Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > La Cuenta Atrás e Entre Amigos (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 20 e 21 de abril de 2024.

La Cuenta Atrás e Entre Amigos (Peñas del Prado, Valle de Arbas, León), 20 e 21 de abril de 2024.

Aproximación á base da cara SO das Peñas del Prado. Fonte: http://lagarafa.blogspot.com.es/2016/08/penas-del-prado-reina-loba.htmlCando o Club Alpino Ourensán propuxo unha quedada de escalada en Peñas del Prado, busquei nas miñas publicacións cando fora a última vez que escalara aí, e sorprendeume que pasaran xa máis de 7 anos!; dende o 2016 non me volvera a pelexar coas súas adherencias… A fermosura deste lugar no Alto Bernesga, ó carón das comarcas de Babia, Luna e Laciana, segue sendo a mesma e é imposible non pensar en quedar a vivir por aló unha vez que se pasa por elas.

Habitualmente usamos como campamento base o soportal da antiga escola (hoxe en día non sei se reconvertida en local social ou simplemente sen uso), na localidade de Cubillas de Arbas (concello de Villamanín), onde acostumamos a vivaquear protexidos do resío e da xiada. Nesta ocasión xuntámonos Mundi, Víctor, Luz, Nina, Aviño, Ernesto, Manu, Beni e eu para esparexarnos por distintas vías durante a fin de semán.

Esta pequena poboación tamén conta co Albergue de Cubillas de Arbas, onde ademais de durmir pódese contrata-las comidas, e de servizos de hostalaría xa só parece quedar operativo o Hotel Rural Río Viejo, xa que non parecía aberta a Cantina El Cantón, ó carón do propio albergue, onde lembraba ter disfrutado antaño da súa sabrosísima comida.

Para proveerse de auga, hai unha fonte con auga potable nunha praza á entrada da vila en dirección ó albergue.

La Cuenta Atrás. MD (6a), 250 m.

Fotos de La Cuenta Atrás, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).Vía de autoprotección con algúns seguros fixos en placas e reunións, e algún inevitable distanciado para que se coordinen coco e adherencia 😀 .

O 2º longo é bonito, pero o 4º longo é realmente moi bo!

No 3º longo hai que saber cando face-la travesía á esquerda coa que chegar á reunión: nun dos croquis márcase unha ponte de rocha na placa como referencia para saber que aínda hai que subir algo máis, antes de face-la travesía (de feito había un cordino gordo ben visible -seguramente na ponte de rocha de referencia- pero atravesei antes del pola placa baixo o primeiro nicho porque pensei que podería ser dalgún embarque ou doutra vía). Lamentablemente no croquis que eu usei non estaba marcada esa ponte, así que cando me atopei cunha placa baixo un nicho fixen unha exposta travesía por ela sen saber que debera de ter seguido ascendendo cara arriba, tamén por placa, e 4 ou 5 metros máis arriba xa tería visto a reunión á esquerda noutra repisa, xusto enriba do nicho inferior.

Aperturistas:
Borja Araque e Alejandro Rodríguez, o 17 de setembro de 2016 e limpada posteriormente o 24 e 25 do mesmo mes.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de  friends (3 Aliens, e ata o Camalot nº 3, e aínda que levamos o nº 4, non foi necesario porque tiñamos dous nº 3) e entaladores medianos e pequenos, unha ducia de cintas, varios cordinos para pontes de rocha e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Beni e eu.

Data da ascensión:

20 de abril de 2024.

Croquis de La Cuenta Atrás. Fonte: http://enlavertical.blogspot.com/2017/11/la-cuenta-atras-en-las-penas-del-prado.htmlAproximación:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende a estrada séguese a senda que sube ás Peñas e chega un punto no que conecta coa liña do tendido eléctrico cara á Collada Aronga; á altura do 1º poste eléctrico xunto á senda (ou 2º, dependendo de onde nos xuntaramos coa liña de postes) é visible un trazado que se desvía cara ó primeiro tercio da parede, puidendo dende este punto observa-la vía na parede enfronte a nós. A vía comeza un pouco á dereita do arranque da vira da Esmorga, lixeiramente á dereita da primeira reunión da propia vía. Dende a estrada ata o pé de vía leva uns 30 ou 40 minutos.

Noite intermedia:
Durmimos no soportal do antigo colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas, pequeno pobo con fonte e un par de restaurantes e hospedaxes.

Descenso:

Dende o final da vía continuar camiñando cara á esquerda pola aresta facilmente ata o cume de Peñas del Prado para seguir uns metros con tendencia descendente cara á esquerda, á parte máis baixa desta zona, onde se atopa un bloque grande cun cairn para marca-la ubicación do rápel da vía Senda Vertical: 2 parabolts con anelas e un terceiro cun eslabón. Facer un rápel longo -a tope da lonxitude das cordas (60 m.)- cun tramo volado, con tendencia ó lado dereito e continuar destrepando, seguindo os fitos que levan á senda que une a golada coa estrada.

Dificultade:

IV+, 6a, V+, 6a, III.

Croquis de La Cuenta Atrás. Fonte: https://lagarafa.blogspot.com/2016/10/penas-del-prado-la-cuenta-atras.html

Croquis de La Cuenta Atrás. Fonte: elaboración propia

L1. IV+, 55 m. A vía comeza un pouco á dereita do arranque da vira da Esmorga, lixeiramente á dereita da primeira reunión da propia vía; o mellor para situarse e localizar un arbusto que ocupa a maior extensión desta zona da parede e que está no lado esquerdo da primeira reunión, pegado a esta. Esta tirada vai por placas tumbadas e algún canalizo e ten unha ponte de rocha ó pouco de empezar para continuar empalmando con outras 2 pontes de rocha xa no último tercio do longo. Ante a falta de máis referencias o mellor é progresar con lixeira tendencia á esquerda cara ó cómodo nicho (non visible dende o chan) que hai á dereita do arbusto grande onde monta-la reunión (limpa, non hai seguros fixos).

L2. 6a. 35 m. Arrancamos cara un cordino sobre ponte de rocha algo á dereita, e seguimos cunha travesía á esquerda en adherencia (V) para acada-la marcada fenda de enriba da reunión. Progresamos pola fenda (V+) ata un muro de furados máis vertical, protexido cun parabolt (6a) polo que acadamos outra fenda pola que en bavaresa (V) chegamos baixo un desplome onde está a R2 (1 parabolt con mallón) no seu lado dereito.

L3. V+. 35 m. Arrodeamo-lo desplome pola dereita (V) ata acadar unha fenda vertical con bo canto e protexida ó comezo cun cravo pola que progresar en autoprotección (V+). Logo seguimos por pequena placa ata situarnos baixo un nicho con desplome que arrodearemos pola dereita (un cordino asoma nunha pequena fenda ou ponte de rocha na placa do lado dereito do nicho). Por riba do nicho xa é visible a seguinte reunión nunha cómoda repisa que se acada cunha curta travesía á esquerda en adherencia (V+), sen seguros. A R3 está composta dun parabolt e un cravo.

L4. 6a. 55 m. En diagonal cara á esquerda aparece unha liña de buracos de mala protección (V+), pola que escalar ata acadar unha fenda máis marcada (V). Progresamos pola fenda con boas presas no muro da esquerda (6a) protexida por un cravo, e unha delicada ponte de rocha máis á dereita.  Continuar con tendencia á dereita para seguir en travesía de adherencia nunha placa cun parabolt (V+) e unha ponte de rocha. Dende aquí, progresar na vertical por un muro de furados con algúns cantos bos e outros malos (V+) que van mellorando canto máis arriba (V) ata acadar un marcado diedro (IV+). Ó remate do diedro acadadamos unha ampla terraza polo seu lombo dereito, e xa por terreo sinxelo á R4 (2 parabolts) nunha gran terraza.

Trepada. III. 60 m. Ascendemos con coidado os primeiros 15 metros entre rochas sen encordar, por onde máis evidente o vexamos, e logo xa sen ningunha dificultade por unha zona de repisas con arbustos camiñando ata a aresta do cume.

Croquis e reseñas:

Entre Amigos. MD inf (V+), 250 m.

Fotos de Entre Amigos, Peñas del Prado (Valle de Arbas, León).Se na anterior vía topámonos con algunha placa sen posibilidade de autoprotección que puxo a proba a nosa entereza, nesta estivemos ó bordo dun ataque de nervios 😀 .

Grandes alonxes e placas improtexibles esixen un nivel de autocontrol mental que non se corresponde co seu asequible grado, e fan dela unha vía só apta para quen non lle treman as pernas cando o último seguro quede atrás, moi atrás…

Feita esta precisión, hai que recoñecer que é unha moi boa vía. E hai que agradecerlle a La Garafa a súa excelente descrición e croquis, máxime cando non atopei máis referencias que a súa.

As R2, R4 e R5 son comúns coa vía Lago de Luna, coa que se vai cruzando, polo que hai que telo en conta en caso de que haxa cordadas facendo esa outra coñecida vía, e o longo 6 é común con Sin Aspiraciones a Nada.

Aperturistas:
Luis Casal, Pedro Pena e Marino Garcia en 1984.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo de friends (3 Aliens e ata o Camalot número 3) e entaladores medianos e pequenos, unha ducia de cintas, varios cordinos para pontes de rocha e demais equipo de escalada de autoprotección.

Cordada:
Beni e eu.

Data da ascensión:

21 de abril de 2024.

Aproximación:
Deixamo-lo coche, na cuneta da estrada que vai dende Cubillas de Arbas ó túnel polo que se comunica con Aralla. Dende a estrada séguese a senda que sube ás Peñas e chega un punto no que conecta coa liña do tendido eléctrico cara á Collada Aronga. Continuando por ela ata a golada, viramos cara a parede bordeando a cerca que corta o paso ó gando (é máis cómodo cruzar ó outro do valado porque os arbustos están máis pisados) e dirixímonos directamente á base do extremo da parede antes de virar á cara Suroeste (sector La Collada). Dende a estrada ata o pé de vía leva uns 40 ou 50 minutos.

Noite intermedia:

Durmimos no soportal do antigo colexio que hai na entrada de Cubillas de Arbas, pequeno pobo con fonte e un par de restaurantes e hospedaxes.


Descenso:

Continuar camiñando cara á dereita pola aresta facilmente e apoucos metros cara á dereita, na parte máis baixa desta zona, atópase un bloque grande cun cairn para marca-la ubicación do rápel da vía Senda Vertical: 2 parabolts con anelas e un terceiro cun eslabón. Facer un rápel longo -a tope da lonxitude das cordas (60 m.)- cun tramo volado, con tendencia ó lado dereito e continuar destrepando, seguindo os fitos que levan á senda que une a golada coa estrada.

Dificultade:

V+, V+, V+, V, V+, V
Para localiza-lo inicio da vía na gran placa pódese busca-la liña de parabolts da vía “Frenesí”, xa que estes atópanse á dereita da nosa vía, e usar tamén como referencia no centro da placa dous grandes nichos seguidos, un enriba doutro, polos que hai que pasar no primeiro longo.

Croquis de Entre Amigos. Fonte: https://lagarafa.blogspot.com/2021/03/penas-del-prado-entre-amigos.htmlL1. V+. 35 m. Comezar algo á dereita dos nichos protexendo o inicio na única gran fenda horizontal antes de afronta-la placa de adherencia. Seica hai un cravo nun pequeno furado na vertical do primeiro nicho algo por baixo deste, pero non o vin así que non hai máis referencias de por onde ir que tentar ir acadando os canalizos (V+) para continuar progresando. Chegados ó primeiro nicho subimos ó segundo e superámolo polo lado esquerdo cun paso delicado de adherencia (V/V+) para coller unha boa fenda fácil de protexer que non se ve dende o interior do nicho. Continúase pola fenda ata unha pequena repisa por riba do nicho, onde se atopa a R1 instalada con 2 spits.

L2. V+. 45 m. Agora a referencia é unha pequena árbore ou arbusto por riba nosa, algo á esquerda; arrancamos cara a el por placa buscando as fendas para ir protexendo. Achegándonos á árbore, hai alomenos 2 pontes de rocha e a placa vólvese máis vertical (V+). Sen chegar a pasar pola árbore endereitamos cara arriba por placa con fendas que vai tumbando progresivamente (V), ata acadar unha repisa baixo o desplome. No seu lado dereito está a R2, común con Lago de Luna, de 2 parabolts.

L3. V+. 30 m. Superamo-lo desplome de enriba nosa sobre presas pequenas subindo ben os pés (V+) cara a un parabolt alto xa visible dende a mesma reunión. Continuar por placa compacta protexida inmediatamente con outro parabolt. Seguir recto para arriba sen posibilidade de protexer por muro compacto ata que que van aparecendo furados de bo agarre pero nos que é difícil meter algún seguro (V). A R3 é dun parabolt e un spit no lado dereito dunha repisa ó final da placa.

L4. V. 35 m. Xusto enriba da reunión vese un primeiro parabolt cara ó que ascender e rapidamente vese un segundo parabolt, despois do que a placa vai tumbando, pero no que no que non é posible meter ningunha protección ata chegar a un resalte baixo o que se atopa a R4, común con Lago de Luna, de dous parabolts.

L5. V+. 35 m. Apenas a metro e medio da reunión, no seu lado esquerdo, un pequeno desplome dá paso a unha fenda cun primeiro cravo visible ó asomarse e outro cercano a el que eu non vin por estar tapado pola vexetación (pero habelo haino, que Beni descubriuno cando lle tocou pasar): para min o paso máis duro de toda a vía e tiven que acerar así que pareceume máis 6b que V+ 😀 . Unha vez por riba dos cravos aínda toca apretar na adherencia un paso máis ata pillar algún agarre. Logo, a rocha faise mala, pero o terreo é fácil ata acada-la repisa coa R5 común con Lago de Luna, lazando un gran bloque arrodeado de arbustos.
L6. V. 55 m.
Na nosa vertical obsérvase o diedro polo que vai Lago de Luna, pero, en lugar de continuar por aí, antes de acadar un cordino desa vía, sáese á placa da dereita, acádase o visible teito, e supérase polo desplome do seu lado dereito aproveitando algúns bos agarres que ten (V). Por riba continúa unha placa con repisas e boa rocha ata unha brecha cun gran bloque no que, un pouco á dereita hai un cravo nunha fenda no que montar unha reunión opcional, que nós non atopamos así que montámola antes de remata-la corda baixo un gran bloque con diedro.

Trepada. III+, 15 m. Bordeamo-lo bloque sobre nós pola fenda/diedro do seu lado dereito e, xa sobre el, só resta camiñar por terreo de arbustos e pedras ata a aresta do cumio, moi preto da instalación de rápel de Senda Vertical.

 

Croquis e reseñas:

O tempo en Villamanín:

Ruta para chegar:

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario