Arquivo

Archive for the ‘Rocha’ Category

Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), do 1 ó 7 de agosto de 2021.

Benasque. Mapa Topográfico Nacional 1:50.000. 1988. Cartoteca do Instituto Geográfico Nacional. Fonte: https://www.ign.es/web/catalogo-cartoteca/resources/html/034132.htmlNo último intre embarqueime coma polisón na saída ó val de Benás do Club Alpino Ourensán para poder facer algo de montaña, logo da inactividade que a pandemia do COVID-19 nos provocou durante xa fai máis dun ano.

No ano 2010, estiveramos neste mesmo val de Benás, pero a verdade é que eu nin sequera o lembraba: cousas desta miña desmemoria…

Neste Campamento Pireneos 2021, a proposta das actividades tivo que adaptarse ás malas previsións meteorolóxicas, renunciando, no caso das actividades de montaña, a algunha das ascensións e vivacs previstos, pero iso non impediu que aproveitaramos ó máximo a nosa semán por eses lares.

O campo base estaba no Camping de Los Baños, situado a 9 Km. de Benás, que conta tamén cun hotel (Hotel Turpi), pero que non dispón de cobertura móbil, nin conexión wifi, o que realmente non sería un problema salvo porque isto dificultaba a nosa intercomunicación e a simple consulta das previsións meteorolóxicas; iso si, a comida do hotel, estaba moi boa. 😀

Aloxamento, comida e compras:

Previsións do tempo en Benás:

 

Ruta por estrada ata o camping de Los Baños (Benás):

Percorrido polos ibóns de Alba, Cregüeña e Coronas, partindo dende Los Baños e rematando en Plan de Senarta.

Fotos de Ibóns de Alba, Cregüeña e Coronas, Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), 1 de xullo de 2021A nosa primeira actividade foi bastante numerosa (Lucas, Manu, Aviñoá, Mundi, Beni, Miguel, Jesús, Luz, Nina, Carmela, Maite, Antón, Raquel, Xiana, Carina e eu) e consistiu nun percorrido por varios vales que nos permitisen ir recoñecendo parte do noso terreo de xogo; así, partindo ó redor das 8 da mañá dende o mesmo camping de Los Baños, ascendimos por unha pista para vehículos ata o actualmente abandoado balneario de Los Baños de Benasque. Proseguimos por unha senda con hitos que ascendía por pendentes de herba e árbores ata acada-lo fermoso ibón inferior de Alba nunha hora -aproximadamente- desque abandoamo-lo camping. Nese punto a rocha empeza a predominar no noso camiñar ata o ibón superior de Alba, dende onde xa se convirte en protagonista cando nos adentramos entre grandes bloques e pedreiras para acadar, ó redor das 11 da mañá, unha golada que coido que é a chamada Collado inferior de Alba.

Arrodeando o ibón de CregüeñaDende ese punto empezamos a descender con vistas ó ibonet de Cregüeña. Seguimos os hitos por pedreiras que nos guían para ascender ata o máis grande e profundo dos ibóns do Pireneo, o ibón de Cregüeña, xunto ó que tomamos un descanso ó redor das 13:20 h; continuamos arrodeándolo, seguindo hitos, para ascender de seguido ata a Collada de Cregüeña onde paramos novamente ó redor das 15 h.

Cos ibóns de Coronas xa a vista, iniciamo-lo descenso por entre os bloques de pedras da outra vertente para entrar no val de Coronas, vendo como no extremo oposto ó noso, a aresta de Llosars presenta un paso que permite acceder ó val de Llosars, e que en vindeiros días usaremos como inicio da escalada ó Aneto pola devandita aresta.

Aínda que inicialmente tiñamos previsto pasar ó val de Llosars e dende aí finalmente ó de Ballibierna, decidimos descender directamente polo val de Coronas, inicialmente todavía por entre grandes rochas, pero xa logo máis comodamente por prados e bosque para colle-lo último autobús, das 18:30 h, en Puente Coronas que -por 10’60€- nos deixaría ó redor das 19:15 h en Plan de Senarta, onde quedara un dos nosos coches co que ir varios de nós ó camping para volver con máis vehículos a recolle-lo resto.

Se se prescinde do vehículo, subir andando de Plan de Senarta ata Puente Coronas levará unhas 2 horas e 15 minutos, e baixar ó redor de 1 hora e 50 min.

Plano con parte da ruta polos ibóns de Cregüeña, Coronas e descenso por Ballibierna:

 

Ascensión ó Posets pola aresta de Espadas

Fotos de Posets pola aresta de Espadas, Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), 2 de xullo de 2021Ás 6 da mañá saía o primeiro autobús dende Eriste ó final da pista da Espigantosa, así que tocou madrugar para, unha vez abonados os 10’50€ do prezo do billete de ida e volta, chantámonos Aviñoá, Carmela, Carina, Luz, Jesús, Raquel, Manu e eu, ó inicio da nosa ruta ás 6:30 h.

A primeira parte do noso percorrido vai por unha senda PR ben sinalizada ata o Refugio Ángel Orus, e ó pouco pasa xunto a coñecida fervenza de Espigantosa, para logo cruza-lo río por unha ponte e continuar polo bosque durante unha hora; a última media hora do ascenso xa é sen a protección da arboreda, e ás 8 da mañá tomamos un descanso dunha media hora no refuxio.

A partir deste punto seguimo-la ruta do GR 11.2 ata o ibón de Llardaneta ó que chegamos sobre as 10:00 h., por terreno pendente e cruzando o torrente Llardaneta por unha ponte metálica que leva xa unha chea de anos rota. Logo doutra media horiña de descanso abandoamo-la senda GR para ascender á dereita en dirección Norte seguindo uns hitos que sinalan a ruta Normal de ascenso ó Posets, pero en canto chegamos ó circo da Llardaneta -perimetrado pola aresta de Espadas co Posets- (30 minutos), dende onde xa se pode ver todo o percorrido que faremos polo crista, tomamos dirección Oeste cara ó Diente Royo que se pode ver á nosa esquerda. O resto do camiño xa é fundamentalmente por rocha e algo de pedreira ata que acadamos ese punto de conexión coa aresta ó redor das 11:40 h.

 

Unha nova paradiña duns 20 minutos antes de empeza-la trepada e ó redor das 12h gardabamos os bastóns na mochila e empezamos a usa-las mans cara ó noso primeiro cume, o Pavots; a aresta prosegue por varios altos máis, o Espadas, a Tuca Llardaneta, a Tuqueta Roya e finalmente o Posets. 

A aresta faise en xeral sen demasiada dificultade salvo no destrepe de Espadas ata o famoso Paso del Funambulista, un paso de III no ascenso á Tuca Llardaneta e un novo destrepe delicado antes da Tuqueta Roya.

Tomamos un novo descanso no Collado de Jean Arlaud, dende onde xa remataron as dificultades posto que só resta unha media hora para ascende-la pedreira pola que acada-lo cume do Posets, ó que chegamos ó redor das 15:30 h.

Tomamos un descanso duns 20 minutos para xantar no cume, e inicamo-lo descenso seguindo a ruta Normal do Posets, chegando á base da Canal Fonda en menos dunha hora. Dende aí xa empatamos facilmente co noso percorrido de ascenso no circo da Llardaneta e continuamos desandando a senda ata chegar ó Refugio Ángel Orus ó redor das 18 h.

Os 2 últimos autobuses de retorno espaciabanse 3 horas e media, xa que partirían ás 17 h e 20:30 h, respectivamente, polo que aínda que inicialmente previamos que poderiamos estar de volta para o primeiro deles, evidentemente non foi o caso, así que dado que nos sobraba o tempo remoloneamos na terraza do refuxio facendo tempo, xa que contabamos que con hora e media para o resto do descenso sería de abondo. 

Pero na baixada relaxamonos de máis e logo de que tomaramos unha senda equivocada ó equivocarnos nun cruce, a piques estivemos de non chegar a tempo, e o noso relaxante paseo ó autobús convertiuse nunha carreira na que os primeiros en chegar a Espigantosa -xusto á hora de partida do bus- tiveron que pedirlle ó condutor que nos fose concedendo sucesivas prórrogas a medida que iamos chegando ós poucos… Afortunadamente o home foi benevolente e ás 20:40 h estabamos todos xuntos, sudando e abafados, subindo a ese transporte que en media hora nos deixou xunto ó noso coche na parada de Eriste. 

 

Información da ruta:

Plano coa ruta de ascenso pola aresta de Espadas ó Posets, baixando pola Normal:

Aresta de Espadas ó Posets baixando pola Normal. Fonte: https://https://www.rutaspirineos.org/rutas/cresta-de-espadas-al-posets

Aresta de Espadas ó Posets baixando pola Normal. Fonte: https://https://www.rutaspirineos.org/rutas/cresta-de-espadas-al-posets

 

Horarios e prezos dos autobuses polo val de Benás:

 

Escalada do Espolón Picapiedra no Pico de la Renclusa, D sup, V, 400 m.

Fotos da escalada do Espolón Picapiedra no Pico de la Renclusa, Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), 3 de xullo de 2021As choivas prognosticadas obrigáronnos a tomarnos unha xornada de actividade curta, así que cando Lucas propuxo ir a facer unha vía rápida no Pico de la Renclusa apuntámonos con el, Luz, Mundi, Aviñoá, Beni e eu.

O día estaba algo inestable, cambiando néboas con sol e ás veces algo de aire, así que sen madrugar nin apurarnos moito ás 10:30 h estabamos facendo cola no aparcadoiro de Llanos del Hospital para colle-lo autobús que nos levaría ata La Besurta; dende aí en media hora acadamo-lo refuxio de La Renclusa e noutros 3 cuartos de hora o pé de vía, baixo a cara Norte do Pico de la Renclusa.

Por diante empezaron Lucas e Luz, logo arrancaron Mundi e Aviñoá e rematamo-lo tren Beni e eu: empecei en zapatillas de montaña vendo que o terreo non era moi esixente, pero dende o 5º longo no que me puxen os gatos xa non os quitei para non volver a perder máis tempo. Beni e eu fomos alternando sempre os longos en cabeza, pero deberiamos ternos desencordado ou alomenos ido en ensamble no último longo, xa que o rozamento da corda nese terreo pouco vertical foi un coñazo.

  • L1 (IV+, 50 m). Hai 2 diedros, o da dereita algo máis herboso, polo que parece mellor usa-lo da esquerda, que ten algún cravo e que ademais vai máis recto.
  • L2 (IV, 40 m). Terreo escalonado e con herbas que nos deposita nunha campa de pedras e herba. A reunión conta cun spit lazado a un bloque cun cordino.
  • L2 bis (50 m). Camiñamos ou avanzamos en ensamble ata a base do cercano muro onde un spit invítanos a monta-la reunión.
  • L3 (IV, 50 m). Comezamos con tendencia á esquerda (Luichy xa advirte deste erro no seu croquis), escalando entre grandes bloques cara ó característico diedro deste longo, sobre o que se atopa a seguinte reunión.
  • L4 (IV+, 45 m). Saímos pola esquerda da reunión e tiramos verticalmente ata unha terraza de herba sobre a que se atopa a reunión.
  • L5 (V, 50 m). Unhas placas con fendas nas que protexer lévannos pola dereita cara arriba. A reunión está nunha placa sobre unha terraza de herba próxima ó fío do espolón.
  • L6 (IV, 50m). Ascéndese por entre bloques á esquerda do fío e próximos a el.
  • L7 (IV, 50 m). Tirar cara arriba por onde mellor se vexa, ata atopa-lo bloque cun spit da reunión xunto ó fío.
  • L8 (III, 55 m). Mellor facelo en ensamble ou directamente desencordados porque o roce da corda é un problema, especialmente para asegurar ó segundo. A reunión consiste nun spit reforzado cuns cordinos anudando un gran bloque, que serve tamén de instalación de rápel para o descenso.

 

  • Comentarios: Vía fácil de protexer, moi discontinua, con abundantes terrazas e tramos herbosos, e con 2 ou 3 puntos de rocha en descomposición polos que eu non a recomendaría para empezar nisto da escalada en parede, aínda que esta vía estea considerada como de iniciación. O ambiente é brutal, xa que cando collemo-lo fío do espolón, á nosa dereita impresiona o inmenso circo glaciar do circo da Maladeta. No 3º longo, Luichy advirte que a tendencia é a de ir cara á esquerda a por un diedro, en vez de inicialmente cara á dereita como aparece debuxado no seu croquis. As reunións son cómodas e están equipadas con 2 spits, agás a 2ª, 2ª bis, 7ª e a última que só teñen un.
  • 1ª ascensión: Agosto de 1982, por Manuel Monsonis e Luis Alfonso (Luichy). Reequipamento das reunións con spits en xullo de 1996, por Alex Soriano, Rosana Gómez e Luis Alfonso.
  • Aproximación: Deixando o coche en Llanos del Hospital para colle-lo autobús ata La Besurta, só hai que continuar polo camiño que sube ata o refuxio de La Renclusa, seguir dende aí polo sendeiro que leva cara a Aigalluts e na golada abandoalo para seguir con tendencia á dereita ata o pé do contraforte do pico Renclusa; unha hora e cuarto aproximadamente de camiñada. A vía ten no chan varios hitos sinalando por onde comeza.
  • Descenso: A vía no remata no cume, senón nunha brecha duns 30 m de altura que é posible destrepar ou rapelar (hai un spit e varios aneis de corda). Descendendo cara a dereita polo Barranco de la Maladeta, metémonos na súa inmensa pedreira para descender cara o refuxio e retornar pola mesma senda de subida ata o aparcadoiro do autobús.
  • Material: dúas cordas de dobre de 60 m, un xogo de friends (ata o nº 2 de Camalot), 1 xogo de entaladores e 10 cintas, ademais do equipo individual de escalada habitual.
  • Auga: No exterior do refuxio de La Renclusa hai uns grifos.
  • Croquis e info:

 

Ascensión ó Aneto pola aresta de Llosars (ou Llosás), AD

Fotos da ascensión ó Aneto pola aresta de Llosars, Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), 5 de agosto de 2021A principal actividade prevista polo clube era a ascensión ó Aneto pola aresta de Llosars que, dada a súa lonxitude, levarianos moito tempo, especialmente se non nos desenvolvesemos con solvencia en terreno de trepadas con exposición. Así pois, a víspera do ascenso estivemos repasando no camping o sistema de encordamento en ensamble para asegurarnos que poderiamos recoller, colocar en bandoleira e anuda-la corda de forma áxil e correcta, xa que previamos que nalgún tramo teriamos que utilizar esta técnica de encordamento; ademais acordamos que as cordadas serían independentes entre si, para ir ó seu ritmo e de forma autónoma, de tal xeito que cada unha decidise, en función do seu ritmo, non chegar ó cume do Aneto ou cara a onde descender, tendo en conta un par de horarios topes:

  • Se ás 14:00 h, non se tivese xa acadada a Brecha Superior de Llosars, habería que aborta-lo ascenso ó Aneto e descender cara o val de Coronas dende esa Brecha, tendo en conta que o último autobús sairía de Puente Coronas ás 18:30h. 
  • Se ás 15:00h, non se tivese acadado o cume do Aneto, non se podería descender pola Normal Norte ata a Collada de Coronas e dende aí baixar polo val de Coronas, porque sería improbable que se chegase a tempo para colle-lo último autobús que sae de Puente Coronas ás 18:30 h; nese caso habería que baixar cara o Val de La Renclusa, xa que o último autobús sae dende La Besurta ás 21 h. 

Fomos 4 as cordadas que conformamos, cos seguintes membros:

  • Nina e Manu.
  • Luz e Lucas,
  • Antón, Mundi e Aviñoá.
  • Beni e eu

Ás 11 da noite xa estabamos no saco porque ás 5:15 h tiñamos que colle-lo primeiro autobús que saía dende Senarta (10’6€ só ida) e non debiamos arriscar a que alguén quedase fóra do bus por non sé-los primeiros á cola (-como me fastidia que na montaña tamén teñamos que estar pendentes das puñeteiras colas e horarios…!-).

Á hora da verdade resultou que fomos bastante agrupadas todas durante o percorrido, polo que entre as 14:00 h e as 14:30 h fomos chegando ó cume cada cordada, sen que a maioría tivesemos que usa-la corda máis que nos rápeles.

O percorrido completo desta aresta SW dende a brecha inferior de Llosars ata o Aneto é unha das máis longas do Pirineo (máis de 2 Km) e está moi detalladamente descrita en multitude de publicacións por Internet, así que non ten moito sentido que repita a descrición do seu itinerario, polo que simplemente comentarei algunhas peculiaridades. Para empezar, son varias as puntas polas que pasa: Aguja Argarot Sur (3039 m), Aguja Argarot (3040 m), Aguja Tchihatcheff (3052 m), Aguja Franqueville (3065 m), Punta Sur da Brecha Superior de Llosars (3087 m), Aguja Escudier (3315 m), Aguja Daviu (3350 m) e, finalmente, o Aneto (3404 m).

As 3 principais desas puntas no tramo inferior da aresta, Argarot, Tchihatcheff e Franqueville, son así nomeadas en lembranza dos primeros ascensionistas do Aneto.

Percorrido e horario:

  • 06:00 h. O autobús déixanos en Puente Coronas. Xunto á parada empezamos a camiñar ás escuras seguindo a senda que vai polo Barranco de Coronas, á esquerda do río no sentido en que ascendemos. Esta senda é a aproximación á vía Normal do Aneto por Coronas.
  • 07:30 h a 08:00 h. Descanso xunto o Ibón Inferior de Coronas, baixo a canle de pedras que leva á Brecha Inferior de Llosars. Á nosa dereita unha evidente canle pedregosa permite ascender ata a Brecha.
  • 08:30 h. Na Brecha Inferior de Llosars. Iniciamos a trepada por repisas do lado que dá ó circo de Llosars (lado dereito no sentido da ascensión), evitando o muro que temos de fronte. Unha vez na aresta camiñamos en xeral por entre grandes bloques.
  • 09:20 h. No cume da Argarot. En primeiro plano vemos a Aguja Tchihatcheff, pero para chegar á súa base hai que facer un delicado destrepe, ou alternativamente montar un rápel duns 20 m.
  • 09:30 h. Na brecha baixo o Tchihatcheff. Hai unha alternativa de ascenso escalando directamente (V) dende a brecha: ver foto na que debúxase en vermello, a alternativa de ascenso á agulla Tchihatcheff en https://empujatrenes.wordpress.com/2012/08/08/cresta-de-llosas-al-aneto/: un cravo indica por onde empezar. Sen embargo a maioría -e nós así o fixemos- flanqueamo-la agulla polo seu lado esquerdo (o que dá ó lado de Coronas) descendendo 8 ou 10 metros por unha descomposta, rota, perigosa e delicada canle terrosa, na que non sobra meter unha corda para rapelala. Unha vez descendida, na vertente esquerda da agulla vemos unhas repisas e bloques descompostos polos que progresar con coidado para subir por unha cheminea que nos deixa baixo unha característica gran placa tumbada con fendas, sobre a que un par de bloques á dereita conforman unha pequena cheminea pola que volvemos á aresta.
  • Instalacións de rápeles da agulla Tchihatcheff10:15 h. No cume da Tchihatcheff e rápel. Un gran bloque lazado cunha chea de cordinos e cinta no alto permítenos rapela-los 35 m da parede ata a base da nova brecha. En caso de só levar unha corda de 60 m ou menos existe a posibilidade de dividi-lo rápel en 2, usando un par de parabolts con anelas que se instalaron a uns 15 m, algo escondidos xa que están colocados xusto baixo un pequeno saínte da parede. Curiosamente uns metros máis arriba e á súa dereita (mirando cara á Aguja Tchihatcheff) hai colocado un parabolt con anela unido por un cordino con mallón a un entalador nunha fenda que supoño que alguén instalou antes de que se colocasen os novos ancoraxes. Outra alternativa é destrepar uns metros cara a outra instalación de rápel visible un pouco á esquerda do rápel do cume (mirando novamente cara á Aguja Tchihatcheff) e dende aí rapelar 30 m e pendulear un chisco á dereita para gaña-la Brecha-. 
  • 11:00 h.  No cume da Franqueville. Dende a Brecha flaqueamos un chisco polo lado de Coronas por entre bloque inestables e seguimos ascendendo por repisas buscando algunha canle pola que volver gañar de novo a aresta e xa acada-lo cume da nova agulla.
  • 11:50 h. Punta Sur da Brecha Superior de Llosars e rápel. Dende a Aguja de Franqueville o terreo faise máis horizontal e fácil, ata chegar a unha nova punta cun rápel duns 20 m que os deposita na Brecha Superior de Llosars.
  • 14:15 h. No cume do Aneto. Flanqueamos a Aguja Norte da Brecha Superior de Llosars polo lado dereito (vertente de Llosars) e continuamos con algunha trepada e destrepada delicada para volver a gaña-la aresta. Xa estamos ascendendo o propio Aneto e ás veces abandoamos a aresta para flanquear resaltes ou bordear algunha brecha e agulla; o terreo é variado e ás veces algo inestable ata acada-lo cume do Aneto. 
  • 15:00 h. Inicio descenso. Descansamos, merendamos e encamiñámonos polo Paso de Mahoma cara á Collada de Coronas.
  • 15:20 h. Collada de Coronas. Lugar no que colocar crampóns e piolets para descende-lo glaciar de Aneto.
  • 16:45 h. No Ibón del Salterillo. No noso caso, en vez de encamiñarnos cara ós Portillones en dirección ó refuxio de La Renclusa, decidimos baixar polo Vall de Barrancs cara a Aiguallut, polo que pasamos por unha chaira pola que corría a auga que coido que podía tratarse do Ibón del Salterillo.
  • 17:45 h a 18:15 h. En Plan d’Aiguallut. Proseguimos o descenso polo Vall de Barrancs ata o paradisíaco Plan d’Aiguallut, onde tivemos que descalzarnos para poder cruza-lo regato.
  • 18:45 h. La Besurta. Continuamos por unha senda moi concurrida polo Forau d’Aiguallut e dende aí ata a parada do autobús en La Besurta.

Información da ruta:

 Ruta de ascenso ó Aneto por Coronas e descenso por Aigualluts.

Parte da nosa ruta de ascenso por Coronas -nós en realidade fixemo-la aresta dende a Brecha Inferior de Llosars- e a ruta de descenso por Aiguallut. Fonte: https://www.mendiak.net/viewtopic.php?t=27355

  • 1ª ascensión: En realidade a primeira vez que se percorreu foi en sentido descendente ata a Brecha superior de Llosars, por Jaume Oliveras e Antonio Arenas, o 24 de xullo de 1906. A aresta completa e en sentido ascendente foi realizada por primeira vez por Henry Brulle, Roger Brulle e Germain Castagne o 16 de xullo de 1913.
  • Aproximación: Un desvío na estrada A-139 de Benasque cara ó val de Ballibierna, leva a un aparcadoiro en Plan de Senarta, dende saen os autobuses que levan ata Puente Coronas.
    • Ollo ós horarios dos autobuses; durante o verán non se permite a circulación ata Puente Coronas, polo que hai que utiliza-las liñas de autobúses que habilitan dende o concello de Benasque: https://turismobenasque.com/guia-de-viaje/transporte-urbano/. Se se prescinde do vehículo, subir andando de Plan de Senarta ata Puente Coronas levará unhas 2 horas e 15 minutos, e baixar ó redor de 1 hora e 50 min. O primeiro autobús sae á 5:15 h da mañá, e o último que baixa -no caso de querer volver polo mesmo val de ascenso- sae ás 18:30 h.
    • Dende Puente Coronas, a ruta de aproximación da vía Normal do Aneto por Coronas, ascende por unha senda ata o ibonet de Coronas e continúa ata as proximidade do ibón inferior de Coronas, onde a abandoamos para acadar por unha canle pedregosa á nosa dereita, a Brecha Inferior de Llosars. 

 

Escalada deportiva en Ampriu, Cerler

Fotos de escalada deportiva en Ampriu, Cerler, Val de Benás, parque de Posets – Maladeta (Pireneos), 6 de agosto de 2021E xa rematadas as atividades bélicas 😉 co club Beni e eu achegámonos o noso último día a unha escola de escalada próxima, Ampriu, en Cerler.

Esta escola, está moi alta (uns 1.800 m) e conta cunha orientación que a deixa á sombra e fresca nas tórridas tardes do verán, ademais de gozar dunhas preciosas vistas: ten varios sectores de deportiva e un, Torre de Marfil, que tamén ten vías de clásica de ata 3 longos, que está considerada como un lugar de iniciación. Nós fomos a este sector, aínda que só fixemos deportiva.

A rocha é un gneis cuberto de liques que fai desconfiar da súa adherencia, pero que na práctica non resulta esvaradía.

Para chegar á escola, dende Benás hai que colle-la estrada que vai ata Cerler e logo continuar ata Ampriu. Nunha curva á esquerda da estrada, antes dunha ponte que salva un regato, pódese aparcar no lado esquerdo da estrada co identificable sector Torre de Marfil á vista á dereita. No caso de ir a este sector hai que ascender polos prados da ladeira con tendencia á dereita -alonxándose do noso destino- ata acadar unha pista máis arriba, pola que continuar xa cara á esquerda ata estar baixo ó sector, dende onde xa se sube por unha senda con hitos, entre bosque primeiro e unha pedreira logo, ata a base das vías (uns 20 minutos dende o coche). Para ir ó resto dos sectores coido que se debe de seguir polo regato, dende onde se estacionou o vehículo.

Croquis e información:

 

https://www.google.com/maps/d/u/0/edit?mid=1XU8xJAmv7GYQ7J6zMJrNsV3hCxJX9w7v&usp=sharing

 

Circular a Peña Ubiña pola senda das Merinas. 7 de decembro de 2019.

2019 Decembro 7 Deixar un comentario

Fotos da circular a Ubiña pola Senda Merina Ó seguinte día das nosas respectivas ascensións (Manu e Aviño subiran ó Ubiña Pequeño, namentres que Beni e eu subiramos ó Ubiña Grande), xuntámonos para facer unha circular que nos levase dende Torrebarrio ata a vertente asturiana e volta polos Fontanes, aínda que finalmente só completamo-lo percorrido os tres “machos omega” 😉 .

No percorrido non topamos neve transformada en cáseque todo o percorrido, pero tampouco resultou moi profunda onde se puña máis branda, e só nalgún pequeno tramo estaba tan dura como para obrigarnos a picar duro; neve variable, pero pola que, en definitiva, progresábase bastante ben.

Senda merina. Fonte: http://www.elmaquis.net/actividaes/cordilleracantabrica/ubinastur.pdfEn canto á climatoloxía, o día estivo en xeral cuberto, neboento ás veces, e con algo de vento ata pasa-lo alto de Terreros. Logo, pola Senda Merina o vento xa non nos molestou namentres atravesamos toda a vertente Norte do Ubiña Grande, e incluso o día tivemos algunhas raiolas de sol no ascenso pola Canal del Buey tras cruza-la Cresta de los Portillines pola Pasada del Siete. Eses intres de sol animáronnos a subir ó Fontán Norte, onde xa a nubosidade, o vento e o frío dedidíronnos a non continuar ata o Prau senón descender pola Horcada del Fontán cara ós Llanos del Fontán, dende o que xa só nos restou pasar por Chandanai camiño de Torrebarrio, para completa-los -calculo que ó redor dos- 14 Km de percorrido.

Enlaces con algunha información en:

O tempo en San Emiliano:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/san-emiliano-id24145

Corredor del Pilar, cara Sur Oeste do Peña Ubiña. 6 de decembro de 2019.

2019 Decembro 6 1 comentario

Fotos do Corredor del Pilar, na cara Sur Oeste do Peña Ubiña.Ultimamente andabamos tan metidos coa escalada deportiva que non fixemos cáseque nada de clásica e aínda menos de alpinismo, así que na ponte da Constitución vendo que parecía haber algo de neve por Ubiña, Beni e eu fomos a dar unha volta para polo menos desferruxa-los crampóns.

Chegamos ó refuxio da FGM en Torrebarrio pola noite, con tempo xusto para durmi-lo necesario e non sufrir co madrugón. Así que ó redor das 6 ou 6:30 h da madrugada saímos dos sacos ó frescor da noite para subir ata Chandanai e dende aló xa decidir cara onde tirar en función das condicións. Dende este punto hai que decidir se ir cara ós Llanos del Fontán, ou cara o Collado del Ronzón; eu tiña en mente ver como estaría a Vía del Espolón Oeste ou cheirar algún corredor da cara Sur Oeste, ou ir empatando palas de neve ó chou… Cando chegamos á base do Pilar Sur o verglas cubría as rochas da canal de inicio, así que tiramos cara á dereita e metémonos nunhas primeiras pendentes con algo de neve, pero con algunhas calvas que obrigaban a pasar por algúns tramos delicados de rocha e herba.

 Ruta do Corredor del Pilar. Fonte: http://www.pirineos3000.com/fotos/ascensiones/800x600/16225_2.jpgNon estaba seguro de en que corredor nos adentrabamos, pero namentres se deixara facer… 😀

Ó caso é que tras ese inicio en mixto, logo sempre atopamos unha boa capa de neve en bo estado para progresar salvo en 2 estreitamentos nos que a neve xa se ía derretendo para deixar aflorar sendos resaltes de rocha. No primeiro tivemos que superar un resalte de rocha mal tapizado de neve, e o seguinte era unha rimaia formada polo derretemento e inconsistencia da neve.

Atopamos algo de rastro de pegadas no último terzo do corredor, aínda que no remate, nós saímos polo lado dereito en vez de polo estreitamento do lado esquerdo do corredor. Na sección final topámonos cun pequeno tramo de neve moi dura, na que xa non podiamos facer chanzos a patadas como no resto da ruta, pero logo volveu a mellorar, ata rematar nun gendarme no que rapelamos uns 10 m para xa continuar pola aresta ata o cume do Ubiña Grande. Ollo que aínda nos leva unha hora subir ó cume, e outra máis para baixarnos polo Canalón Sur ata senda que ven do Collado del Ronzón.

Corredor del Pilar (III/2+,50-55º, 350 m).

Corredor del Pilar. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-pilar.htmlDificultade: III/2+, 50-55º

Lonxitude: 350 m. (outros 250 m. ata o cume)

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 1 corda de 60 m., 3 ou 4 cravos, 2-3 parafusos de xeo, un áncora de neve, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos.

Cordada: Beni e Ricardo.

Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía por Chadanai, leva unha hora e media aproximadamente.

Descenso: polo Canalón Sur.

Apertura e 1ª Ascensión: Isidoro Rodríguez, Adelo Campos e alumnos dun curso de técnica invernal da ECLAM, o 6 de marzo de 1994.

Enlaces con algunha información en:

O tempo en San Emiliano:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/san-emiliano-id24145

 

Tentativa fallida á Directa Hielo y Dulce, Ubiña. 11 abril 2017.

Fotos de Directa Hielo y Dulce, Ubiña, 11 abril 2017.Chegaron as vacacións da Semana Santa e con elas a última oportunidade de usa-lo piolet e os crampóns nesta tempada. De primeiras nin pensara que houbese ningún corredor en condicións por Ubiña, pero a través do Facebook chegábanme novas de que a fin de semana anterior, as condicións resultaban ser excepcionalmente boas en varios deles, así que non podíamos deixar de comprobalo…

Saio de noite cara a Lugo para xuntarme con Manu, durmir unhas horas e arrancar de madrugón dende Lugo con idea de volver no mesmo día.

En Torrebarrio, ás 8 da mañá, o termómetro marca algo por embaixo de cero, e o a terra está reseca, así que non pintaba mal. Pero 2 horas e media despois, na entrada da canle, o primeiro resalte de rocha que dá comezo á vía está completamente seco e ó descuberto. Así e todo, xa que estamos aí… subimos tamén o corredor oculto, por unha neve boa, aínda que de tipo primavera, ata acada-lo ombreiro onde comezan os 2 longos de rocha.

A rocha non ten rastro de xeo, e o Manu di que o máis probable é que tamén falte o xeo nos resaltes superiores da vía, así que, como esta tempada xa está farto de practica-lo “herbing” por Ubiña, é mellor que nos retiremos…

Con tranquilidade descendemos e tomámonos con calma o regreso; polo menos, sobrouno-lo tempo desta vez 😉

Directa Hielo y Dulce (III/4, IV+, 80º, 550 m).

Croquis da Directa, Hielo y Dulce. Fonte: http://enlavertical.blogspot.com.es/2014/03/a-pena-ubina-por-la-directa-hielo-y.htmlDificultade: III/4, IV+, 80º

Lonxitude: 550 m.

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 2 cordas de 60 m., 4 ou 5 cravos, 4 ou 5 parafusos de xeo, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos e medianos.

Cordada: Manu e Ricardo.

Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía polos Llanos del Fontán, leva un par de horas.

Descenso: polo canalón Sur.

Apertura e 1ª Ascensión: Segundo Téllez e Luis Casal, 29 de decembro de 1982.

 

Enlaces con algunha información en:

Alpes de Chamonix, xullo de 2015

Fotos de Alpes, dende Chamonix, xullo de 2015

Alpes, xullo de 2015

Houbo un tempo en que viaxar ós Alpes era para moitos de nós, montañeiros aspirantes a alpinistas, a inspiración precisa para soporta-las rutinas do día a día.
Logo de ter lidas e escoitadas tantas historias de Rebuffat, de Bonatti, de Cassin, de Whymper, …, e do Quino, do Toni, do Chamo,… ¿quen podería non soñar con enche-la mochila con elas -e con algo de quincalla nos ocos que quedasen 😉 – e tentar, tal vez repetir, ou -por que non- descubrir aventuras como as deles. Porque escalar, como eles o facían…, non era deporte,… era vivir…

Este verán volvín a te-la oportunidade de ir ó centro neurálxico dun dos lugares míticos do alpinismo: Chamonix. Xa estiven varias veces aló, así que o peso das súas míticas historias non me abruma como a primeira vez, incluso me decepciona o ambiente urbano do lugar, xa sen o celme nin o encanto desa época de pioneiros evocada no meu maxín por aquelas xa lonxanas lecturas da miña mocidade. Pero todo o malo que trae consigo a masificación, as modas e a mercantilización destes lugares é tamén o que os fai accesibles á xente que coma min, doutro xeito, se cadra nunca se atreverían ou terían a oportunidade de ir: e a dualidade deste universo con tantos desequilibrios non da repouso á miña mente cadriculada que, trastornada, non pode evita-lo sentimento de culpabilidade por ser copartícipe, coa miña presenza, á degradación do espírito e do medio no que me movo -aí vos queda iso…-.

Pero coma son débil, en vez de chantarme perpetuamente na rúa cun megáfono a gritar a prol da racionalización dos nosos comportamentos, aló estaba eu contribuíndo ó envilecemento da montaña ;-(

Xuntarámonos en Ourense catro membros do Club Alpino Ourensán, procedentes de cada unha das 4 provincias galegas (non esquezamos que en tempos foron 7, así que para facer un grupo máis numeroso haberá que cambia-lo mapa político da Galiza 😉 ): o Lucas xa estaba en Ourense, o Manu, viña de Lugo, o Aviño de Santiago e eu dende Vigo. Con moito máis material e roupa do que precisaríamos, enchemos cada oco da furgo e pasamos a Francia pola Junquera (en vez de por Irún como se fai habitualmente), tentando evitar no posible as carísimas autopistas francesas (que non son os cataláns os únicos que miran pola pela, eh).

A viaxe obríganos a durmir de camiño e, neste caso, fixémolo xa bastante perto de Chamonix, nunha pequena área de descanso de Megéve, un par dentro da furgo e outro baixo unhas árbores xunto a uns baños públicos, no que sería o precedente do costume que seguimos a maioría das noites que pasamos en Francia.

Aparte da incomodidade que este estilo de viaxe en plan “tirados” supón, o peor é que cada vez é máis difícil atopar lugares onde simplemente botarse a durmir baixo un cuberto, de balde; e xa non o digo pola cuestión puramente económica, senón por simple gusto “romántico” -se me entendedes-.

O primeiro nabo… 🙂


Grandes Jorasses e Les Drus eran obxectivos do Manu ós que Lucas apuntábase, pero que para Aviño e min resultaban excesivos, polo que pensabamos que aínda que fixeramos algunha actividade xuntos, logo, cada cordada encamiñaríase cara a destinos distintos. Así, para comezar, subimos todos ata a cabana de Blaitiere Dessus (1.926 m.) que pese a non ter garda e ser moi modesta, está bastante limpa, ten o seu carón unha fonte, e ofrece un lugar cuberto para pernoctar e refuxiarse das inclemencias do tempo: o lugar ideal para nós…

Esta cabana está a un par de horas de ascenso seguindo unha senda que parte da parte superior do gran aparcadoiro que hai na entrada de Chamonix, e dende ela só restan uns 20 minutos máis para acada-lo punto medio da senda que une Plan de l’Aiguille con Montenvers, así que convértese nunha opción interesante para servir como campo base -evitando o custoso teleférico- dalgunhas actividades desta vertente.

A nosa intención era ascender polo glaciar de Nantillons para face-la travesía do Grand Charmoz ó Grépon, pero logo do madrugón de rigor, atopámonos cun glaciar retraído, roto, suxo e de ameazante aspecto, con restos de avalanchas ou derrubes dos seracs debido a que as altas temperaturas deste ano provocaban o desmoronamento do xeo. Así que logo de escoitar un par de veces o son característico da caída dalgún bloque renunciamos á escalada e, como non tiñamos un plan B, decidimos dar un paseo exploratorio pola zona, ascendendo ata unha golada que quedaba á esquerda dunha parede que logo soubemos que se trataba da Aigulle de l’M, na que existen varias vías de escalada, algunha delas moi repetida por ser curta, evidente e bastante fácil.

O caso é que como agora non tiñamos presa, estivemos lacazando e disfrutando das vistas do Mer de Glace (tan retraído agora que o xeo apenas cubre o terzo superior do seu percorrido) e dos picos que o circundan: as Jorasses, a Aiguille Verte, os Drus,…

Uns ó Grand Capuccin e outros á aresta de Cosmiques.

De volta á cabana o Lucas para non perder un día máis, propúxolle a Manu baixar inmediatamente a colle-lo teleférico e achegarse esa mesma xornada á base do Capuccin, para escalalo ó seguinte día. Aínda que resultaba moi precipitado, decidiron tentalo e baixaron a toda mecha para poder consulta-la previsión meteorolóxica, prepara-lo material de escalada, comida e tenda e colle-lo último teleférico de subida do día.

O Aviño e eu, sen tanta presa pensamos en que á mañá seguinte tamén poderíamos colle-lo teleférico, para face-la aresta de Cosmiques, ou a travesía da Aiguille du Midi a Aiguille du Plan, ou -nas miñas optimistas pretensións- por se nos dera tempo a facer ambas actividades…

Así que namentres eles bulían para saír xa, nós podiámolo tomar con calma e permitirnos incluso escolle-las cores das nosas cintas para ir máis conxuntados -hahaha…-. Pero as miñas risas convertéronse en choros cando ás 6:30h. da mañá seguinte asistín impotente (tentando conter unha bágoa que pugnaba por saír) a como a vendedora de tíckets descontaba 57 prezados Euracos da miña tarxeta de crédito, para colle-la cabina de ascenso ata a estación superior de Aiguille du Midi (non quero dicir que non me causase tamén malestar a perda dos correspondentes 57€ do Aviño… pero menos… 😉 )-.

Apenas repostos da impresión que nos causou a dilapidación do noso patrimonio acadamos en poucos minutos os 3.800 m. dunhas instalacións que cada vez resultan máis exclusivas… Así e todo, o sol dun día radiante e unhas temperaturas moi superiores ás que deberan ser normais nesta cota, recibíronnos a tódolos/as viaxeiros/as por igual, indiferentes ás nosas distintas motivacións e condicionamentos físicos e sociais.

A aresta dos Cósmicos é unha ruta bastante curta e frecuentada (é unha desas típicas vías masificadas das que hai que fuxir) que ten como peculiaridade o feito de que remata nas mesmas instalacións da estación superior do teleférico, o que converte ó propio percorrido de ascenso en retorno simultáneo. A dificultade, coma en tódalas rutas alpinas, é bastante variable en función das condicións; nós esperabamos que, ademais de xeo e neve, houbese algo de mixto e de escalada en rocha, pero con tanta calor atopámonos sen nada de xeo, con pouca neve e cun itinerario moi fácil que apenas requiriu material.

Fonte: http://www.summitpost.org/ar-te-des-cosmiques/155970Dende a estación do teleférico baixamos encordados a afiada e inclinada aresta de neve cara ó fondo do Vallée Blanche e logo atravesámolo lateralmente, bordeando a cara Sur da Aiguille Midi, cara ó pequeno refuxio de Cosmiques onde empeza a vía propiamente dita, e que acadamos en apenas 40 minutos.
Nunha primeira ollada xa vemos que os bloques de rocha predominan sobre a neve e que salvo unha pequena rampa inicial non parece haber xeo, así que eu quítome os crampóns dende o inicio e Aviño faráo en canto pasa este tramo. Progresamos desencordados, el por diante buscando o itinerario sempre perto de varias cordadas que nos preceden, e eu sígoo a curta distancia ata que nos atopamos co primeiro atasco nunha instalación dun curto rápel duns 15 metros que tamén pódese destrepar bastante facilmente. Pero inmediatamente de seguido hai unha nova instalación de rápel, neste caso obrigado, na que tamén cunha soa corda acádase a base dunha esquina trala que, ó rodeala, continuamos de novo ascendendo namentres vemos relativamente próxima a estación do teleférico.

Seguimos sempre por rocha, salvo algún escaso tramo de neve, ata acadar unha placa duns 5 m. atravesada diagonalmente por unha fina fenda que hai que escalar. Este é un curto longo de escalada en rocha que se protexe facilmente con friends e no que os guías tallaron uns furados na rocha para facilita-lo paso con botas da clientela. Para supera-lo paso, sacamos unha corda da mochila -no que ó final sería o único uso que faríamos da corda e material de escalada, agás os anteriores dous rápeles- e o Aviño ataca o tramo en cabeza para logo asegurarme a min dende a reunión que xa hai instalada a tal efecto. Neste punto, dubidamos por onde seguir xa que ó bordear cara á dereita non víamos claro cara onde tirar; pero tras superar un bloque volvemos a pasar ó lado esquerdo da aresta, onde xa intuíase que había paso de ascenso por esa outra vertente, seguindo unha rampa de bloques que parecían equilibrarse entre si, precariamente unidos por unha cada vez máis reducida pasta de xeo (a verdade é que non daba ningunha boa sensación este tramo, aínda que resultaba fácil subir por el).

E superada esta última subida atopámonos nunha gran plataforma que a modo de escenario, serve para que os/as escaladores/as sexamo-lo centro de atracción das masas que se amontoan nas barandas da estación do teleférico, observándonos e sacando fotografías coma se fósemo-los/as protagonistas dunha película. -Non sei quen quedará máis asombrado do espectáculo, a xente en alpargatas vendo xurdir entre as agrestes rochas afoutas cordadas equipadas a tope de quincalla, ou nós, que na busca dunha experiencia extrema atopámonos servindo de monos de feira…-

Pero dende o escenario dese teatro aínda resta acada-la grada e para elo, hai instalada unha escaleira metálica de aspecto tan fráxil e flexibilidade tan grande que no ascenso dos seus apenas 10 metros foi -sen lugar a dúbidas- onde máis medo pasei de todo o itinerario 🙂

Logo de picar algo e parolar un rato cuns americáns que foran por diante nosa todo o percorrido (eles agora ríanse vendo todo o material que levabamos e que non usaramos, porque resultou que cunha corda e un par de friends fora de abondo, pero nós xustificabámonos dicíndolles que basicamente estabamos preparados para enfrontarnos a calquera dificultade, incluído un “ataque preventivo de la URSS” 🙂 ), sacamos unhas fotos coas fans que nos saíron na terraza e, como aínda era cedo (a vía levounos menos de 3 horas), decidimos voltar a baixar ó Vallée Blanche para botarlle unha ollada á travesía da Aiguille du Midi a Aiguille du Plan.

Así é que antes das 12 da mañá xa estabamos baixando de novo a intimidante aresta de neve, aínda que pouco nos durou o impulso… Apenas media hora despois, co sol dándonos de pleno eu xa estaba pensando na paliza que suporía volver a subir á volta, namentres observaba o mal estado da neve no itinerario que deberíamos seguir na travesía; e como ó Aviño tampouco lle apetecía meterse nunha lea nin sequera acadamo-lo Col du Plan antes de decidirnos a volver sobre os nosos pasos.

Contabamos con que se ós nosos compañeiros todo lles fora moi ben, se cadra poderían chegar a tempo de coller algún dos últimos teleféricos dese mesmo día, pero que o normal sería que tivesen que pasar unha noite máis baixo o Capuccin e logo voltar ó seguinte día, así que sorprendémonos un pouco cando os vimos aparecer a tempo para a cea.

Resultou que tiveran que abandonar logo de face-los primeiros 7 longos da vía Bonatti do Grand Capuccin, ante o cúmulo de circunstancias que se puxeron na súa contra: a precipitada aproximación da véspera resultou máis longa e fatigosa do esperado por mor do mal estado do glaciar, o que fixo que tivesen moi pouco tempo de descanso, e ademais como temían non contar con gas de abondo, só levaban na escalada unha botella de auga e outra dunha asquerosa mistura líquida feita cos restos da cea e algunha herba aromática; se a iso lle sumamos unha aclimatación incompleta e que a vía resultaba moito máis dura do esperado nos longos que teoricamente deberan de ser fáciles… a retirada era a mellor opción…

Croquis e información extra:

Cando chove… ó camping -para evitar “poltergeists”-

Esa mesma noite chegaban as típicas e frecuentes choivas “chamoniardas”, así que namentres Manu e Lucas deitábanse na furgo, ó Aviño e a min tocábanos “acomodarnos” no parking amparados pola única cuberta que atopamos: un pasillo inclinado protexido ós lados por unha cerca de tablóns ata media altura, cunha cuberta de teito e cun chan con algúns tramos de chapas metálicas e outros de madeira, e con algún tipo de raíl: debía de ser o arranque das telesillas de esquí, que durante o verán, estaba inoperativo e semidesmontado, pero que a nós serviunos de improvisado vivac no que protexernos das febles choivas desa noite.
E aínda que cando o vento soplaba lateralmente a chuvieira chegaba a mollarnos, uns días despois voltaríamos a repeti-la durmida nesa instalación, moi ó pesar de Aviño, que non acertaba a comprender se era porque somos rañicas, asilvestrados, indecisos, ou … en definitiva, que parecía que tiñamos medo a acomodarnos demasiado -hahaha…-.
O caso é que non lembro ben se foi a primeira ou a segunda pernocta cando vivín un episodio paranormal ou algún tipo de delirante alucinación á que aínda non lle atopo explicación.


En canto o aparcadoiro quedou sumido na escuridade da noite, saltei o cercado equipado co meu saco, esteriña e botella de auga disposto a preparar discretamente o meu leito. Rápida e sixilosamente escollín un sitio ás escuras, sen acende-la frontal, para evitar chama-la atención dos habitantes do edifico anexo á instalación, onde ás veces alguén asomábase ás fiestras e botaba un pito ou simplemente desfrutaba da vista cara ás montañas.
Nalgún intre desa noite, arrolado polo son das follas das árbores axitadas polo vento, adormecía eu completamente introducido no meu saco, cando din en entreabri-los ollos… na fachada do edificio contiguo unha tenue luz interior delimitaba a fiestra dunha habitación na que vía ó contraluz unha silueta humana enmarcada en dita xanela. Ata aí, nada estraño; sen embargo logo dun rato no que a figura non se moveu pareceu empezar a crecer como se se estivese achegando á fiestra, pero o facía dun xeito que a min empezou a inquedarme. Era como se a forma humana fose desproporcionándose e cabeza e brazos adquirisen unha lonxitude desmesurada a medida que ían cubrindo a luz irradiada da fiestra; era como si incluso a figura saíse flotando pola fiestra!
Outra persoa, na miña situación, supoño que tería aberto o saco, frotado os ollos e levantado a cabeza para ver que carallo estaba pasando, pero eu non vos son tan afoutado, e por moito que a razón me dicía que isto tiña que ser un efecto óptico perfectamente explicable en canto me puxese en pé para comprobalo… a cona se me movín…!!! -ou sexa, que cando estou nunha reunión de 2 parabolts unidos con cadea e que conta con anelas para rapelar non me atrevo a colgarme dela por medo a que casque, e agora que estou asistindo en primeira ringleira a todo un fenómeno paranormal, vou facerlle caso ó que me di a lóxica racional… si, si… -.
Así que, namentres tentaba minimiza-las constantes vitais do meu organismo imaxinando que podería estar asistindo á transformación dun ser, quizais extraterrestre, que abandonaba a súa camaleónica forma humana para recupera-la súa auténtica aparencia, volvín pecha-lo oco do meu saco polo que esguellaba tan estremecedora visión e abandoneime á miña sorte…
Ignoro pois se fun abducido ou parasitado pola pantasmagórica criatura, xa que nada notei á mañá seguinte; nin sequera un aumento de peso que evidenciase no meu corpo a invasión dalgún novo ente alieníxena ou espectral.
Pero non foi este o único suceso estraño das nosas -xa vedes- emocionantes noites de vivac, porque a outra vez que durmimos baixo ese mesmo cuberto volvín a contemplar unha figura, desta vez humana sen dúbida, que no contraluz dunha fiestra apreciábase que estaba tomando algo e fumando namentres movíase polo interior da habitación, achegándose de cando en cando á xanela, supoño que para desfrutar da conxunción das boas vistas da noite coas gustosas caladas do seu pito.
Como temía que dende a súa posición puidera verme, procurei non moverme para no chama-la súa atención, así que podo pensar que o fulano en cuestión non se decatara da miña presenza cando pareceu que se arrimou novamente á fiestra para, desta vez, subirse enriba dalgún chanzo e ficar quedo, aparentemente no bordo desa xanela. Por un intre pensei en que ía saltar ou que podería caer, pero ó cabo duns instantes pareceume sentir un ruído familiar… era como se… como se… un líquido impactase contra o chan…? -Que carallo!, para min que ese baldreo estaba mexando á rúa pola fiestra-. Non daba creto á escena, pero tampouco quería moverme para albiscar mellor o que facía, non me fose a ver no meu cubil, así que din coidadosamente media volta no meu saco e desentendinme do tema, non fose que tamén empezase a meneala… ;-D
E agora que vos puxen ó tanto destes misteriosos sucesos, xa ben vedes que as sorpresas e emocións non só están nas alturas, tamén na nocturnidade do parking hai espectros e mexóns que animarán esas noites ociosas dos máis aforradores pernoctadores de Chamonix 😀
Pero non só acampamos no parking, onde os seus baños públicos ademais de permitirnos “ducharnos” na mesma pileta-lavamáns en que fregabamo-la louza, tamén pasamos sendas noites en dous campings. O primeiro, o de Les Arrolles, situado practicamente no casco urbán de Chamonix, e no que pasamos unha xornada chuviosa logo desa primeira escalada antes narrada (34,80€ polos 4 + furgo + tenda), e o outro, de Les Cimes, situado xa algo máis apartado da vila, onde pasamo-la última xornada de choiva antes de abandonar Chamonix (30,20€ polos 4 + furgo + tenda).

Uns á Aiguille de l’M e outros ó Grand Charmoz.

Logo de pasa-la xornada de choivas no camping, a previsión meteorolóxica era de que teríamos un día bo e un segundo día no que volverían as choivas a última hora da tarde, así que, o 23 de xullo, subimos todos á cabana de Blaitiere Dessus con diferentes plans para aproveitar esa seguinte xornada de bo tempo: Lucas e Manu querían face-la via Pilar Cordier do Grand Charmoz, namentres que Aviño e eu conformabámonos coa aresta Norte-Nordeste na Aiguille de l’M, onde viramos escalar xente a outra vez que estiveramos na súa base.
Viñeron connosco o Tato e Marie, que aproveitarían para durmir na cabana e ó seguinte día seguir de ruta cara a Montenvers, e chegamos con tempo de sobra para acomodarnos na cabana, organiza-lo material, cear e deitarnos cedo -todavía coa luz do día-.
Manu e Lucas erguéronse ás 5 da mañá, bastante antes ca nós, que o fixemos sobre as 7h., xa que a súa vía tiña uns 650m. de percorrido con dificultade de MD inf e retorno rapelando polo mesmo itinerario, e a nosa tiña só uns 200m. graduados de D inf. e un descenso pola vía normal que vai pola vertente oposta cara á base do glaciar de Nantillons, e que require dun par de rápeles e logo algún destrepe.
Ó redor das 9 da mañá, Aviño e eu atacabamo-lo primeiro longo da nosa vía, considerada como un percorrido de aprendizaxe ou para aproveitar esas medias xornadas de tempo estable, así que tomade nota por se cando andedes por aquí buscades unha actividade deste tipo…
A vía comeza nunha placa fisurada pola que chégase a uns bloques nos que monta-la primeira reunión. Dende aí, un segundo longo que arranca polo lombo da aresta cara á base dunha visible fenda-diedro oblicua, na que se monta comodamente a seguinte reunión. O tramo máis difícil da vía é unha fenda off-width (seica din que é un típico exemplo de fenda chamoniarda -e unha vez feita entendo o concepto…: ven a ser algo así como unha fenda na que nin colles, nin deixas de coller,… nin vas todo por dentro, nin vas todo por fóra,… nin tes presas boas, nin é que falte onde aferrarse ou apoiarse,… en definitiva, unha fenda que nin arre, nin soooo…- ), que ten algún cravo e cordino que axuda á súa protección; logo dunha primeira sección dura e rectilínea, a fenda vira á esquerda (outra fisura máis fina permite tamén seguir recto dende esa esquina) e sae da vista do/a asegurador/a para continuar unha decena de metros máis ata acadar uns bloques nos que monta-la reunión, baixo un sistema de varias novas fisuras verticais.
Tiramos pola que estaba máis á dereita das dúas que empezaban enriba da nosa posición, e aínda que tiña un paso con agarre romo de mans que nos custou, seguimos ata monta-la nosa 4ª reunión na base dunha cheminea cun característico gran bloque empotrado na fenda que separaba a parede esquerda dun monolito escindido á súa dereita.
Dende aquí é mellor non meterse pola cheminea, senón seguir pola fenda da esquerda ata chegar a unha zona de grandes bloques que conforman repisas e escalóns, onde montamo-la penúltima reunión. De seguido arrancamos cara arriba con lixeira tendencia á esquerda por onde máis fácil parecía supera-los grandes bloques do inmenso desmoronamento que conforma este último longo, pero no noso antiquísimo croquis (dunha coñecida vella guía de Piola), indícase que tamén pódese seguir algo máis pola esquerda (de feito, por aí se meteu unha cordada que nos pasou nese tramo, coido que seguindo un gran diedro próximo).
O cume, que acadamos ó redor das 13h., é unha gran terraza cun par de parabolts desque o que facer un primeiro rápel duns 20 m. cara á golada do lago oposto do que viñemos; ó outro lado desta golada vese en primeiro plano unha agulla de aparentemente a mesma altura que a nosa, onde tamén hai algunha vía xa que observamos a unha cordada chegando ó seu cume e rapelando, cara ó mesmo paso ca nós.
Logo deste curto rápel, pódese buscar onde facer un segundo que nos leve ata a derradeira instalación de rapelar, ou optar coma nós por camiñar arrodeando a parede cara o lado de Nantillons, seguindo unha vira que parece rematar nun cortado, pero que permite destrepar, con coidado, para acada-lo mencionado último tinglado, composto por un par de parabolts e uns cordinos (non lembro de onde sacamo-la referencia sobre este destrepe, pero coido que alguén nolo contou, porque no croquis que levabamos non había detalles concretos sobre o descenso).
A trintena de metros deste último rápel deixounos en plena golada onde xa podíamos ver o longo descenso que nos quedaba pola canle que caía cara o glaciar de Nantillons. Cara ó outro lado tamén parecía poderse descender, alomenos durante os primeiros metros, pero máis abaixo non sei se habería continuidade…
Primeiro por entre bloques de pedra e logo, pouco a pouco, por terreo máis desfeito e con máis grava e terra conforme iamos descendendo, chegamos a unha zona onde a canle xa se abría completamente para dirixirnos cara ó lado esquerdo para acadar un sistema de enferruxados pasamáns e chanzos de ferro que facilitan o último tramo da baixada para chegar á morrena do glaciar, no noso caso, ó redor das 15h.
Namentres iamos cara ó glaciar o tempo xa daba sinais de cambio e o sol ía cubríndose con nubarróns que presaxiaban un adiantamento das choivas previstas. Unhas primeiras pingas avisáronnos e, pouco despois, unha chuvascada de moi pouca duración obrigounos a poñe-los chuvasqueiros namentres corríamos por entre os grandes bloques da morrena. Afortunadamente o tempo foi aguantando ata que acadamo-lo noso refuxio ás 16h., así que sans, salvos e secos acomodámonos no seu interior agardando polos nosos compis, que aínda non chegaran.
Ó pouco empezou a chuzar, e un bo rato despois apareceron por fin Manu e Lucas calados ata os osos, así que tocounos facer de serviciais samaritáns e namentres se secaban e abrigaban dentro do saco, démoslles unhas “frejas” nos pés e preparámoslles unha opípara cea na que xa suporedes que non faltou nin o marisco, nin o churrasco… -máis ou menos, debeu de ser así… 😉 –
Cando, metidos nos seus sacos, tomaban a sopa…-que digooo…!, as vieiras, quería dicir…- contábannos que vendo que a choiva adiantábase, tiveran que abandonar a uns 3 longos do cume, pese ó que a chuvascada pillounos durante os rápeles e xa non os deixou ata chegar á cabana, así coma un pequeno problema escatolóxico perfectamente evitable cun mínimo de fortuna ou, no seu defecto, se houberan mantido unha mínima distancia de seguridade entre as diferentes zonas de “traballo” (non podo dar máis detalles porque existe un pacto de silencio que nos obriga a ser discretos, alomenos ata que a persoa máis “afectada” -que si podo dicir que non estaba presente- xa non teña posibilidade de reclamación…).
Á mañá seguinte, como os nosos compañeiros tiñan todo empapado fixemos uns tendais coas cordas -ademais dunha colada especial de resultas do “problemiña”- e colgamos o material por dentro e fora da tenda, coma se dun tenderete de bazar se tratase, ata que secou de abondo como para poder baixar cunha aparencia máis digna. Iso si, no semblante dalgún turista ou sendeirista que pasou por aló, quedou ben patente a sorpresa que lle causou o despregamento de material e pases en calzoncillos que os “habitantes” do chamizo ofrecíamos … 🙂 pero iso tamén forma parte dos perigos obxectivos da montaña, non si?; porque -parafraseando a esa famosa alcaldesa corrupta que revitalizou aquel dito-: “Manolete, Manolete… si no sabes torear… ¿pa que te metes?” 😀

Croquis e referencias:


Escalada deportiva en Le Brévent.

O seguinte día Lucas e Manu non deixaban de estuda-las previsións do tempo e buscar información das condicións para tenta-la escalada dos Dru, pero como o tempo non se estabilizaba e as choivas da véspera incluso deixaron neve ben visible nalgúns sitios, decidiron esperar un día máis antes de saír.

Ese proxecto era demasiado difícil para Aviño e eu, así que no-los dous xiramos 180º as nosas miradas e puxemo-los ollos nas paredes do lado Leste do val, opostas ás da vertente do macizo do Mont Blanc, moito máis baixas e sen neves, pero nas que soubemos que existía unha zona de escalada deportiva moi grande que coido que lle chaman Clochers -Clochetons.
Intensa preparación física e mental para a escalada dos DruEn concreto tiñamo-lo croquis dunha vía, La Frison-Roche (200m, 6a e con 6 longos de 6a, V, V, 6a, III e V+, respectivamente), na cara SE de Le Brévent, que nós pensabamos que sería de autoprotección na súa meirande parte, aínda que logo resultou que estaría completamente equipada (son as cousas de non saber nin ren de francés…). Así que namentres a cordada dos “machacas” estudaba, planificaba e adestraba arduamente -como podedes observar na fotografía adxunta- :-D, Aviño, co seu nocello danado nun tropezón durante a baixada da cabana de Blaitiere Dessus, e eu erguémonos un día despois da nosa xornada de descanso coa intención de colle-lo primeiro teleférico de Brévent ata a súa estación intermedia, Plan Praz (13’50€ a viaxe só de ida, e coido que un par de euros máis pola ida-volta).
Este destino non está tan solicitado, nin moito menos, coma o da Aiguille du Midi, nin é tan escarpado (de feito pódese seguir unha senda -bastante pina nalgúns tramos- para subir ou baixar, con algunha zona arriba que require de bota-las mans) así que, nesta época, non se forman grandes colas para colle-las súas cabinas; este é un lugar no que faise moito parapente e sendeirismo e, no inverno, practícase o esquí de pista.

Vertente SE de Le BréventDende a estación de Plan Praz continúase durante uns 45 minutos por unha pista de esquí -que agora en verán é unha cómoda ancha senda- ata que nunha curva pechada cara á dereita, baixo a parede na que se atopa a estación superior do teleférico, hai que abandona-la pista e seguir uns 10 ou 15 minutos por ruta evidente para achegarse ata a base da vía.
Esta parede debe ser bastante frecuentada porque vimos bastantes cordadas, tanto na nosa vía como noutras próximas, pero cando chegamos xusto estaban subindo o primeiro longo unha cordada de 3, así que non tivemos que esperar para empezar; outra cousa foi que nas seguintes reunións si que nos tocou ser pacientes… tanto a nós, como as cordadas que se foron encolando atrás nosa 🙂

Primeiro longoO primeiro longo ten un paso de placa xusto antes de acada-la ampla terraza pola que chégase camiñando ata a base do zócalo no que comeza o seguinte longo. O segundo longo ascende en diagonal cara á dereita e o terceiro continúa coa mesma tendencia para acadar na esquina desta parede unhas pequenas gradas nas que chegamos a xuntármonos membros de 3 cordadas…
Dende aquí xa se ten unha vista completa da fenda-diedro que conforma o 4º longo e que supón a maior dificultade desta vía. A fenda está equipada, como o resto da vía, pero aínda así tivemos que sudar un pouco para superar este recomendabilísimo longo.
O seguinte longo é unha camiñada de transición para chegar a unha amplísima repisa sobre a que se atopa a parede do fantástico diedro final, tamén chulísimo, polo que remataríamo-la escalada nun último longo que nos deixou a poucos metros da estación do teleférico superior.
Dende aquí baixamos con calma observando as moitas vías de deportiva que a un lado e outro do camiño aparecían: nunha guía turística de Chamonix Mont Blanc, din que “nas placas do Brévent, baixo o teleférico, hai 31 vías a 10 minutos do cume”, pero a miña impresión é de que ten que haber moitas máis -habería que conseguir uns croquis do lugar porque pode se un sitio interesante para aproveitar un ou dous días “tontorróns” cando se veña a Chamonix-.
Diedro-fenda do 4º longoÓ chegar á estación de Plan Praz, Aviño, que collera billete de ida e volta por mor do seu nocello mancado, baixou nas cabinas, pero eu decidira acrecenta-la miña fama de cutre descendendo a pé pola senda que vai practicamente por baixo da liña do funicular. Tiven que preguntar por onde comezaba porque non está indicada, aínda que coido que debe ser utilizada como adestramento por corredores/as de montaña, que queiran meterse un bo desnivel rapidamente, pese a que abaixo vin algúns cartazos indicadores de que non se recomendaba -ou directamente estaba prohibido- usar esa senda. Así e todo, cruceime con 3 ou 4 persoas que subían por el; uns para adestrar e logo con intención de baixar no teleférico, e outros con máis aspecto de que lles tería servido igual unha matogueira calquera xunto á estrada para “remata-la faena”, aínda que claro… non tería sido tan romántico… 😉
O primeiro tramo do descenso coido lembrar que tiña algúns pasos con ferros ou pasamáns onde había moita inclinación ou perigo de esvarón, pero logo xa se podía seguir camiñando polas súas innumerables zetas ata chegar ás rúas de Chamonix. O descenso supoño que me levou algo máis dunha hora, pero a verdade é que non estou seguro; en todo caso está ben coñecelo por se algún día se chega demasiado tarde a colle-la última cabina de baixada.
Xa xuntos todos no “campamento base”, os nosos compañeiros dixéronnos que o tempo volvía a cambiar e que as choivas entrarían a seguinte tarde, así que desistiran do seu proxecto nos Drus, pero decidimos facer unha última escalada ó día seguinte, e logo marcharnos a outro lugar no que a meteoroloxía nos fose máis propicia.

Máis info e croquis:


Todos á Aigulle du Peigne: descamiñados na Les Lépidoptères e ó límite do horario na Contamine/Labrunie/Vaucher.
Papillons e Lépidotères Fonte: http://www.benontherun.com/post/stage-alpinisme-chamonixA previsión meteorolóxica advertía de choivas para a seguinte tarde, así que decidimos facer algunha vía na Aiguille du Peigne, que conta cun rápido acceso dende a estación do teleférico de Plan de l’Aiguille. Manu e Lucas escolleron a Contamine/Labrunie/Vaucher (MD, 400 m.) polo lado Oeste do Gendarme 3068 (máis coñecido como Gendarme Vermello), e Aviño e eu decantámonos pola Les Lépidoptères (D inf, 180 m.) que, pola cara Norte do Gendarme 3009, ten uns 180 m. de de percorrido de V- para empatar, logo da IV torre da aresta de Papillons, con dita aresta e rematar polo seu máis fácil (III+) tramo final ata a brecha de descenso normal.
Coma sempre tentamos colle-lo primeiro teleférico (30’50€, por persoa, ida e volta), pero xa había unha boa cola diante do portelo de venda de billetes cando chegamos; por riba, o arranque do funicular atrasouse un bo rato debido ós fortes ventos que sopraban en altura e que provocan a suspensión do servizo cando acadan certa intensidade.
Cando Aviño e eu saímos da cabina en Plan de l’Aiguille (Manu e Lucas colleran unha antes ca nós) atopámonos envoltos nunha densa néboa que nos impedía ver cara a onde nos dirixiámonos e orientarnos correctamente, ó que resultaría posteriormente crucial no desenvolvemento dos nosos plans…
Eu lembraba algo do achegamento á parede por mor dunha tentativa fallida de escalada da aresta de Papillons, que fixera uns anos antes con Mundi, así que cando me pareceu que as cordadas que nos precedían desviábanse demasiado de cara a onde pensaba que debiámonos de dirixirnos, abandonamo-la súa ruta e buscamo-lo noso propio camiño en medio da néboa.
Acadamo-la base da nosa parede sen apenas máis que algunha referencia visual ocasional dalgún claro entre nubes, pero non fomos quen de orientarnos correctamente, e polo tanto, aínda que non tiñamo-la certeza de estar no punto de inicio da nosa vía, empezamos a escalar nun lugar que nos parecía concordar coas pobres referencias que figuraban no noso croquis (posteriormente decatariámonos de que faltounos seguir bordeando bastante máis a base da parede cara á esquerda).
Nos primeiros metros de escalada a rocha era moi mala, pero segundo se subía resultaba… peor 😉 . Namentres montaba a primeira reunión logo de superado un tramo de especialmente horrible rocha, outra cordada que buscando tamén a mesma vía ca nós empezara a escalar ó noso carón, deuse a volta e continuou bordeando a base da parede -ben se vía que eran máis espabilados ca nós 🙂 -. Aínda que xa intuíamos que non estabamos na vía desexada, como fomos atopando algún rastro doutras antigas escaladas (guía fosilizada con restos de “apretón” incluída…) decidimos seguir “á aventura” e, afortunadamente, noutro par de longos -xa con rocha non tan mala e de escalada non difícil-, acadamo-lo fío da aresta de Papillons sen problema, nun punto (á altura da escapatoria que hai logo da 2ª torre) que a min pareceume que era xusto posterior a onde abandonara con Mundi a escalada daquela vez que antes comentara.
Nese intre non sabiamos exactamente a que altura estabamos da aresta; estaba claro que non escalaramos a Les Lépidoptères, pero aínda sen un bo croquis de Papillons, como as numerosas cordadas que xa avistabamos na ruta sinalaban perfectamente o percorrido e o Aviño xa fixera esta escalada facía anos e algo se acordaría dela…, decidimos aproveita-la ocasión e rematar co que quedaba de aresta.
O bo de saír á crista onde o fixemos foi que nos evitamos os típicos atascos que se forman nos primeiros longos da vía, así que desfrutamos moito máis da ruta, xa que aínda que esta é unha vía recomendabilísima, soe estar masificada, tanto por mor do seu rápido e cómodo acceso dende a estación do teleférico, que fai que moita xente a teña como alternativa para aproveitar medias xornadas boas de tempo, como pola súa dificultade moderada (danlle como moito V+/6a en tres puntos, pero pra min que podería dárselle algo máis ).
O longo chave permite acada-la 3ª torre, partindo dunha reunión peculiar baixo un teitume de bloques que a modo de túnel dan paso á cara Sur (a isto os franceses chámanlle “caixa de correo” nos seus croquis… -madialeva que eu non entendo a relación…-). Nós atacamo-los primeiros metros polo interior do diedro, pese a que viramos a un guía -con bota ríxida en vez de gatos- como ascendía acrobática e aereamente polo seu bordo dereito, e resultou un longo espectacular e duro de pelar… 🙂 .
Xa sobre a 3ª torre tivemo-la sorte de ver ó lonxe ós nosos compis, Lucas e Manu, escalando un tramo de placas da súa vía; e namentres o guía e o seu cliente se tomaban un “piscolabis”, aproveitamo-la ocasión para pasalos -seguro que moi ó seu pesar, porque nós si que non íamos ser máis rápidos que ata o de agora hehehehehe…-.
Sen demasiada presa continuamos e cando acadamo-la brecha, logo da 4ª torre, puidemos por fin ver onde deberíamos de ter saído nós se houberamos atinado coa ruta correcta da nosa vía: un diedro ben aberto de placa, no que podíanse distinguir alomenos dúas cordadas. Logo disto, aínda tardamos cáseque unha hora en acada-lo remate da aresta, nun parabolt con mallón que serve para rapelar pola cara Sur. Dende este punto tamén pódese seguir pola vía normal de ascenso que vai ata o cume do Peigne, pero como non tiñamos referencias da ruta nin de canto podería levarnos, baixámonos.
Logo do rápel aínda queda destrepar durante media hora aproximadamente, e cáseque outra hora máis de camiñada ata a estación do teleférico. Como este ano fixo tanto calor, non había neve, pero o normal é levar crampóns e piolets para pasar algún tramo de xeo á volta.
Na estación tocounos facer cola para baixar, porque claro, a moita xente que sube, aproveita para pasar toda a tarde e logo xúntanse as moreas de escaladores cos milleiros de turistas e móntanse unhas colas que rídevos das do paro… -Sen lugar a dúbidas, o peor do día.-
En canto ós nosos compis, resulta que remataron a súa vía tarde de máis como para chegar a tempo de colle-lo último teleférico, pero non por iso deixaron de apurar canto puideron e logo de darse unha desas carreiras, cargados con todo o material de escalada, que te deixan sen folgos -nin xeonllos- tiveron a sorte de colle-la última cabina que saía cara abaixo co persoal que traballa na estación (e iso que seica tiveron que cáseque rompe-los cristais de tanto petar, porque os “francaises” facíanse os suecos 🙂 ).
E así rematamo-la nosa estancia en Chamonix… Para despedirnos, buscamos un camping no que pasa-la prevista chuviosa noite e ó seguinte día puxemos rumbo a… ó Verdón!!!!!! -Que pasa, seica pensabades que estabamos cansos e desexando volver pra casa?- ;-D

Máis info e croquis: