vellas, limpeza das mesmas e o desbroce. Asemade, tamén quere estar informada previamente da celebración de actividade grupais, colectivas, mercantís que transiten ou se fagan nas súas lindes (isto claramente afecta directamente ós Clubs).

En canto á actividade de escalada pura (non de apertura), non hai ningún tipo de restrición, polo que pódese seguir practicando con normalidade como se ven facendo habitualmente ata o de agora.

Por outra banda, a Comunidade de Montes tamén quere regula-lo aparcamento, polo que vai a impedir que se poida estacionar nas beiras da pista, xa que pretende que se utilicen as áreas de aparcadoiro que habilitou recentemente co gallo da Xuntanza de Escalada en Faro de Budiño 2017 celebrada a primeiros de maio. É máis, durante a tempada de verán van a restrinxi-lo paso pola pista as fins de semana, para que non se poida circular máis aló do aparcadoiro habilitado, polo que parece que prepararán unha pista alternativa para poder chegar ata o campo de búlder, sen levantar pó xunto ás mesas do merendeiro.

Xuntanza. Fonte: https://www.facebook.com/events/117127325545196/permalink/122803538310908/Unha vez explicado todo isto, a intención da Federación é a de que sexa o Comité Técnico de Escalada do Faro de Budiño quen decida, consensuadamente coa Vogalía de Escalada da F.G.M, que proxectos de aperturas, reequipamentos e limpezas poden ser acometidos, en base a criterios de interese do percorrido ou singularidade da liña, de tal xeito que só se abran novas vías que aporten algo diferenciador con respecto o que xa haxa.

Deste xeito, o procedemento esixiría que cada proposta dalgunha das actividades suxeitas ó control da Comunidade de Montes, se presentase formalmente perante a F.G.M., que a faría chegar ó Comité Técnico de Escalada do Faro de Budiño, para o seu estudo e aprobación -se así o estimasen- e por último exporíase á Comunidade de Montes para que o autorizase (isto último non tería, en xeral, que ser un problema xa que suponse que darán por bo o criterio técnico adoptado pola F.G.M.). En todo caso, o procedemento formal a seguir para solicitar actividades en Budiño, a Federación quedou en establecelo e publicitalo proximamente, así como o protocolo que acabo de describir.

Xuntanza coa Xunta de Galicia sobre a escalada en Donón. Fonte: https://www.facebook.com/440380579375577/photos/a.440416502705318.1073741826.440380579375577/1387432714670354/?type=3Unha vez explicada a situación, abriuse un debate no que intervimos varias das persoas presentes na xuntanza (eramos ó redor dunhas 30), solicitando algunhas aclaracións ou propoñendo cousas, entre as que considero máis salientables as seguintes:

  • A nova situación supón unha nova limitación á actividade escalatoria, aínda que, a diferenza do que sucede coas restricións nas zonas da Rede Natura de Galicia, hai que recoñecer que permítenos continuar escalando sen dificultades substanciais.
  • A Comunidade de Montes non dixo nada acerca das pernoctas, polo que parece que namentres se siga facendo de xeito discreto, puntual e respectuoso non tería que haber problemas.
  • Non pasa nada porque se corten unhas silvas a pé de vía, ou que se lle quite algo de terra a calquera fenda, pero parece evidente que usar unha desbrozadora, ou unha trade -aínda que sexa para renovar unha reunión vella- non se podería facer sen a solicitude do correspondente permiso. -Despisteime e non pedín que aclarasen coa Comunidade se o feito de usar unha fouce ou un machete para limpar de silvas as sendas ou a área de influencia dun pé de vía, podía parecerlles excesivo…-. A norma básica a utilizar é a do “sentido común”.
  • Con respecto ás limitacións da Rede Natura, hai que salientar que Galicia é a única Comunidade Autónoma de España na que se impón a obrigatoriedade de solicitar permiso para escalar con antelación (seica en Tenerife hai algunha restrición, pero por motivos específicos), polo que preguntei se a F.G.M. está realizando algún tipo de xestión formal perante a Administración para revogar estas normas en todo o noso territorio, ó que responderon que non, pero que se levaba tempo realizando xestións de tipo persoal (establecendo relacións, dialogando, …) respecto dalgunhas zonas de escalada, das que non daban conta para evitar “xerar expectativas”. Neste caso eu non podo estar de acordo coa liña de actuación mantida pola F.G.M. ó longo de xa moitos anos, empezando porque non presentaran alegacións non período correspondente á proposta de regulación da Rede Natura en Galicia, nin que posteriormente tampouco presentasen propostas, a través dos cauces formais e administrativos da Xunta, para evita-la necesidade de autorizacións previas, nominativas e limitadas no tempo para escalar nos lugares nos que tradicionalmente se viña facendo, así como que, todavía hoxe en día, non se aborde dende a propia F.G.M. a tarefa de identificación rigorosa dos espazos de escalada que en toda Galicia existen, para abordar de xeito global e conxunto o permiso implícito da escalada en todos eles, sen menoscabo de que nalgúns deses lugares sexan precisas distintas tipoloxías de regulacións, limitacións, ou mesmo prohibicións, cando existan causas concretas, reais e xustificables que así o esixan.
  • Ó fío do anterior, Alfonso Louro, en representación da delegación galega de Escalada Sostenible, explicou a labor que viñan desenvolvendo, co respaldo da F.G.M., para tentar acadar regulacións acordes á nosa práctica nos espazos protexidos, e aínda que paréceme unha iniciativa moi loable, eu non podo estar de acordo con que se ocupe disto unha organización que non sexa a propia Federación, que é quen conta co aval e a forza que lle confiren as miles de persoas federadas ás que representan, así como o propio recoñecemento que a Administración lle outorga como organismo coas atribucións de xestión do deporte da escalada e do montañismo.
  • Pola súa banda, a Presidenta do Club Montañeiros Celtas, Lourdes Castiñeira, sinalou que dende a F.G.M. debera de solicitarse á Xunta, o recoñecemento de espazos deportivos para a práctica da escalada de todos aqueles lugares que usamos para este fin, se cadra baixo algunha figura legal similar á das instalacións deportivas ó aire libre. E a este respecto, eu engadiría, que os actuais mecanismos de solicitude de permiso para escalar nas distintas zonas restrinxidas, é evidente que son puramente disuasorios, xa que nin permiten cuantifica-la afluencia real de xente, nin serven para valora-lo impacto que causa, nin identifican que flora ou fauna se está a protexer nos lugares concretos afectados, nin permiten avaliar se a presión ó medio por parte da escalada ten algunha relación ou efecto constatable en cada biotopo.
  • Restrición escalada en Donón. Fonte: http://fgmontanismo.es/aviso-a-todos-e-todas-escaladores-que-se-acheguen-a-donon-e-cabo-udra/Por último, un representante -sinto non poder identificalo, pero non o coñezo- do Club AROMON Pontevedra Montañeiros A Roelo, explicou como logo do aviso por parte da F.G.M. de que se establecía tamén a limitación da escalada na zona de Donón, organizou -a instancias do propio Club- unha xuntanza con técnicos/as de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para amosarlles a zona de escalada e que eles/as mesmos/as puidesen observar o seu nulo impacto no medio e nas especies que pretendían protexer. A esa xuntanza tamén acudiron representantes dos clubs de montaña Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Club Montañeiros Celtas, xunto á Federacion Galega de Montañismo, e o Concello de Cangas do Morrazo e á Xunta de Galicia. E polo que explicou o representante do Club, resultou moi produtiva, posto que acordouse que namentres se xestionaba coa Xunta a autorización para a escalada sen necesidade de permiso previo neste lugar, non se sancionaría a ninguén que realizase esta actividade. En todo caso, se a alguén que estivese escalando en Donón lle pedise un garda ou policía que se identificase, non debe de poñer obstáculos a isto, xa que -no peor dos casos- se esa garda non estivese ó tanto deste acordo, o expediente sancionador ten que tramitalo a Xunta, polo que o paralizaría cando chegase a ela, co que non se tramitaría e nunca se multaría ó/á escalador/a. No Facebook da Federación hai unha entrada cos “acordos” adoptados entre os Clubes, a FGM, o Concello de Cangas e a Xunta:
    • 1) Solicitar nun plazo máximo de 15 días, dende a Federación Galega de Montañismo, a autorización administrativa á Xunta de Galicia para a práctica da escalada permanentemente e non nominal en Donón, sen que fixera falta autorización persoal.
    • 2) Mentras non se resolve o expediente administrativo entre a FGM e a Xunta, dende a FGM pedímoslle a Xunta un “status quo” no tocante á falta de autorizacións persoais, para que non se iniciaran expedientes de infracción por parte da Xunta a ningún escalador/a, ainda que non se teña tramitada a solicitude, polo feito de escalar en Donón.

E coido que iso foi todo o que se tratou nesta xuntanza; se alguén detecta que omitín algo relevante, agradeceríalle que mo indicase para incluílo. Espero que vos sexa de interese a información aquí aportada.

Refugio de la Vega de Urriellu, o peor refuxio de montaña do mundo; un pseudo-refuxio…

Fosa séptica do refuxio de Urriellu, desbordando augas fecais.Seguramente é unha esaxeración, pero permitídeme o exceso verbal do titular deste artigo para chama-la vosa atención, sobre a vergoñenta situación do que sen dúbida é un dos refuxios máis senlleiros da montaña española.

Acabo de regresar a casa logo de pasar 3 días na Vega de Urriellu, e o primeiro que fixen foi denuncia-lo flagrante delito ecolóxico e contra a saúde das persoas que o refuxio está cometendo en pleno centro dun espacio protexido como é o Parque Natural de los Picos de Europa.

Resulta que a fosa séptica do refuxio, está vertendo de forma ben visible e continuada ó longo deste verán, augas e residuos fecais a escasos 6 metros da fonte de auga potable situada no seu lateral, sen que se teña tomado a máis mínima medida correctora, nin por parte do refuxio, nin das institucións e autoridades competentes; e xa non é que non se faga absolutamente nada para evitar e corrixi-lo vertido, é que a actividade normal do refuxio non sufriu un mínimo cambio: nin se informa do feito en si ás persoas que se aloxan ou que transitan polas súas proximidades, ou ás que se surten de auga na fonte, pese ó nauseabundo fedor que se percibe, nin se advirte dos perigos que para a saúde supón permanecer nas súas inmediacións, ou que ditas augas se filtren e rematen contaminando as correntes subterráneas que val abaixo surten manantiais e regatos dos que fan uso as poboacións da comarca. Nada se fai, porque calquera acción conlevaría a suspensión inmediata da actividade do refuxio, e iso significaría paraliza-lo negocio… -O negocio! Esa é a clave.-

Este edificio xa fai tempo que deixou de ser un refuxio de montaña, para converterse nun mero establecemento de hostalaría, xestionado como se dun albergue turístico de 3ª se tratase, no que chegada a hora de deitarse, péchase con chave a porta impedindo o libre acceso de calquera persoa que aparecese de noite de improviso ou con dificultades, ou no que se venden latas de refresco caducadas sen que, unha vez que se lles advirte do feito, consideren que deben ser retiradas da venda ó público e continúan despachándoas sen ningún rubor.

Si, xa sei que haberá quen pense que tampouco é para tanto e que non hai que ser tan puntilloso, despois de todo estamos nun entorno complicado de montaña e hai que ser comprensivos…, pero resulta que sigo observando máis detalles e situacións reprobables, como que, pese a que esteamos nun centro neurálxico da actividade montañeira e escalatoria, no que a información meteorolóxica é fundamental, xa non se coloca o parte do tempo na entrada, ben visible para calquera que pase, senón que hai que preguntar en recepción por el para que cho canten escuetamente e á carreira; ou que en vez de que as comidas sexan o suficientemente abondosas e nutritivas -non digo sabrosas, sás ou de calidade,…- como para satisface-las necesidades desas persoas que necesitan recargar enerxías antes ou despois de duras, longas e -ás veces incluso- perigosas xornadas de pateo, escalada ou carreira, ofrezan unha mala comida da que non só non informan de en que vai consisti-lo menú do día, senón que non teñen ningún problema en darche un primeiro prato de sopa e un segundo de lentellas para que non che falten líquidos, xa que eles non che proporcionan os “sólidos”. Se aínda por riba resulta que non che permiten reserva-la cea para o seguinte día -con previo pago, eh!-, e dinche que ata á hora do almorzo do seguinte día non o podes facer, co que te obrigan a que non poidas empeza-la túa actividade antes desa hora se queres cear no refuxio… -pois… xa se van acumulando moitos malos detalles, eh…-.

Pero é que aínda non se acaba aí a cousa, porque se cando che din que hai que estar puntuais para cear e ti lle replicas que antes -anos atrás, cando un aínda era un mozo que practicamente podía estar só nesta mesma época en calquera das paredes do Picu- as cousas non eran así, aínda che espetan que todo cambia para mellor, e que se non te chega o tempo, se cadra o que tiñas que estar era xa na base da vía, en vez de no refuxio -obviando que é o seu propio protocolo o que te obriga a pasarte a face-la reserva da cea a esa hora, con plena desconsideración ás elementais necesidades horarias de escaladores e montañeiros en xeral-, quédaste con cara de parvo cavilando en que carallo de mellorías serán esas nas que estará pensando o fulano…

Caldeiriños cheos de papeis de cagar que rematan caendo polo furado da letrina, no refuxio da Vega de Urriellu.E nestes intres aínda haberá quen diga que pese a que no refuxio non lles importe a contaminación que causan, nin que a comida sexa mala e insuficiente, nin vender produtos caducados, nin adapta-lo horario do almorzo ás necesidades das actividades montañeiras, nin facilita-la reserva das ceas a quen o queira face-la véspera, nin dar a coñece-lo menú que vas pagar anticipadamente, nin deixar á vista a previsión meteorolóxica, nin que unha persoa que chegue intempestivamente se atope coa porta do refuxio pechada con chave, nin … o importante é que a cantina estea aberta e que colguen cada día no Facebook unha foto do mar de nubes ó amencer para que suban moitos turistas, aínda que logo teñan que facer pirámides cos papeis de cagar enriba do minicaldeiro que colocan en cada letrina e que irremediablemente desborda por ese furado cagadeiro, no que o refuxio advirte que non se boten xa que atascan e enchen a fosa séptica… -mira ti que tiña fácil solución con colocar unhas bolsas grandes para recolle-los papeis usados, ou con facer máis dunha quenda de recollida diaria deses caldeiriños…-.

A mostra final da deturpación da función orixinal que motivou a construción deste refuxio, e que tiña como obxectivo servir de abrigo e campo base para as actividades montañeiras, é a eliminación da posibilidade de que un poida cociñar no interior do mesmo. No ano 2011 acometéronse unha serie de reformas no refuxio para -segundo a Federación asturiana publicitou- resolver algúns problemas no sistema eléctrico e de calefacción, e que serviron de excusa para elimina-lo espazo no interior do comedor do que antes dispuñan os/as montañeiros/as para cociña-los seus propios alimentos. Lonxe de recoñecer este despropósito, dende Federación e Refuxio replicaban ás persoas que reclamábamos a restitución deste servizo, que estaban “buscando unha solución” -vese que debe de estar moi ben escondida porque ata o de agora aínda non a atoparon…-.

A estas alturas da miña descrición, conviredes comigo en que máis que refuxio, debería de cualificarse como “albergue” ou “aloxamento hostaleiro turístico”, xa que está claro que non responde ó significado do que é un “refuxio de montaña”, alomenos non en base ós usos e costumes asociados á comunidade montañeira, que os ven utilizando dende o nacemento do alpinismo aló polo século XIX. Neste senso, no refuxio gardado de media e alta montaña, ademais de contar con máis ou menos servizos (mantas, comida, bebida,…) pódese obter información das rutas, o tempo, estado da neve, horarios, vías de escalada,…; pero en todo caso, a súa finalidade e o seu funcionamento habitual ven estando supeditado ás necesidades de excursionistas, montañeiros e escaladores, algo que vai máis aló da pura definición formal que poderíamos atopar en calquera dicionario.

Evitando a polémica sobre as diferentes opinións enfrontadas entre as persoas que defenden uns refuxios con cada vez máis servizos e comodidades (tipo hotel) e as que optan pola austeridade e sobriedade, en todo caso está claro que na actualidade e no futuro, as intervencións neste tipo de construcións deben de contempla-la preservación da natureza e o impacto ambiental que poden supor, e non basear o seu modelo de xestión na simple matemática da capacidade de aloxamento e na masificación turística auspiciada pola mellora na accesibilidade á alta montaña: as diferencias entre hoteis e refuxios, xa non teñen porqué ser de índole de servizos, pero si que o son en termos do tipo de actividades que practican os/as seus/súas usuarios/as, e da xestión que se fai en base ás mesmas.

Para rematar, quédome coa definición que Agustín Faus, facía no seu Dicionario da Montaña (Ed. Juventud, 1963): “Os refuxios son construcións xeralmente toscas e reducidas que se atopan en sitios solitarios das montañas e que facilitan considerablemente as excursións montañeiras”. Seguro que actualmente poderíamos completala moito máis, pero a súa esencia, segue sendo a mesma, aínda que haxa quen se empeñe en deturpala…

Save

Save

Categorías:Denuncia, Medio ambiente