Sorrizo – Xermaña (Arteixo, A Coruña)

Fotos da escola de escalada de Sorrizo - Xermaña (Arteixo, A Coruña)

Compre sempre advertir que a escalada nos cantís da Costa da Morte require de coñecemento das previsións meteorolóxicas, atmosféricas e do estado do mar, dado que, ademais do perigo que a mar implica, as condicións ambientais non sempre son axeitadas, e en moitos lugares teñen que darse bastantes coincidencias para que resulten aptas para a escalada.

En Sorrizo-Xermaña hai un único sector cunha trintena de vías ó que se chega facilmente seguindo unha senda que sae a man dereita, 100 metros antes do remate da pista asfaltada, e polo que cun todo terreo pódese pasar para aparcar máis adiante, nun descampado ó final do bosque. Dende aí a senda lévanos xusto enriba do muro de escalada ó que chegaremos facilmente descendendo polas rochas á nosa esquerda mirando ó mar. Para aparcar, fóra do descampado para todo terreos, non hai moito sitio, xa que a pista asfaltada é moi estreita.

A rocha é un esquisto vertical, con cantos, regletas e algúns desplomes, pero que soe estar bastante húmida; as habituais do lugar nos comentan que é mellor ir pola tarde, para que o sol seque a rocha, xa que de mañá a humidade molla as presas (nós estivemos de mañá buscando a sombra e repetimos unha vía cando xa lle dera o sol e efectivamente a melloría no tacto é brutal, iso si, a cambio dese mellor agarre hai que sufri-lo sol…). Con vento do Sur a rocha si que pode estar seca todo o día. As vías son moi boas, especialmente as do lado máis alto do muro, á esquerda.

Asemade, esta é unha zona protexida, polo que hai que realiza-lo trámite de petición de permiso para poder escalar nela; tendes información ó respecto na web de Escalada Sostenible: https://escaladasostenible.org/regulacion/sorrizo-xermana/

Para durmir, hai unha área de autocaravanas moi próxima, na Laracha.

Información e croquis:

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario