Arquivo

Archive for the ‘Neve’ Category

Circular a Peña Ubiña pola senda das Merinas. 7 de decembro de 2019.

2019 Decembro 7 Deixar un comentario

Fotos da circular a Ubiña pola Senda Merina Ó seguinte día das nosas respectivas ascensións (Manu e Aviño subiran ó Ubiña Pequeño, namentres que Beni e eu subiramos ó Ubiña Grande), xuntámonos para facer unha circular que nos levase dende Torrebarrio ata a vertente asturiana e volta polos Fontanes, aínda que finalmente só completamo-lo percorrido os tres “machos omega” 😉 .

No percorrido non topamos neve transformada en cáseque todo o percorrido, pero tampouco resultou moi profunda onde se puña máis branda, e só nalgún pequeno tramo estaba tan dura como para obrigarnos a picar duro; neve variable, pero pola que, en definitiva, progresábase bastante ben.

Senda merina. Fonte: http://www.elmaquis.net/actividaes/cordilleracantabrica/ubinastur.pdfEn canto á climatoloxía, o día estivo en xeral cuberto, neboento ás veces, e con algo de vento ata pasa-lo alto de Terreros. Logo, pola Senda Merina o vento xa non nos molestou namentres atravesamos toda a vertente Norte do Ubiña Grande, e incluso o día tivemos algunhas raiolas de sol no ascenso pola Canal del Buey tras cruza-la Cresta de los Portillines pola Pasada del Siete. Eses intres de sol animáronnos a subir ó Fontán Norte, onde xa a nubosidade, o vento e o frío dedidíronnos a non continuar ata o Prau senón descender pola Horcada del Fontán cara ós Llanos del Fontán, dende o que xa só nos restou pasar por Chandanai camiño de Torrebarrio, para completa-los -calculo que ó redor dos- 14 Km de percorrido.

Enlaces con algunha información en:

O tempo en San Emiliano:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/san-emiliano-id24145

Corredor del Pilar, cara Sur Oeste do Peña Ubiña. 6 de decembro de 2019.

2019 Decembro 6 1 comentario

Fotos do Corredor del Pilar, na cara Sur Oeste do Peña Ubiña.Ultimamente andabamos tan metidos coa escalada deportiva que non fixemos cáseque nada de clásica e aínda menos de alpinismo, así que na ponte da Constitución vendo que parecía haber algo de neve por Ubiña, Beni e eu fomos a dar unha volta para polo menos desferruxa-los crampóns.

Chegamos ó refuxio da FGM en Torrebarrio pola noite, con tempo xusto para durmi-lo necesario e non sufrir co madrugón. Así que ó redor das 6 ou 6:30 h da madrugada saímos dos sacos ó frescor da noite para subir ata Chandanai e dende aló xa decidir cara onde tirar en función das condicións. Dende este punto hai que decidir se ir cara ós Llanos del Fontán, ou cara o Collado del Ronzón; eu tiña en mente ver como estaría a Vía del Espolón Oeste ou cheirar algún corredor da cara Sur Oeste, ou ir empatando palas de neve ó chou… Cando chegamos á base do Pilar Sur o verglas cubría as rochas da canal de inicio, así que tiramos cara á dereita e metémonos nunhas primeiras pendentes con algo de neve, pero con algunhas calvas que obrigaban a pasar por algúns tramos delicados de rocha e herba.

 Ruta do Corredor del Pilar. Fonte: http://www.pirineos3000.com/fotos/ascensiones/800x600/16225_2.jpgNon estaba seguro de en que corredor nos adentrabamos, pero namentres se deixara facer… 😀

Ó caso é que tras ese inicio en mixto, logo sempre atopamos unha boa capa de neve en bo estado para progresar salvo en 2 estreitamentos nos que a neve xa se ía derretendo para deixar aflorar sendos resaltes de rocha. No primeiro tivemos que superar un resalte de rocha mal tapizado de neve, e o seguinte era unha rimaia formada polo derretemento e inconsistencia da neve.

Atopamos algo de rastro de pegadas no último terzo do corredor, aínda que no remate, nós saímos polo lado dereito en vez de polo estreitamento do lado esquerdo do corredor. Na sección final topámonos cun pequeno tramo de neve moi dura, na que xa non podiamos facer chanzos a patadas como no resto da ruta, pero logo volveu a mellorar, ata rematar nun gendarme no que rapelamos uns 10 m para xa continuar pola aresta ata o cume do Ubiña Grande. Ollo que aínda nos leva unha hora subir ó cume, e outra máis para baixarnos polo Canalón Sur ata senda que ven do Collado del Ronzón.

Corredor del Pilar (III/2+,50-55º, 350 m).

Corredor del Pilar. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesinvernales/ubina-pilar.htmlDificultade: III/2+, 50-55º

Lonxitude: 350 m. (outros 250 m. ata o cume)

Material: casco, crampóns, piolets técnicos, 1 corda de 60 m., 3 ou 4 cravos, 2-3 parafusos de xeo, un áncora de neve, xogo de fisureiros e xogo de friends pequenos.

Cordada: Beni e Ricardo.

Aproximación: dende Torrebarrio ata a base da vía por Chadanai, leva unha hora e media aproximadamente.

Descenso: polo Canalón Sur.

Apertura e 1ª Ascensión: Isidoro Rodríguez, Adelo Campos e alumnos dun curso de técnica invernal da ECLAM, o 6 de marzo de 1994.

Enlaces con algunha información en:

O tempo en San Emiliano:

http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/san-emiliano-id24145

 

Espigüete pola Crestería Este (Palentinas – Fuentes Carrionas – León). 16 de abril de 2019.

Fotos do Espigüete pola Crestería Este (Palentinas - Fuentes Carrionas - León). 16 de abril de 2019.Saímos de Vigo camiño a esquiar un par de días nos Pireneos, en Candanchú e Astún, pero con intención de saca-los crampóns do armario para alomenos pisar neve, polo que de camiño fixemos parada nas Palentinas para subir ó Espigüete.

Aínda que a semana anterior, caera un bo paquetón de neve, logo debeu de chover bastante, porque a neve só se acumulaba na vertente Norte, así que aínda que barallamo-la posibilidade de subir polo Corredor Norte, ou pola aresta Noroeste, dada a escaseza de neve no fondo e as altas temperaturas, decidimos ir ó seguro e toma-la ruta máis fácil, pola aresta Este.

O ascenso non tivo dificultades, e aínda que con escasa neve no noso itinerario, si que puidemos observar restos de corrementos e pequenos aludes nalgúns puntos da cara Norte. Como iamos co tempo un pouco xusto para chegar a tempo para recolle-las chaves en Jaca do apartamento, Carducho e eu alixeiramos algo de material a mochila e, namentres Lola e Beni daban a volta, apuramos ata acada-lo cume Este, onde tamén nós decidimos regresar vendo que subir e volver do cume principal, suporianos unha hora máis de actividade.

Aresta Este, na cara Este do Espigüete. Cara Este do Espigüete (páx. 2 de https://www.arasdelcielo.com/wp-content/uploads/5-2-Espiguete-Este-V-2.0.pdf Fonte: http://www.arasdelcielo.com/espiguete/) A nosa ruta de ascenso foi a o Cresterío Este (ruta 7)

  • Dificultade: III/1
  • Lonxitude: uns 1.000 m. de desnivel dende o aparcadorio aínda que o percorrido real debe ser duns 3 Km ata o cume Oeste (2.451 m).
  • Material: casco, crampóns e piolet.
  • Cordada: Lola, Carducho, Beni e eu.
  • Aproximación: Pasado Cardaño de Abajo, cóllese o desvío cara a Cardaño de Arriba, para deixa-lo coche nun aparcadoiro situado no lado esquerdo da estrada (antiga zona de acampada chamada Pinollano). Apenas uns poucos metros de iniciada a pista que segue xunto o cauce do Arroyo de Mazobres, en dirección á cara Norte, abandóase por entre a vexetación para ascender por unha senda pouco definida pola que acada-la aresta (algúns fitos poden axudar a orientarnos) que xa non abandonaremos ata o cume.
  • Descenso: Nós fixémolo pola mesma aresta Este
  • 1ª Ascensión da aresta Este:  Juan Díaz-Caneja, César Sobrado e Genaro, o 15 de xullo de 1915.
  • 1ª Ascensión Invernal da aresta Este: María del Carmen Muñoz e Luis González o 29 de decembro de 1973.
  • Percorrido: En resumo, a nosa ruta, empeza dende o aparcadoiro de Pinollano, ascendendo primeiro entre a vexetación por terreo pouco definido ata acada-la aresta, pola que continuar ata acada-lo cume Este do Espigüete (2.444 m), dende o que aínda queda aproximadamente outra media hora máis para percorre-lo tramo chegar á auténtica cima da montaña (2.450 m).

Máis info:

Aloxamento na zona de Velilla del Río Carrión, Palencia (Castilla y León)

Polo que parece, o Albergue Juvenil Sierra del Brezo, en Velilla del Río Carrión, que conta cunhas instalacións enormes, debe de estar pechado.

Velilla del Río Carrión é unha localidade grande con tendas e servicios de todo tipo. Para xantar, hai unha pizzería, La Tabla Redonda, e un par de restaurantes con menú do día e á carta: Casa Mauro e o Mesón Los Faroles. Desta volta ceamos á carta na Casa Mauro, pero pareceume un pouco cara para a calidade da cea.

En Camporredondo de Alba.

Residencial Tia Goya.

Hostal, Cafetería e Mesón.

Teléfono: 979 866 032

http://casatiagoya.com/

6 habitacións, 2 dobres, 2 de matrimonio e 2 triples, todas con baño.

Mesón El Abuelo

https://es-la.facebook.com/Mes%C3%B3n-El-Abuelo-Camporredondo-de-Alba-1583855288610038/

Teléfono: 979 866 034

Ten aloxamento é restaurante.

En Triollo.

Albergue Curavacas.

Tamén é restaurante.

www.alberguecuravacas.es

Teléfono: 979 866 223

En Vidrieros.

Casa Rural Valdenievas.

2 Habitacións dobres e 1 de matrimonio

http://www.casavaldenievas.es/joo3x/index.php

Teléfono: 979 870 471

En Velilla del Río Carrión.

Albergue Juvenil Sierra del Brezo.

http://sierradelbrezo.com/albergues/contacts.php

Teléfono: 979 861 313 / 699 928 419

O tempo en Velilla del Río Carrión:

Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 3 de febreiro de 2019, e Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

2019 Febreiro 9 Deixar un comentario

Iniciación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, Cabeza de Manzaneda, 3 de febreiro de 2019.

Fotos da xornada de iniciación ó esquí de travesía con Celtas, 3 de febreiro de 2019.Un ano despois, continúo coa aproximación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, repetindo a saída a Manzaneda para unha segunda práctica nun pequeno percorrido por neve que aproveita a primeira boa nevarada da tempada, para achegarnos á única estación de esquí que temos operativa (aínda que durante moi poucas xornadas ó longo do ano) en Galicia.

Desta volta, contaba con máis confianza, xa que en marzo do pasado ano pasara 4 días “reaprendendo” a esquiar en Andorra, así que pensaba que xa non tería os problemas para descender, da anterior vez. Sen embargo, aínda que no ascenso non tiven ningunha dificultade, chegado o intre de baixar, si que me costou controla-los esquís: está claro que logo dun ano, hai que volver a collerlle o puntiño…

Antes de remata-la xornada, detivémonos xunto ó refuxio Pena do Caldeiro do meu Club Alpino Ourensán, para realizar unhas moi interesantes prácticas sobre o uso do ARVA e o protocolo de rescate de vítimas en caso de avalancha. Recomendabilísimo realizar tódolos anos unha pequena práctica de busca e localización de vítimas, para saber reaccionar con seguridade e axilidade chegado o caso.

Para xantar:

  • O Restaurante Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa.

O tempo en Manzaneda:

O tempo na Pobra de Trives:

 

Xornada de esquí de montaña co Club Montañeiros Celtas, Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

Fotos da ascensión ó Peña Orniz en esquí de montaña con Celtas, 9 de febreiro de 2019.A xornada de iniciación, serviume de quencemento, para unha saída que o Club Montañeiros Celtas organizaba para a Federación Galega de Montañismo, na que se realizaría unha ascensión ó Peña Orniz (no Valle del Sil, Babia), pola senda de Las Fuentes del Sil, partindo da localidade de La Cueta, no concello de Cabrillanes, León.

A actividade realizámola paralelamente, un grupo de esquí de montaña, e outro de raquetas de neve, que dado o moi distinto ritmo dos dous, só coincidiriamos na saída e na volta. De feito non ten moito senso facer conxuntamente a actividade, xa que ademais de ir a ritmos completamente diferentes, as raquetas cando pasan polo mesmo sitio, estragan as marcas dos esquís o que dificulta o retorno xa que non queda un bo carreiro para avanzar máis comodamente. Eu non pensara nisto, pero logo de que llo lembrasen un par de veces ós/ás raqueteiros/as, fixeime que pegado ó cú do último esquiador que pechaba o noso grupo ía un raqueteiro pisando con total tranquilidade sobre o noso rastro (por un oído me entra…), e, efectivamente, á volta si que me din conta do útil que terían sido te-lo carreiro marcado da nosa trazada matinal, para poder deslizarnos moito máis comodamente.

Cando saímos os/as 16 integrantes do grupo de esquí, o tempo non era moi bo, e segundo ascendiamos ía empeorando, primeiro cunha néboa que dificultaba a orientación e logo cunha forte ventisca que finalmente obrigounos a retirarnos preto do cume (ou alomenos así mo dixeron os que coñecían a ruta, porque coa néboa e a ventisca que facía, eu ía practicamente a cegas e non cheguei a albiscar nada). O vento, nalgúns intres era tan forte, que cáseque nos tiraba, xa que os esquís ás nosas costas actuaban como velas. Así as cousas, só fixeron cume o grupo de raquetas, xa que o de esquí retirámonos ante as malas condicións do tempo.

O ascenso non foi difícil, ata que a pendente fíxose máis forte e o xeo da mesma obrigounos a quita-los esquís e continuar con botas. Xa de retirada, e unha vez sobre pendentes menos pronunciadas, volvimos a poñe-los esquís, e aí foi cando me topei coas auténticas dificultades: por un lado, era incapaz de avanzar mantendo a cota, xa que ó estar en pendente non tiña ambos esquís á mesma altura e só era quen de avanzar cara abaixo; claro está, que así non podía seguir ó resto do grupo, que mantivo a cota ata unha golada dende a que xa comezaba un descenso máis claro, polo que acabei no fondo do val, quitando os esquís para remontar camiñando ata xunto ós/ás meus/miñas compañeiros/as -ufff, isto non era o que eu imaxinara como un cómodo e descansado descenso esquiando…-. Ademais, como a  maior parte do tempo descéndese non de fronte, senón ladeando as pendentes ou avanzando lateralmente, ó ter sempre unha perna máis alta ca outra e cargando distinto peso, fíxoseme duro e moi canso. Se a  iso lle sumamos que nos tramos lixeiramente ascendentes, non controlo o “paso tesoira”, e que para rematar tivemos que facer camiñando parte do camiño porque desaparecera a neve que pola mañá cubría as rochas nalgún tramo… 😦

A conclusión non foi moi boa… resultaba máis canso e problemático do que me esperaba, así que volvín algo decepcionado desta experiencia. Así e todo, tentarei correxir algunhas das carencias esquiatorias que detectei e darémoslle outra oportunidade… 🙂

Polo demais, chamoume a atención o feito de que esta actividade ó estar feita para a Federación Galega de Montañismo, contaba con algún tipo de subvención por parte da mesma, xa que sorteouse entre os/as participantes algún material adquirido cos cartos asignados pola FGM, sen embargo, isto nin ocorre en tódalas actividades federativas, nin atopo ningunha información que explique en base a que criterios se subvencionan unhas e non outras… -os inexcrutables enigmas federativos…-. ;-(

A ruta:

Para aloxarse:

Hai un albergue, Centro de Turismo y de Ocio Laciana Natura, con habitacións con liteiras (tamén conta con cabanas de madeira, supoño que para o verán) en Villablino: https://www.lacianatura.es/.

Para xantar:

O tempo en Cabrillanes:

 

Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 4 de febreiro de 2018

2018 Febreiro 4 Deixar un comentario

Fotos do curso de esquí de travesía con Celtas, 4 de febreiro de 2018.O Club Montañeiros Celtas organiza tódolos anos un pequeno curso de iniciación ó esquí de travesía cunha xornada teórica sobre o material a utilizar, e unha segunda de práctica facendo un pequeno percorrido por neve.

Non fai falta saber esquiar moi ben, pero si que é imprescindible cando menos ser capaz de descender cun mínimo de soltura. Eu só probara o de esquiar durante unha semana que pasaramos en Sierra Nevada, fai uns 25 anos!, así que non as tiña todas comigo respecto de se sería capaz de baixar decentemente… Pero fun probar, esperando que fose como andar en bicicleta -que nunca se olvida- 🙂

Se cadra tiña que ter andado máis en bicicleta, porque en canto a inclinación fíxose mínima cara a adiante, xa non atopei máis xeito de pararme que o clásico “galletazo” que tanto nos divirte ver neses vídeos de mamporros a esgalla.

E así foi alomenos nos primeiros metros de pista de descenso que collín, aínda que fun reducindo o ritmo das caídas a medida que me achegaba ó final da pista, e ata cáseque empecei a virar en paralelo ó seu remate: terei que apuntarme a un par de xornadas de curso de esquí en pista, antes de volver a meterme nisto do esquí de travesía 😀

Polo demais, o esquí de travesía non ten moita ciencia cara a arriba: axústanse as botas, póñense as peles de foca, vanse regulando as alzas, e veña Volta-María para xirar… 🙂

Así que… ímoslle esquí de travesía!

Para xantar:

  • O Restaurante Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa.

O tempo en Manzaneda:

O tempo na Pobla de Trives: