Sétimo grao

Crónica dunha viaxe cara ós sonos

(ou, simplemente,

unha experiencia paso a paso de como acada-lo sétimo grao,

se se pode…).

A idea é moi sinxela: un escalador de sexto grao que acaba de empezar a ronda-lo 6b, pero só leva encadeadas un par de vías deste nivel, quere da-lo salto ata un respetabilísimo sétimo grao que lle permita afrontar con máis garantías e confianza proxectos de escalada libre e clásica.

A primeira cuestión que xurde: 

- Vaia ho, cáseque nada... Ou sexa, 
que non fas nin 6b e xa pensas no 7º grao?-.
- Tampouco hai que obsesionarse con iso dos graos e os números, non?
Usemo-la cabeza: simplemente hai vías máis difíciles que outras
(ou máis fáciles, segundo se mire), 
e se un ten interese, 
un pouco de constancia 
e pode practicar de abondo, 
¿por que non vai ser posible...?

Antes do verán propuxérame coma obxectivo tentar chegar a facer vías de 6c, pero ó remate deste só lograra encadear un par de vías de 6b. Se cadra fora demasiado ambicioso, ou non fixen as cousas ben, ou pode que simplemente non sexa capaz…
Durante cáseque un mes estiven escalando de xeito moi continuo, tentando aproveitar ó máximo as nosas vacación nas Peñas de San Fausto, en Estella/Lizarra (Navarra), unha zona escola considerada como o paraíso do sexto grao. A excesiva calor perxudicounos á hora de rendabiliza-las xornadas de escalada, pero aínda así a mellora foi evidente e, ó noso regreso a casa, continuamos escalando á procura dese obxectivo.
Non foi de abondo. Pero decateime de que acababa de romper cun límite importante: supera-lo 6a. E empecei a ve-las vías con graos superiores xa non como imposibles para min, senón como vías que podía probar, unha a unha, progresivamente; psicoloxicamente estaba preparado para un novo salto.

-Pois se non queres caldo..., toma dúas cuncas!- 
Así que agora decidín ir directamente 
(bueno, arrodeando por onde sexa necesario) ... 
¡a polo sétimo grao!.

Tal e como eu o vexo, é unha cuestión de:

  • Motivación.

¿Que me impulsa? ¿Acada-lo máximo grao? ¿O simple pracer de trepar sobre unha boa rocha? A motivación é a resposta a estas preguntas. E o que eu quero é superar rutas cada vez máis difíciles; porque teño sonos, porque necesito romper barreiras, porque disfruto antes, durante e, sobre todo, despois…

  • Disposición.

A maioría da xente que escala, seguro que ten a capacidade potencial para acadar este grao de dificultade. Só se necesita desexa-lo suficientemente, disciplina e información sobre como consegui-lo.

  • Disponibilidade.

Evidentemente, se non temos tempo, nin lugar no que escalar ou practicar, nin os medios persoais ou materiais necesarios, non teremos posibilidades reais de progresar axeitadamente.

  • Decisión.

Ben, unha vez que temos claro o que queremos e dispoñemos de todo o necesario, só é preciso te-la convicción de que é posible consegui-lo e decidirse a empezar.

  • Execución

A partir de aquí, tentarei ir facendo unha crónica desta miña viaxe cara a ese grao máxico.

Dúas regras de partida:

  • Debe ser sempre divertida, no intre en que empece a parecerse a un traballo ou un deber, é mellor tomarse un descanso.
  • E hai que desfrutar dos éxitos, pero tamén dos fracasos.

¡E alá voooooooouuuuuu…!  Pincha na foto e entra comigo:

Fotografía: Víctor Barro www.fotosconletra.com fotosconletra.blogspot.com Para ponerte en contacto con Víctor Barro, podes face-lo a través do correo electrónico: "victor.barro@fotosconletra.com"

Fotografía: Víctor Barro http://www.fotosconletra.com fotosconletra.blogspot.com Para porte en contacto con Víctor Barro, podes face-lo a través do correo electrónico: “victor.barro@fotosconletra.com”