Arquivo
Escalada deportiva en Chulilla (Valencia), xaneiro de 2023.
Chegaron as vacacións de nadal logo de varias semáns de choivas e cunhas previsións de que continuaría o mal tempo, así que para escalar habería que saír fóra… Sen neve apenas, salvo en parte dos Pireneos, e con malas previsións para a montaña, parecía que unha boa opción era dirixirse ó Mediterráneo; e seguindo a recomendación de Rafa, que pasara varias semáns encantado nun lugar en Valencia chamado Chulilla, do que ata agora non tiña referencias, pero que debe ser unha das maiores -e moi boa- escolas de deportiva en España, alá fomos…
Chulilla
Ó carón desta pequena vila valenciá que dá nome á escola, hai máis de 1.500 vías repartidas nuns 50 sectores, que non era moi frecuentada ata que a principios do século XXI empezou a revitalizarse coa apertura de novas vías e sectores por parte dalgúns/dalgunhas escaladores locais, empurrados polos actuais propietarios do albergue “El Altico”, Pedro Pons e Nuria Martí.
Moita variedade de graos e lonxitudes que fan recomendable levar corda de 80 metros, ou incluso nalgún caso a de 100 metros para empatar un par de longos… Roca caliza, con tódalas orientacións para escoller sol ou sombra e seica cando o tempo é malo noutras zonas próximas como Siurana ou Margalef, aquí é mellor e permite escalar. Nós estivemos en inverno e, ó sol, houbo días nos que pasábase moita calor, así que non sei se en verán se estará ben…, pero como os meandros do río Turia decorren por un profundo canón pode que buscando os sectores de sombra tamén se estea ben en verán..,
Hai algúns sectores con vías xa pulidas, como en Los Perros, ou nalgunhas de La Ceguera e Cherales, pero en xeral a rocha é aínda adherente.
A vila é pequena, moi pintoresca, e ten 3 ou 4 restaurantes (algo caros, pero cunha comida espectacular!), un par de bares, panadarías, carnizaría, pequeno supermercado, farmacia, estanco, tenda de material de escalada, aparcamentos á entrada, e algúns aloxamentos (o albergue para escaladores El Altico ten moi poucas prazas, e o resto son casas rurais e un pequeno hostal, así que se non se quere durmir no coche no monte, hai que buscar noutras vilas). Nós colliamos auga na fonte da praza central, durmimos na furgo a maior parte do tempo e un par de noites no albergue, almorzabamos no bar da Asociación de Jubilados e Pensionistas, mercamos unha guía no estanco e outra no albergue, collimos algo de comida no supermercado e ceamos ajoarriero en tódolos restaurantes da vila sen que poidamos decidir cal era o máis rico 😀
No alto fóra da vila, enfronte do albergue, hai unha zona xunto á estrada, entre a maleza na que habitualmente estacionan as furgonetas para durmir cando se pasa varios días escalando.
O tempo en Chulilla:
Croquis:
- Guía de escalada de Pedro Pons e Nuria Martí, Chulilla Climbing Guide (pódese mercar no albergue El Altico, ou no estanco da praza central de Chulilla).
- Os croquis están dispoñible tamén a través da web de climbmaps: https://climbmaps.com/climbmaps.php?g_lat=39.6627301297516&g_lng=-0.8892759481029366&g_zoom=14
- Máis información e algúns croquis en: https://www.valenciaclimb.com/es/climbing-areas/chulilla/
Arestas en Picos de Europa: Madejuno – Tiro Llago, Torre Blanca – Tiro Tirso, e El Corral de los Moros. Agosto 2021,
Nos últimos días das vacacións dun verán condicionado polo COVID-19, aproveitei para achegarme con Eloy a un deses lugares de Picos de Europa que dende fai moito desexaría que sexa o campo base dun par de semáns de escaladas en parede: a zona de Cabaña Verónica.
Sen embargo nesta ocasión só ía como cobaia do meu compi nas súas prácticas de percorridos en aresta, polo que fixemos un par das máis coñecidas, así como outra xunto ó desfiladeiro de La Hermida, á volta, e xa sen interese montañeiro.
Para elo viaxamos un sábado á tarde e durmimos na furgo, xa no noso destino, para á mañá seguinte colle-lo teleférico de Fuente Dé e adentrarnos no macizo central dos Picos de Europa.
Aresta Madejuno – Tiro Llago, Picos de Europa.
Esta é unha das arestas máis coñecidas de Picos de Europa e pódese empatar nunha mesma xornada coa Torre Blanca – Tiro Tirso e, dende aí, incluso continuala ata a Torre del Llambrión, convertindo así a o percorrido nunha actividade máis potente. De feito, aínda é posible facer un percorrido maior, a Línea Schulze, ideada por Alfredo Íñiguez e publicada no seu libro “Relatos de Vivac”, unindo por crista tódolos picos entre a Torre de Altaiz e a Torre de la Palanca, en vez da típica división en 4 actividades: da Torre de Altaiz ata Tiros de Casares, do Pico Madejuno ó Tiro Llago, da Torre Blanca ata a Torre Blanca e continuando ó Llambrión e do Llambrión pola Torre de las Llastrías á Torre de la Palanca.
O percorrido está moi detallado e profusamente ilustrado nas referencias que máis abaixo cito, polo que limitareime a comentar de forma telegráfica un resumo dos detalles principais da ruta.
1º percorrido: Pedro Udaondo, Ángel Llorente, Jesús Rodríguez e Arturo Fernández, 1955.
Distancia: 800 m (incluída a ascensión ó Madejuno e o descenso do Tiro Llago).
Dificultade: III+
Data: 29 de agosto de 2021
Cordada: Eloy e eu
Comentarios:
Nós partimos dende Cabaña Verónica, xa que ese sería o noso campo base no que vivaquear e dende o que ó seguinte día facer outra ruta; así que o noso achegamento dende aí era bastante evidente posto que víase na distancia o punto de partida do noso obxectivo, a Collada de Tiros de Casares. Doutro xeito, o mellor dende El Cable é ir pola Vueltona á Collada de Fuente Escondida, segui-los fitos pola vertente do Jou sin Tierre (que pasa por embaixo das pedreiras do Pico San Carlos e a Torre del Hoyo Oscuro) ata Tiros de Casares.
Ruta:
Antes da Collada de Tiros de Casares subi-las ladeiras pedregosas baixo o Madejuno para saír xusto baixo unha canle-diedro (II-III). Unha llambría ó remate do diedro-canle, pola dereita, leva ó cume do Madejuno. Continúase pola aresta uns 50 m, pásase unha brecha, un tramo afiado dunha ducia de metros e logo faise un rápel duns 20 m, en 2 cravos.
Continúase pola crista ata o “guendarme amarelo”, que se sube pola fenda da dereita (hai 2 evidentes) con pasos de II+ ou IV. Báixase do guendarme por unha canle de III que pódese rapelar (40 m aprox.) ata unha vira.
O resto de guendarmes pódense ascender de fronte, polo lado Sur (Hoyos de los Llagos) ou optar por deixalos de lado.
Trepara por llambría cara á “canle amarela” e collela (III) para ascender ó cume oriental de Tiro Llago trepando un muro de III á esquerda.
Só resta seguir ata un rápel de 10 m e seguir pola esquerda da aresta ata o cume principal.
Descenso:
Baixar uns metros pola aresta Oeste e logo 2 rápeles (20 e 15 m) pola vertente de Hoyos Sengros (ambos pódense destrepar, sendo máis fácil o primeiro). Na canle cruzar unha brecha para volver á vertente Sur e bordear guendarmes. Logo, noutra brecha, sae unha canle curta que baixa a Hoyos Sengros.
Baixa-la ladeira con fitos. Bordear pola dereita o jou de Hoyos Sengros ata as proximidades de Cabaña Verónica.
Material necesario:
1 corda de 60 m e algúns cordinos ou cintas por se houbera que substituír ós dos rápeles.
Croquis e descrición:
- http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/madejuno-tirollago.htm
- http://www.foropicos.net/viewtopic.php?t=10744
- http://foropicos.net/viewtopic.php?t=29010
- https://www.picoseuropa.net/picos-central/madejuno-tiro-llago/index.php
- http://foropicos.net/viewtopic.php?t=20772
- http://enlavertical.blogspot.com/2012/09/cresterio-madejuno-tiro-llago.html
- https://www.picoseuropa.net/picos-central/madejuno-tiro-llago/index.php

Croquis da aresta Madejuno – Tiro Llago. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/madejuno-tirollago.htm
Aresta Torre Blanca – Tiro Tirso, Picos de Europa.
Esta aresta resulta máis curta que a anterior, aínda que é algo máis complicada por ter algúns tramos descompostos, ser bastante aérea e contar cun paso de IV nunha travesía de placa só asegurada por un cravo -que xa non é de fiar- ó que chegar sen protección fronte unha eventual caída.
1º percorrido: Agustín Faus e Jordi Papió, en 1950.
Distancia: 400 m (incluída a ascensión á Torre Blanca e o descenso do Tiro Tirso).
Dificultade: IV
Data: 30 de agosto de 2021
Cordada: Eloy e eu
Comentarios:
A aproximación polo jou de Hoyos Sengros levounos máis do previsto e pese a que a referencia do noso destino na Collada Blanca é evidente, nalgúns momentos o percorrido non é moi claro.
Ruta:
Saímos dende Cabaña Verónica, e bordeamos polo lado dereito o jou de Hoyos Sengros ata a Collada Blanca dende onde se seguen os fitos da Normal á Torre Blanca, cume que se acada facilmente (a nós levounos algo máis de hora e media dende Cabaña Verónica).
Continuamos pola crista e o seu fío ata unha cima secundaria dende onde facer un rápel de 15 m que nos deixa nunha pequena forcada.
Continuar cunha trepada (III+) a asegurar, seguindo inicialmente unha fenda do lado esquerdo, para logo pasar pola dereita unha llambría sobre a que se atopa un lugar de reunión. Xa na aresta do cume continúase ata acada-la Torre sin Nombre. Séguese ata un rápel de 30 m que chega ata unha cómoda forcada.
A 2 ou 3 m, polo lado dereito arranca una curta canle de rocha descomposta que sube en diagonal á dereita ata unha terraza superior: este tramo de III é delicado polo descomposto da rocha.
Neste punto chegamos a un muro liso (IV) equipado cun cravo non fiable cun cordino, dende o que seguir xa máis facilmente en travesía de adherencia cara un bloque á súa dereita. Logo de acadado o bloque, continúase subindo de fronte por terreo máis fácil ata completar o último tramo camiñando para acada-lo cume do Tiro Tirso.
Descenso:
Continuar polo lado esquerdo da crista (que dá a Liordes) e ó pouco volver ó fío para atopar un cordino de rápel e continuar destrepando por rocha medioche ata un bloque que é mellor rodear polo seu lado dereito. Séguese polo fío ata a forcada que nos separa do Llambrión, puidendo rematar cun último rápel que nos deposita no chan.
Baixa-la ladeira con fitos ata acada-la Collada Blanca e empatamos co camiño de ida bordeando o jou de Hoyos Sengros ata Cabaña Verónica.
Material necesario:
1 corda de 60 m e algúns cordinos ou cintas por se houbera que substituír ós dos rápeles.
Croquis e descrición:
- http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/torreblanca-tirotirso.html
- https://www.picoseuropa.net/escaladas/tblanca-tirso/index.php
- https://www.endefensadelasmontanas.com/crestaTorreBlancaTiroTirso.html

Aresta Torre Blanca – Tiro Tirso. Fonte: http://www.elmaquis.net/escaladas/webesroca/torreblanca-tirotirso.html
Aresta en El Corral de los Moros, Cabañes, Cantabria, Picos de Europa.
Moi próxima á chamada zona de recreo El Habario, atópanse, en Pendes, os restos apenas perceptibles dun antigo recinto defensivo situado no Castro la Encina, coñecido como El Corral de los Moros. Dende el parte unha fácil aresta que nos serviría de último adestramento antes de por rumbo a casa. Non se trata dun lugar con interese montañeiro ou escalatorio, polo que non describo o percorrido, aínda que un gran corte na aresta a separa dun muro que si que parecía ter máis “chicha”.
Ó carón deste lugar está unha pequena escola de escalada en Cabañes, da que ata o de agora non vira referencias en ningunha guía, pero da que tras atopar un croquis en: https://www.liebanaaventura.com/2016/12/croquis-escalada-cabanes/ vin que xa se publicou tamén na guía de Roca Verde: https://rocaverdeclimbing.com/wp-content/uploads/2021/04/Caba%C3%B1es_Sectores_ES_EN_24042021.pdf.
En Cabañes hai tamén un interesante albergue, dada a súa proximidade ó desfiladeiro de La Hermida, onde poder aloxarse: http://xn--alberguecabaes-1nb.com/el-albergue
Croquis e descrición:
- https://www.wikiloc.com/hiking-trails/pendes-el-corral-de-los-moros-13895811
- https://www.liebanaaventura.com/2016/12/croquis-escalada-cabanes/
- Roca verde 3. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica. Richie Patterson: https://rocaverdeclimbing.com/wp-content/uploads/2021/04/Caba%C3%B1es_Sectores_ES_EN_24042021.pdf
Vale de Poios (Redinha, Portugal), 26 e 27 de setembro de 2020.
Rematara o verán do maldito ano da pandemia do COVID-19, e xa quedara atrás o confinamento que tiveramos que sufrir por mor da mesma, así que nolas prometiamos moi felices pensando que iamos retoma-las nosas viaxes ó Vale de Poios a alterna-la atlética escalada da súa caliza co delicioso bacallao da Churrasqueira Estrela da Sicó, en Redinha. Sen embargo, esa fin de semán foi a última viaxe -alomenos para mi- en moito tempo, xa que ós poucos días, unha nova onda pandémica volveu a pechar fronteiras e perimetrar concellos.
Desta volta achegarámonos Inma, Pablo, Víctor, Luz, Carducho, Beni e eu, e coma novidade, o domingo escapando da calor, visitamos por primeira vez os sectores Sombra e Sol Poente, que aínda que algo máis luxados que os soleados da outra beira do val, alomenos mantéñénse a sombra todo o día e serven de alternativa cando apreta a solaina.
Información das vías de escalada en:
- Hai unha guía de escalada en Portugal da zona centro que inclúe croquis desta escola (ademais de en librarías, tamén pódese mercar na cafetaría-pastelaría Doce Rodinha, xunto á ponte, en Redinha): Guía de escalada do Litoral Centro de Portugal, por Filipe Cardinal e Marco Inácio.
- Hai outra guía de Carlos Simes, Portugal Rock Climbs on the Western Tip of Europe, que inclúe vías do sector Sol Poente que non veñen na outra guía.
- http://climbingportugal.blogspot.com.es/2015/04/vale-de-poios-pombal.html
- http://www.ct4bb.com/escalada/redinha.htmlhttp://climbingportugal.blogspot.com.es/2013/05/senhora-da-estrela-redinha.html
Para durmir e aloxarse:
- O Albergue Quinta Sao João, en Poios mesmo, ofrece varias dependencias a alugar por separado con distinto número de habitacións e prazas con camas ou liteiras.
- En Casais da Granja, a 20-30 minutos de Poios, alúgase unha casa de alojamento local, cunhas 8 prazas por uns 250€ por 2 noites: Unidade de alojamento local de Casais da Granja.
Para xantar:
- Churrasqueira Estrela da Sicó, en Redinha.
- Restaurante Maria do Céu, pola estrada N1/IC2 en Arroteia, a uns 10 minutos de Poios.
- Restaurante O Fidalgo (na localidade de O Pombal), a uns 20 minutos de Poios.
- Restaurante Santiago (na localidade de Santiago da Guarda), a uns 20 minutos de Poios, e só 5 minutos de Casais da Granja.
O tempo no val de Poios:
Escalada deportiva preto de Boñar (León), do 9 ó 23 de agosto de 2020: Valdehuesa, Fuentes de Peñacorada, Aviados, Piedrasecha e Llombera.
Neste verán de COVID-19 a mellor opción era a de non viaxar moito, así que escollemos León, con centro de operacións en Boñar, como o destino das nosas vacacións. Nesta localidade xa estiveramos outras veces aproveitando o seu barato camping municipal e a súa estratéxica ubicación preto de numerosas escolas de escalada.
En Boñar hai todo tipo de servizos, incluído o cámping municipal, El Soto, moi barato (11 Euros por día con independenza do número de persoas, tenda, coche ou uso ou non da auga quente nas duchas), varios restaurantes na vila e cáseque todos ofrecen menús do día por uns 10€ pola semán e 14€ a fin de semán (no restaurante Viejo, as patacas con ali-oli está boísimas!, pero non as inclúen na carta -non sei porqué…-), tendas, farmacias,…
Sen ideas prefixadas, ó parvo botamos 2 semáns aló escalando deportiva e coñecendo algúns sitios nos que nunca estiveramos. Tivemos 2 ou 3 xornadas de choiva que nos serviron de excusa para descansar e recompoñer algo xemas e músculos, pero o resto dos días escalamos sempre, pese a que a calor e mailo sol, non nos deron moita tregua.
Do repaso do noso periplo destas vacacións, aproveito para reseña-las escolas que visitamos e comentar algúns detalles que poden ser útiles para futuras visitas a estes lugares.
Valdehuesa.
A apenas un cuarto de hora en coche dende Boñar, Valdehuesa é a escola máis grande de León con cáseque unhas 300 vías e, polo tanto o principal destino de escalada partindo desta vila. A súa caliza conta con graos para tódolos niveis, pero a súa orientación é predominantemente Sur, así que no verán non é a mellor opción; sen embargo, os sectores a partir de Gaita del Negro para arriba pasan á sombra dende as 18h, aproximadamente, en verán, así que indo a última hora da tarde pódese escalar a gusto neles, e os restantes sectores só están á sombra nas primeiras horas do día, ate as 11h coma moito, no mellor dos casos. O bosque de rebolos ó pé da parede principal ofrece unha boa sombra na que xantar ou bota-la siesta, á espera da protectora sombra da tarde.
As vías dos sectores inferiores, especialmente as de graos máis baixos, están bastante sobadas así que non son moi recomendables, pero nesta viaxe levámonos unha grata sorpresa ó visita-lo sector La Fuente, que é pouco frecuentado ó estar separado da parede principal e accederse dende outro punto diferente, así que as súas vías non están en absoluto pulidas, e debe ser raro coincidir con máis dunha cordada en todo o muro; iso si, que se escalen pouco conleva que algunhas delas estean algo suxas de vexetación.
Existen restricións para a escalada durante todo o verán (do 1 de abril ó 31 de agosto) por nidificación, nos sectores superiores (Celtas sin Filtro, Nacido para volar, La Collada e Ojo crítico), así que hai que telo en conta e observa-los cartazos que colocan no acceso ós sectores nos períodos nos que se prohibe a escalada. Podedes consulta-la regulación de Valdehuesa na páxina de montanaregulada.org: https://montanaregulada.org/area/valdehuesa
Debemos ser coidadosos cos prados que están ó pé das vías, pois son particulares e os usan para herba do gando.
Hai un restaurante e auga nunha fonte á entrada da aldea de Valdehuesa, a apenas un quilómetro da parede.
Para chegar á parede, débese de colle-lo desvío a Boñar da estrada León-Valladolid, continuando en dirección ó Porto de San Isidro; xusto antes do encoro hai unha desviación á esquerda que nos leva a Valdehuesa. Un km antes da aldea xa se ve a parede principal a man dereita, mentras que a parede do sector La Fuente está a man esquerda, do lado contrario, nun alto algo máis preto de Valdehuesa.
Un exemplo de irresponsabilidade e risco…
A esta escola foi á que máis xornadas de escalada adicamos e non me resisto a aproveita-la ocasión para sinalar un comportamento indebido -por decilo suavemente- que observamos un día, por parte dun grupo de xente que estaba a escalar no sector Año del Cometa.
O caso é que como podedes ver na foto que achego, un grupo de familias debían de estar probando isto de escalar nunhas vías de IV ou V auxiliados ou guiados por seguramente algún coñecido que os estaba asegurando en top-rope un a un; entendo que o “experto” debeu de escala-la vía de V da esquerda, pasou a corda directamente polo descolgue da reunión e logo pasou a corda por unha cinta que enganchou á reunión algo máis baixa da vía da súa dereita, un IV que era polo que vimos que escalaban os seus “aprendices”. A foto é bastante descritiva tanto dun comportamento pouco responsable e egoísta, como doutros erros bastante graves:
- Por un lado acapara 2 vías cando só están escalando por unha delas.
- Por outro lado está forzando as reunións con cargas en direccións para as que as instalacións non foron pensadas, co conseguinte risco tanto de danalas, como de que poidan ocurrir algún comportamento imprevisto que remate cun accidente.
- Pero para remata-la espectacular faena, o “experto escalador” aseguraba a uns 20 m da base da parede para poder estar de parola co resto de admiradores/as das habilidades escalatorias das súas crianzas.
- De feito, mentras obserbabamos anonadados a escea, o fulano ía camiñando cara atrás para manter tensa a corda do neno a medida que este ascendía pola vía, en vez de recoller corda co dispositivo de asegurar.
Iso si, o neno levaba casco…
O tempo en Boñar:
Croquis de Valdehuesa:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza.
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson.
- Croquis xa seguramente bastante obsoletos da escola de Valdehuesa – León
Aviados.
Moi preto de Boñar atópase a pequena escola de Aviados que cunhas coarenta vías entre o IV e un solitario 7a, parecía un destino interesante para pasa-la mañá e incluso ata media tarde, xa que nas guías de escalada se indica que mantiña sombra ata as 18h, pero resultou que o sol xa daba dende as primeiras horas da mañá: un erro que só nos permitiu escalar 3 ou 4 vías antes de que a calor se fixese insoportable e nos retiramos daló.
Xa estivera nela aproveitando os claros dun día chuvioso facía 6 anos, e non me quedara mala lembranza, pero desta volta estivemos no sector do lado dereito, con vías máis difíciles, que ademais duns distanciados na primeira chapa que non deixaban bo corpo, e unha segunda chapa como para picar chan, estaban graduadas eu coido que algo polo baixo.
Chama a atención tamén a existencia de varias placas metálicas gravadas xunto a reunións e na parte superior das vías, en lembranza da apertura ou do aperturista de varias delas; seguramente son do gusto da comunidade local, pero a min -persoalmente-, que non coñezo a historia das mesmas non me agradan: se algún día sei da razón da súa colocación, espero cambiar de opinión…
Alén tamén da escalada, topámonos cun par de pitos mortos, bastante grandes, no extremo dereito das vías, que pensamos que debían de proceder dun dos nichos que a media altura ten o muro: non sabemo-la especie, nin se foron abandonados pola actividade escalatoria ou morreron por outras razóns, pero non nos constan limitacións por nidificación nesta escola…
O tempo en Valdepiélago:
Croquis de Aviados:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e xa dá o sol dende pola mañá cedo).
- http://escaladaleon.blogspot.com.es/p/croquis-aviados.html
Fuentes de Peñacorada.
Na interesante escola de escalada de Fuentes de Peñacorada estiveramos 9 anos atrás, apenas uns minutos á tardiña do día que chegaramos a Boñar con intención de escalar en Valdehuesa, así que pouco puideramos probar daquela…
Nesta ocasión, tivemos días de abondo, pero a súa orientación Sur só permitía escalar nas primeiras horas do día e nas ultimísimas da tarde -pese ó que as guías digan…-. Como o sol e a calor non nos deron tregua, nunca pasamos máis de media xornada nos seus sectores, pero bastounos para gardar unha boa opinión das súas vías. Especialmente bó pareceunos o sector Mol y Mon, na que a súa Fisura Eyaculante fai honor ó seu nome :-), pero incluso o teoricamente moi asequible sector Placas, tamén cun nome moi descritivo, causounos algunha sorpresa nas súas ideais vías para practica-la adherencia cando, debido á quentura do sol, se multiplicaba a dificultade de subir por elas.
A escola está de camiño á pequena e turística poboación de Fuentes de Peñacorada, pero moito antes de chegar a ela, a apenas un quilómetro dende que se colle o desvío, abandonando a Nacional 625; non hai apenas sitios para aparcar, xa que só hai algúns pequenos tramos de arcén repartidos pola estrada, xunto ós sectores, así que é mellor minimiza-lo número de coches.
Hai que resaltar que, como ben sinala Félix no seu blogue La Garafa, moi preto, en apenas 5 Km, hai varias escolas deportivas moi próximas entre si: Fuentes de Peñacorada, Sabero, Olleros de Sabero, Aleje e Alejico.

O V duro…
A anécdota desta visita foi que tiven que deixar un mosquetón abandonado nunha vía do sector Conjunción de Venus, cando metinme nela pensando que ese V parecía ben máis duro… Sen entender moi ben o grao que lle daban na guía, logo de forzar ata onde xa non daba proseguido nin cun pedal, descolgueime dun mosquetón pensando en probar se o V+ da súa esquerda sería un pouco máis “estándar”. Novamente ó mirar para arriba, non me parecía fácil, pero quen son eu para discuti-los graos de lugares que apenas piso?
Mentras me preparaba para a nova vía, a Beni indicara a outra cordada que chegaba que estabamos no sector Conjunción de Venus, ó que eu lle repliquei que non, que estabamos no sector Mona Lisa, así que para aclararnos botamos man á guía e descubrimo-lo lío…
Resulta que eu estaba mirando os croquis do sector errado, así que onde eu vía un V e un V+, en realidade había un 7b+ e un 7a+! Quen me coñece xa sabe da miña boa vista e mellor valoración das dificultades, así que non se estrañará de que mirando un 7b+ eu poida pensar que ten pinta de ser un V raro… 😉 Iso si, non vaiades correndo a recupera-lo mosquetón abandonado porque máis alá do seu alto valor museístico como boa peza do cuaternario que era, 2 semáns despois xa non estaba -parece imposible, pero vese que hai xente que escala mellor ca min ;-D -.
Croquis de Fuentes de Peñacorada:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e non hai sombra ata moi tarde).
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson (ollo con que o horario de sombra está mal na guía e non hai sombra ata moi tarde).
- http://lagarafa.blogspot.com/2017/01/fuentes-de-penacorada-sector-conjuncion.html
- https://infoescalada.es/escuela-fuente-de-pena-corada.html
O tempo en Cistierna:
Llombera
Esta escola é froito do traballo practicamente individual dunha soa persoa, Aurelio Presa, que tras 8 anos equipando as paredes próximas á localidade de Llombera, abriu unhas 115 vías repartidas en 4 sectores, das que só pouco máis dunha ducia delas non foron montadas por el.
Non hai información desta escola en ningunha guía, pero no facebook de Aure están actualizados os croquis e as indicacións para as aproximacións, así como os avisos de restricións por nidificación; tamén no blogue de lagarafa.blogspot.com, se poden atopar croquis e información de primeira man.
Existen restricións de acceso da Junta de Castilla y León, dende maio ata finais de agosto, que prohiben escalar ou pasar por embaixo do sector Principal de Llombera; pese a elo, pódese acceder ós outros dous sectores polo camiño do respiradeiro da mina, ou bordeando polo sector Pioneros.
Nós estivemos nos 2 sectores sen restricións: El Lado Oscuro e Hakuna Matata e dámos fe de que teñen moi boas vías, aínda que non hai moito onde rascar para os sextogradistas baixos (de grao, non de altura 😉 …
Para acceder polo respiradeiro da mina, hai que segui-la estrada ata unha recta da que sae o camiño que teremos que tomar a pé: hai un prado ó seu carón que non ten peche e no que vimos que se aparcaba, pero non sei se se ten permiso do/a dono/a. Camiñamos uns 150m ata o edificio do respiradeiro, continuamos rectos seguindo o cauce dun regato (seco en verán) uns 5 minutos ata un fito na marxe dereita que indica onde hai que abandona-la senda para cruza-lo regato e empezar a remonta-lo monte cara á visible parede do sector El Lado Oscuro (nas indicacións do Facebook de Aure fala de: ir ata unha torre eléctrica, xusto antes da torre hai que cruza-lo regato á dereita e subir pola canle, rectos cara ó Espolon Yoel, logo teremos á dereita El Lado Oscuro e rectos Hakuna Matata). Subindo polo monte chégase á “proa” que separa ambos sectores, puidendo ir a calquera deles sen problema xa que están un ó carón do outro.
Escalada á sombra en verán!!!
– Queredes escalar á sombra en verán en León?
– Imposible!
– Ou se cadra…
Pois si, aínda que vos custe crelo, hai un lugar en León, Llombera, no que pódese escalar todo o día a salvo da insolación veraniega, movéndose entre dous dos seus sectores: El Lado Oscuro e Hakuna Matata. No primeiro deles a sombra dura ata as 14h no seu lado esquerdo, e ata as 16h no dereito, pero o Hakuna Matata está orientado ó Norte, así que pódese escalar todo o día.
Seica hai unha fonte no prado enfronte de onde se estacionan os coches polo acceso principal, pero eu non a usei porque pareceume máis ben un abrevadeiro do gando e o peche á finca estaba pechado.
Croquis de Llombera:
Como xa comentara anteriormente non hai publicacións polo de agora que recollan as vías desta zona de escalada, polo que as únicas referencias que atopei foron as do Facebook do propio aperturista e equipador, Aure, e do blogue lagarafa de Félix, que dende Benavente parece que non lle queda moi lonxe…
- https://www.facebook.com/pages/category/Personal-Blog/Escuela-de-Escalada-Deportiva-Llombera-476503443114251/
- http://lagarafa.blogspot.com/2015/10/llombera.html
O tempo en La Pola de Gordón:
Piedrasecha
Espectacular! Só o paseo pola incrible paraxe da Garganta de los Calderones, un lugar clasificado como Punto de Interés Geológico, xa vale a pena. A escola de Piedrasecha está situada ó comezo do desfiladeiro, e conta con varios sectores que suman un cento de vías, a gran maioría por riba do sétimo grao. A rocha caliza ten un aspecto algo suxo, pero non é así -alomenos nos sectores más fáciles do comezo (Sabina e Fantasía). En inverno a humidade e o frío non o fan un bo destino, pero en verán pódese ir buscando a sombra segundo avanza o día, por distintos sectores.
Hai un restaurante, El Manadero, onde comimos bastante ben, e unha fonte ó seu carón, con espazo para aparcar varios coches, a poucos metros de onde comeza a ruta cara o desfiladeiro.
Debemos ser coidadosos co pastoreo, pois é habitual que os rebaños pasen pola ruta e ascendan polas súas vertentes cara a prados máis altos.
Ollo! Imprescindible levar pértiga / cana -ou como lle chamedes- para chapa-lo primeiro seguro, debido que falta a primeira chapa de tódalas vías!
O conflito escalador/a vs pastor de ovellas…
Polo que nos contaron, non está de todo claro a razón de pola que alguén se adicou a sabotea-las vías desta escola, aínda que falan dun percance entre o can dalgún escalador que mancou ou matou algunha ovella dun pastor, e da conseguinte disputa entre ambos que non rematou ben. O caso é que sobre o 2018 apareceron roubadas a primeira chapa de tódalas vías e as bases das vías enchoupadas en aceite, así como varias pintadas co texto “NO ESCALAR – UME”; no 2019 repuxéronse as chapas, pero de seguido volveron a roubalas e incluso quitaron tamén as 2ª chapas -que xa fai falta andar cunha boa escaleira…-.
De resultas deste conflito, a situación é que só se repuxo a segunda das chapas, polo que é necesario levar unha pértiga para prechapalas-
Que cadaquén saque as súas conclusións, pero parece mentira que aínda haxa xente que non se decate que antes ca nós, había e hai moita xente que ten tanto ou máis dereito para continuar coas actividades que sempre desenvolveu, e que nin debemos molestar ó gando, ás persoas do lugar, nin apropiarnos duns espazos que compartimos con eles/as.
Nós estivemos conversando agradablemente cun pastor que pasou pola senda co seu inmenso rebaño de ovellas e varios mastíns, así que sexamos tamén conscientes que nin eles/as, nin nós estamos todos/as no mesmo saco… Respecto, por favor, sexamos respectuosos, se non por cortesía ou educación, por simple egoísmo: vainos nelo o noso espazo de xogo!
Croquis de Piedrasecha:
- Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Alberto Boza.
- Roca verde. Escalada deportiva en la Cordillera Cantábrica, por Richie Patterson.
- http://lagarafa.blogspot.com/2017/12/piedrasecha.html
O tempo en Carrocera:
Meigas (Gilbo), Riaño – León, 8 de agosto de 2020.
Meigas, MD inf (V+).
Fuxiamos da onda de calor que nin no desfiladero de La Hermida daba tregua, pensando que poderiamos buscar unha parede menos sufrida que a do Cueto Agero onde fixeramos unha “calurosa” escalada, e pensamos nun pico máis amable, como o Gilbo, que xa coñecía dunha escalada de facía 6 anos, daquela con Mundi, Víctor e Alfonso, e que nos ofrecía vías máis curtas que poderiamos afrontar en media xornada para estar expostos o menor tempo posible ó sol.
Chegamos a Horcadas, a aldea na que deixa-lo coche para empeza-la aproximación pouco despois do mediodía, e estivemos facendo tempo para aproveita-las últimas horas do día e unhas nubes que parecían querer aproximarse, pero que non daban chegado. Ó final, as nubes eran o prólogo dunhas tormentas que fixéronnos ter que resguardarnos no bosque, de camiño ó pé de vía, esperando a que deixase de chover.
Así e todo, non nos arredamos e chantámonos a pé de vía ás 18:15h, coa sorte de evita-la calor da solaina, pero cun ollo desconfiado pendentes do ceo, por se aparecese unha tormenta máis perigosa durante a escalada; tivemos sorte e finalmente non caeron máis que unhas gotas no último longo para darnos un susto, pero que non foron a máis.
Aperturistas:
Jose Manuel Fernández e Miguel Pita, en maio de 1997.
Resumo:
Itinerario de pouca continuidade, con escaso equipamento pero suficiente para non perde-la ruta.
A vía empeza por un evidente diedro, cáseque cheminea, bastante descomposto, polo que é recomendable non meterse moito nel e ir algo pola súa dereita.
Dificultade:
V, 6a, IV, III e V.
L1. V, 30 m. Empézase verticalmente por un evidente diedro, cáseque cheminea, procurando evitar ir demasiado polo seu interior xa que a rocha está bastante descomposta. O longo remata con tendencia á esquerda enriba do contraforte, nunha cómoda repisa cun spit, reforzable nunha fenda próxima.
L2. 6a, 40 m. Sáese recto pola placa cara a un visible spit, logo séguese cara a un cravo para chegar baixo unha fenda en bavaresa algo á dereita da vertical da reunión, na que un parabolt protexe o paso. Pásase polo diedro cheminea, algo roto para continuar por terreo máis fácil ata montar reunión en calquera repisa que queiramos porque non hai nada instalado para ela (eu lacei un gran bloque e reforcei nunha fenda, xusto no fío do espolón).
L3. IV, 40 m. Rodéanse os grandes bloques sobre nós pola esquerda e continúase por terreo máis tumbado e herbáceo con tendencia á esquerda para logo seguir máis rectos polo bordo do espolón ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzada cun cravo na súa vertical.
L4. III, 40 m. Camiñando pola placa bastante verticalmente por onde máis fácil sexa ata montar reunión nunha boa ponte de rocha reforzable facilmente, situada nunha cómoda repisa baixo o diedro final.
L5. V, 35 m. Ascéndese cara o diedro desplomado por unha fenda con tendencia á dereita para logo continuar pola fenda-diedro algo desplomada que ascende pola esquerda do muro. Despois só hai que seguir cara arriba por onde máis evidente sexa para montar reunión onde se queira a poucos metros do cume, xunto a unha canle de saída que vese que xa permite acada-la aresta camiñando (uns 20 m.) facilmente entre bloques e herba boa.
Material necesario:
2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), un xogo surtido de friends e entaladores ata o nº 3 de Camalot, unha decena de cintas longas, e demáis equipo de escalada de autoprotección.
Cordada:
Beni e eu
Data da nosa ascensión:
8 de agosto de 2020.
Punto de partida:
Moi perto de Riaño hai un desvío cara ó lugar de Horcadas, onde pódese aparcar á entrada da poboación para, xa camiñando, atravesala, pasando xunto a unha praza con fonte na que proveerse dela, pasr xunto á igrexa, e tomar unha evidente senda que leva cara á visible parede do Gilbo. A ruta leva algo menos dunha hora e pasa xunto a unha fonte/abrevadeiro na que se advirte que a auga non ten garantía sanitaria.
Noite intermedia:
Nós viñamos de La Hermida, pero ó carón de Riaño, en Boca de Huérgano, éstá a Hermita de San Tirso, nun área verde xunto á estrada pero algo apartada da mesma e ten uns estupendos soportais cara ó lado contrario onde poder pernoctar con discreción (e tamén ten fonte).
Descenso:
O descenso faise andando seguindo durante un rato a crista en dirección contraria a Riaño, ata que un fito marca onde comeza-lo descenso -nalgún tramo bastante pendente- cara á esquerda, ata a base da parede. O descenso ata a base da parede dura uns 20 ou 30 minutos, dende todavía quédanos outros 40 minutos ata Horcadas.
Máis info:
- http://lagarafa.blogspot.com/2015/11/gilbo-meigas.html
- http://msalvads.blogspot.com/2012/06/via-meigas-al-gilbo-195m-6a.html
- Combinación da Meigas coa Algún Día la Ternura Moverá el Mundo: http://mundoalpino.blogspot.com.es/2011/08/escalada-al-gilbo-por-via-meigas-algun.html
- Croquis insuficientes en: “Cordillera Cantábrica. Escaladas selectas en roca”, de Miguel Ángel Adrados
O tempo en Riaño:
http://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/municipios/riano-id24130