Inicio > Esquí, Montañismo > Curso de esquí de montaña da EGAM, no val de Benás, Huesca (Aragón), Pireneos, do 3 ó 6 de xaneiro de 2022.

Curso de esquí de montaña da EGAM, no val de Benás, Huesca (Aragón), Pireneos, do 3 ó 6 de xaneiro de 2022.

2022 Xaneiro 9

Fotos do Curso de esquí de travesía da EGAM, no val de Benás, Huesca (Aragón), Pireneos, do 3 ó 6 de xaneiro de 2022Outro ano máis que sigo a voltas co de proba-lo esquí de travesía, así que desta volta apunteime ó curso de esquí de montaña (N1) celebrado no Val de Benás (nos Pireneos de Huesca), en xaneiro de 2022, e convocada pola Escola Galega de Alta Montaña (https://fedgalmon.gal/egam/).

Eramos 5 participantes, Beni, Luz, Jesús, Julio e eu, baixo a experta tutela do técnico da EGAM e guía de alta Montaña, Juan Goyanes, que deunos un repaso moi completo dos fundamentos desta actividade de montaña, á vez que nos fixo desfrutar desta paraxe dos Pireneos.

O curso resultou moi instructivo empezando cunha primeira xornada adicada á practica da técnica de esquí que realizamos na estación de esquí de Cerler, seguida á última hora da tarde dunhas explicacións teóricas nunha aula da Escuela Española de Alta Montaña en Benás. 

A segunda xornada fixemos un pequeno percorrido cos esquís dende Llanos del Hospital para probar diferentes técnicas básicas como o manexo da pel de foca, foqueo, cambios de dirección en ascenso, uso do DVA e localización de víctimas da avalancha, … Sobre a importancia das técnicas de DVA, recomendounos que miraramos un coñecido vídeo dunha avalancha real e o posterior rescate dunha das súas víctimas, editado por Roger Mountain Guide, que resulta moi aleccionador e resulta moi “motivador” para tomarse en serio a importancia de informarse antes das condicións do percorrido e o risco de avalanchas, así como de ser flexibles e adapta-lo itinerario previsto -ou incluso renunciar- durante o percorrido en función das condicións atopadas, así como de ir debidamente preparados (tanto fisicamente como levando DVA, pala e sonda).

Na seguinte xornada, achegámonos ás proximidades da estación de esquí, pero ascendimos fóra das súas pistas ata o cume do Pico Cerler.

Por último rematamos cunha travesía dende Llanos del Hospital ata Forau de Aigualluts, nunha soleada preciosa -e fría- xornada que nos ofreceu unha boa capa de neve virxe caída durante a noite.

Aloxamento, comida e compras:

  • Hai multitude de campings e hoteis por todo o val para aloxarse e na vila de Benás temos tódolos servizos e tendas (incluídas por suposto a célebre Barrabés e o seu outlet La Ribagorza, para proveernos de calquera material de montaña).
  • No noso caso, alugamos o material de esquí en La Casa de la Montaña, na Avenida de los Tilos (xusto enfronte de Deportes Aigualluts), onde déronnos tódalas facilidades para aluga-lo material axeitado e contratar clases de esquí.
  • Na Escuela de Montaña de Benasque ofrecen aloxamento en albergue con posibilidade de almorzo, xantar, cea e bolsas de picnic:
  • https://www.alberguesyrefugios.com/escuelademonta%C3%B1adebenasque/

Previsións do tempo en Benás:

Ruta por estrada ata Benás:

 

  •