A Peneda

Parede da Meadinha.

A modo de resume:

  • Parede granítica con itinerarios de ata 150 m. e medio cento de vías (moitas delas practicamente olvidadas).
  • Escalada dura, con bastante exposición e psicoloxicamente esixente. Alternancia de placas equipadas con grandes distanciados e fendas de autoprotección.
  • As vías menos clásicas ou que se repiten menos, poden estar cáseque impracticables pola vexetación ou o mofo e liquens. A humidade -cando non directamente a auga que enchoupa algúns tramos- pode ser un problema…

Se aínda che parece “atractivo”… segue lendo. 😉

Croquis das vías orixinais de escalada na Peneda, feito por Boni.

Coido que este croquis da pareda da Meadinha é posterior ó da Guia de Escalada de A Peneda, feita no ano 1982 por Bonifacio Pedro Lopéz Lopéz.

A parede da Meadinha atópase nun espazo protexido que abarca as serras da Peneda e do Gerês, que serven de límite e de unión -según se mire- entre o Norte de Portugal, e as serras do Laboreiro e do Xerés, xa na provincia de Ourense.

Fai tantos anos que nin lembro as datas, algunha das miñas primeiras experiencias pola montaña achegáronme ata os máxicos Penedos de Anamán, perto da localidade de Entrimo, cando aínda interesábanme máis os bosques e fentos das sendas montunas, que as vértixes e dificultades dos verticais riscos. E algo máis tarde incluso seguín a senda que ascende dende o santuario da Nossa Senhora da Peneda, ós pés da parede da Meadinha, ata o encoro que se atopa no seu alto, sen imaxinar sequera que houbese quen se encaramase a este murallón granítico, adheríndose ás súas placas e empotrándose nas súas fendas, en vez de usando o empedrado camiño romano que bastante comodamente chega ó alto.

Coido que é o primeiro domingo de setembro cando se achegan en masa os/as romeiros/as e devotos/as a rendir culto ou facer penitencia neste santuario, invadindo nunha procesión noctura as escalinatas do víacrucis que pasa por unha vintena da capelas de camiño ó templo, e rompendo a tranquilidade deste val, coroado polo altar granítico da Meadinha. Se sodes camiñantes, evitade pois esa primeira semán, pero non dubidedes en achegarvos calquera outro, iso si… mellor con algo de nubes que refresquen o ambiente, ou -incluso mellor- escollede un triste día de orballo para desfrutar así dunha auténtica experiencia místico-naturística…

Á marxe do ascenso cáseque olvidado dun portugués no ano 1940, por algún itinerario evidente que evitaba as dificultades escalatorias, seica non foi ata os anos 1972 (vía Directa de los Techos, aberta o 12 de outubro polos vigueses Santiago Suárez Alonso e Antonio Dourado Iglesias) e 1973 (vía Queles, aberta por Santiago Suárez e Lino Rodríguez) que se acadaron as dúas primeiras escaladas desta parede (non sei se por lisboetas ou vigueses, que eran os protagonistas das tentativas ata esas datas), pero a principios dos anos 80, os 8 ou 10 itinerarios abertos debíanse a cordadas do Club Montañeiros Celtas deVigo.

A escalada nesta parede ten sona de dura, exposta e cun alto compoñente psicolóxico que esixe achegarse “maduros” cun alto grao de confianza nun mesmo ou, no seu defecto, con altas ansias de xerar adrenalina 😉 A rocha é un granito que esixe combinar percorridos por placas lixeiramente tumbadas ás veces nas que confiar na adherencia, con tramos máis verticais nos que aferrarse ós característicos pequenos pitóns de cuarzo, teitos fisurados, e longas fendas nas que encaixarse ou realizar empotramentos e oposicións que porán a proba o noso “coco”.

Friends e empotradores de tamaños medianos e grandes resultan imprescindibles e moitos dos percorridos, aínda que moitas das vías están semiequipadas, e incluso non sobrará leva-los estribos para superar algún teito. O equipamento dos trazados deportivos ou reequipamentos de vías orixinais consta de parabolts distanciados e reunións con anela para rapelar.

Croquis e info detallada das vías de escalada na parede da Meadinha (A Peneda), en http://www.meadinha.com/vias_es.htmlA parede, duns 150 m. de máxima altura, está orientada ó SE, así que en verán o calor é insufrible a partir do mediodía (incluso cando á tardiña a rocha volve a estar á sombra, o calor acumulado impide a escalada), e en inverno a choiva é da máis abondosa da península, así que só é posible escalar en primavera e outono. Asemade, tanta humidade provoca a formación dunha capa de lique sobre a rocha que a fai moi esbaradiza.

O acceso ás vías faise polo camiño empedrado que hai na parte traseira do santuario, onde, ó seu comezo, hai un primeiro cartel indicativo da zona de escalada e, máis arriba, tras uns 20 minutos de ascenso, hai outro no acceso ó sector principal de escalada, que amosa as numerosas vías da parede.

O descenso dende o cume da Meadinha non é moi evidente, hai que recorrer un rato o altiplano e buscar unha pouco marcada senda que vai descendendo entre a maleza (hai un par de pasos con chanzos labrados na pedra), con algo de tendencia á esquerda ata empatar co camiño romano que une o santuario co encoro de máis arriba.

Hai unha fonte na explanada principal baixo o santuario, ademais dun par de bares, restaurante e hotel, así como outra fonte detrás do santuario, perto de onde comeza o camiño ás vías.

Senón é un día de feira pódese aparcar na mesma explanada principal do Santuario, onde remata a rúa, nunha gran praza cun par de bares e un hotel.

É posible vivaquear con discreción nos soportais traseiros dalgún dos longos edificios próximos ó santuario, que bordean a rúa.

Asemade o Hotel Peneda ofrece varias alternativas de aloxamento no mesmo lugar da Peneda, entre as que contan cunha especie de aluguer dun par de albergues (chámanlle Camarata grande e Camarata pequena) con 24 e 8 prazas respectivamente, que poden resultar interesantes para grupos.

  • Info en: www.penedahotel.pt (tlfno. +351 251 460 040).
    • Lugar da Peneda. Gavieira. 4970-150
    • Arcos de Valdevez

Tamén hai un camping e bungalows en pleno bosque, de camiño á Peneda, ó pouco de pasa-la localidade de Lamas de Mouro

 

Croquis e reseñas:

Historia:

O Pequeno Half Dome.

Esta parede está moi próxima da da Meadinha, e separada desta polo torrente que cae do encoro do seu cume.Croquis do Pequeno Half Dome, A Peneda (Portugal).

Non sabería da súa existencia de non ser por uns croquis que me amosara ErnestoO Negro” cando estiveramos na Peneda en decembro do 2015. En todo caso tampouco atopei máis info que simplemente as 5 vías sinaladas nos croquis dispoñibles en: http://climbingportugal.blogspot.com.es/2013/05/pequeno-half-dome-peneda.html

 

Advertisements