Cabo Prior e Lobadiz (Ferrol, A Coruña)

Fotos da escola de escalada de Cabo Prior (Ferrol).Escalar nalgúns dos cantís da Costa Ártabra, esixe dun coñecemento das mareas, o vento e a climatoloxía, que fai recomendable aproximarse, alomenos as primeiras veces, da man dalguén da zona que nos guíe.

Se cadra, son esas consideracións de seguridade as que fan que non se prodigue a información sobre os novos sectores e vías que se veñen abrindo dende fai anos, por toda esta área da costa. Así, hai sectores completos totalmente equipados con moitas vías, das que só teremos coñecemento acompañados/as dalgunha persoa nativa ou boa coñecedora do terreo. Na actualidade pode haber ó redor dunhas duascentas vías repartidas por distintos recunchos, algúns deles bastante distantes entre si: Ventolera, Cormorán, Punta Xarrido, El Cable, Recodo Piscina, Kioma, Zodíaco, La Costa, Punta Chonco, Punta Longa, Alcatraz, Ghran Sol,…

A perigosa aproximación á base dalgúns sectores, o risco inherente ás mareas e ás ondadas, así como a factores climatolóxicos coma o vento e a humidade, serían motivos máis que sobrados para descartar estes lugares, en calquera outro lugar do mundo no que houbese moita rocha escalable, máis non é este o noso caso en Galicia, e isto explica como se lles puido ocurrir a eses fanáticos aperturistas adicarse a explorar cada recanto da costa, para atopar algúns destes tesouros ocultos que se distribúen en forma de vías, todavía pouco difundidas, por todos estes cantís.

Así, a miña primeira impresión ó achegarme a algúns sectores foi a de que as dificultades dos accesos, o abrumador ambiente do batir constante das ondas a poucos metros dun poñendo a proba os nosos nervios, e os condicionantes xa antes mencionados, dificilmente podían verse compensados polo pracer da escalada, pero… carallo se vale a pena! 😉

Hai vías boísimas, e con orientacións tanto para a escalada de mañá como de tarde, que o convirten nun destino recomendabilísimo para a escalada, que lamentablemente é relativamente pouco visitado por xente de fóra de Ferrol debido á escaseza de información.

Ignoro as razóns de porqué a xente que abriu e continúa abrindo na zona non o difunden, aínda que non creo que se trate de secretivos para desfrute particular, senón máis ben de reticencias por cuestións de seguridade; e neste caso, na medida en que máis xente nova se atreve a buscar estas novas vías, antes ou despois serán difundidas, seguramente sen que se consideren aquelas circunstancias e peculiaridades que xustificaban as obxeccións daquelas persoas aperturistas á darlles publicidade, o que si que podería ser motivo de riscos, que se verían diminuídos notablemente se a información se compartise axeitadamente polas persoas mellores coñecedoras dos accesos e peculiaridade de cada sector.

Información e croquis:

No lugar de Aldea Ragón, na parroquia de Cobas (concello de Ferrol), hai bares, restaurantes, tendas, farmacia e panadaría:

  • O pan da panadaría Rodríguez Caneiro é boísimo.
  • Para xantar ou cear está moi ben o Bar/Pizzería Campeón, que ten un Raxo ó Roquefort Cabrales riquísimo (ollo coa ración que dá para dúas persoas, mellor pedir media ración por cabeza, ou compartir a completa…).

Ademais do Camping As Cabazas (a menos de 5 km do faro de Cabo Prior), doutro lado da estrada hai un aparcadoiro grande con fonte e baños.