Restauración do pé de vía do sector Binaca, Monte Galiñeiro (Gondomar, Pontevedra. Galiza)

Convocatoria para o sábado 6 de xullo de 2019, dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca, no Monte Galiñeiro.

Lugar e hora de concentración: 09:30h da mañá do vindeiro sábado 6 de xullo, xunto ó refuxio do Monte Galiñeiro.

 

A senda de acceso ós sectores principais do Galiñeiro, está moi erosionada dende o lume do verán do 2017.

Colocación de pedras en forma de chanzos e instalación dunha baranda para evitar que se saia da senda aumentando a erosión. Construción de socalcos nos puntos de maior desnivel e erosión, usando travesaños feitos con piñeiros queimados do lume do verán de 2017.Fai 2 semanas, Juan, Fer, Carducho e eu apañamos madeira queimada nas proximidades do refuxio e repartímola pola senda que leva ós sectores principais de escalada para poder construír uns socalcos nos puntos máis deteriorados do camiño.

Un par de días despois, Carducho construiu con troncos e pedras dos arredores varios socalcos e chanzos no tramo de maior pendente entre o sector Binaca e o sector das Placas Verticais.

Sen dúbida a erosión continuará degradando a senda pero pretendemos reducila polo de agora, e que nos sirva de referencia para observar no inverno en que máis puntos se precisaría de novas intervencións para tentar establecer un camiño estable que non se deteriore ó ritmo actual.

Construción de socalcos nos puntos de maior desnivel e erosión, usando travesaños feitos con piñeiros queimados do lume do verán de 2017.  Construción de socalcos nos puntos de maior desnivel e erosión, usando travesaños feitos con piñeiros queimados do lume do verán de 2017.

Restauración do pé de vía do sector Binaca.

Erosión do pé de vía do sector Binaca.Pretendemos agora realizar unha obra de moito maior esforzo: o pé de vía do sector Binaca perdeu todo o manto de herba que orixinalmente tiña e como consecuencia delo, a erosión socavou máis de medio metro o nivel do chan, deixando un pé de vía en pendente con terra solta e pedras ó descuberto que dificultan tanto o paso como o inicio da escalada e aseguramento; e cun estado que cada vez empeora máis rapidamente.

 Erosión do pé de vía do sector Binaca.Volver a crear un novo chan nivelado, con pouca pendente e estable, require da colocación de pedras de gran tamaño encofradas coa madeira apañada nas proximidades para construír uns socalcos escalonados. Localizar e traer dende as proximidades unha cantidade de pedras -e de tan grandes dimensións- como as necesarias, así como trasladar terra de abondo para asentalas e cubrilas, supón un duro traballo para o que se precisaría da colaboración de canta máis xente mellor.

Asemade, para evitar que siga deteriorándose o pé de vía, pretendemos abrir senda un par de metros máis separados do muro, para que o tránsito de subida e baixada ós sectores de escalada principais non contribúa de novo á erosión do que agora reparemos.

Convocatoria dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca.

A nosa intención é facer todo o choio nunha soa xornada que, dependendo de canta xente acuda a colaborar, durará medio día ou -ó mellor- todo o día.

Por suposto, calquera pode achegarse libremente a botar unha man (mellor as dúas) cando lle pete, pero imos establecer como hora de concentración para empeza-los traballos as 09:30h da mañá do sábado 6 de xullo.

O único material que cada quen debe traer son luvas (para non manca-las mans ó trinca-las pedras), roupa para traballar e un bocadillo (que seguro que fará boa falta 😉 ).

Pregamos que difundades esta convocatoria e agradeceriamos que as persoas que queiran confirmar que se achegarán ese día nos avisedes, ben persoalmente decíndonolo a Carducho ou a min, ou se non nos vedes ou coñecedes, mediante un correo electrónico a trepadasecordadas@gmail.com. En todo caso se vides sen avisar seredes igualmente benvidos/as.



A construción do Gran Valo

(hai quen prefire chamalo: “The Fucking Wall”) 😀

Fotos da reparación pé de vía do sector Binaca (Galiñeiro), 6 de xullo de 2019

Chegado o día, xuntámonos unha ducia de boas, xenerosas e animosas persoas 😀 : Cristóbal, Juan Lozano, André, Mundi, Jose, Lois, Noe, Sergio, Luis, Manu, Carducho, eu e unha parella anónima do Grupo Alud que se parou un rato a botarnos unha man pola tarde.

Infinitas grazas a tódalas persoas que viñestes  polo voso inmenso traballo de balde e estupendo ambiente creado. Estou seguro que para outra… volo pensaredes dúas veces antes de volver a arromba-lo lombo… 😉

E, coma non, hai que loubar e recoñecerlle a gran iniciativa e dirección de obra de Carducho, que aínda segue a darlle ó maxín -e ó mazo-. 😀

Como mostra dos traballos comparto un pequeno vídeo da colocación dunha das pedras máis tochas do valo, e unhas fotos descritivas da xornada.

 

 

 

 

 Erosión do pé de vía do sector Binaca.

Erosión do pé de vía do sector Binaca.

 

Erosión do pé de vía do sector Binaca.
 Erosión do pé de vía do sector Binaca.

Primeira tarefa: apañar pedras grandes.

 

Empezando a coloca-las pedras.

 

Técnica construtiva tradicional: pedra seca.

(as comparacións son odiosas, eh ;-D )

 

Transporta-las pedras máis grandes require de traballo en equipo.

 

Algúns retoques de canteiría son necesarios para asentar axeitadamente as pedras.

 

O valo de contención vai tomando forma.

 

Chamarémoslle… “The Fucking Wall”.

 

Para a esquina buscamos unha pedra trapezoidal.

 

Menos mal que estaba preto!…

 

Hai que estudia-la súa forma para colocala axeitadamente,

 

Coloca-la no seu sitio deu choio!

 

Colocando as últimas pedras antes de pedir papas…

 

Namentres o muro vai tomando altura, o seu interior vaise recheando de terra e pedras miúdas.

 

Xa pola tarde, colócanse chanzos para que a xente circule ó carón da parede, pero non polo seu pé de vía.

 


Para rematar facía falta apañar máis troncos e polas coas que face-los chanzos e algúns fungueiros.

 

Unha pose antes dos últimos “toques”.

 

Abaixo cos castelos da nobreza!!!!!

 

Viva revolta irmandiña!!!!!

 

Retirada para casa… ben… pero antes paramos no bar, non?

 

Primeiro plano duns chanzos.

 

A plataforma contida polo valo.

 

Vista frontal do valo e os novos chanzos da senda.

 

Vista lateral do valo, con paos cubríndoo para evitar que se atalle polo seu interior en vez de seguir pola senda.

 

Os chanzos da parte superior do valo.

 

 

 

A técnica construtiva da Pedra Seca.

https://photos.app.goo.gl/hfxMSBjY5EVgosjP6

A pedra seca é unha técnica de construción tradicional galega consistente na “colocación ordenada dunhas pedras sobre outras, sen labrar, trabadas sen argamasa ou morteiro de compactación e soamente sustentadas polo seu propio peso e a solidez que confire a correcta disposición construtiva”.

Trátase dun dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e Ribeira Sacra. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo unha contorna característica de Galicia.

Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, alpendres, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio.

Fontes: