Punta Nariga (Malpica, A Coruña)

Fotos da escola de escalada de Punta Nariga (Malpica, A Coruña)

Compre sempre advertir que a escalada nos cantís da Costa da Morte e da Costa Ártabra require de coñecemento das previsións meteorolóxicas, atmosféricas e do estado do mar, dado que, ademais do perigo que a mar implica, as condicións ambientais non sempre son axeitadas, e en moitos lugares teñen que darse bastantes coincidencias para que resulten aptas para a escalada.

Hai varios sectores repartidos a poucos metros do faro, e a escalada é xeralmente sobre un granito de bastantes agarres, algo de desplome e sensación de rocha húmida; as vías, en xeral, moi boas!

No sector Popa, alomenos, é preciso levar unha pértiga para coloca-la primeira cinta, xa que os químicos están bastante altos, e coa sensación de humidade da rocha é arriscado non prechapar. No sector Gauss pódese acada-lo pé de vía do seu lado dereito (mirando á parede) sen complicación, pero o achegamento ó lado esquerdo, pola outra ruta só é apto para… -uff, nós non nos atrevimos…-.

No caso de Punta Nariga parece que non son moitos os días do ano no que coinciden tódolos factores para permitir escalar, xa que a humidade do mar é arrastrada polo vento incluso con bo tempo e mar en calma; as mellores oportunidades danse nos días de verán con vento Sur.

Asemade, esta é unha zona protexida, polo que hai que realiza-lo trámite de petición de permiso para poder escalar nela; tendes información ó respecto na web de Escalada Sostenible: https://escaladasostenible.org/regulacion/punta-nariga/

Para durmir, no pequeno aparcadoiro do faro pódese estacionar coidando de non abusar…

Información e croquis:

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario