Arquivo

Archive for the ‘Esquí’ Category

Curso de esquí de montaña da EGAM, no val de Benás, Huesca (Aragón), Pireneos, do 3 ó 6 de xaneiro de 2022.

Fotos do Curso de esquí de travesía da EGAM, no val de Benás, Huesca (Aragón), Pireneos, do 3 ó 6 de xaneiro de 2022Outro ano máis que sigo a voltas co de proba-lo esquí de travesía, así que desta volta apunteime ó curso de esquí de montaña (N1) celebrado no Val de Benás (nos Pireneos de Huesca), en xaneiro de 2022, e convocada pola Escola Galega de Alta Montaña (https://fedgalmon.gal/egam/).

Eramos 5 participantes, Beni, Luz, Jesús, Julio e eu, baixo a experta tutela do técnico da EGAM e guía de alta Montaña, Juan Goyanes, que deunos un repaso moi completo dos fundamentos desta actividade de montaña, á vez que nos fixo desfrutar desta paraxe dos Pireneos.

O curso resultou moi instructivo empezando cunha primeira xornada adicada á practica da técnica de esquí que realizamos na estación de esquí de Cerler, seguida á última hora da tarde dunhas explicacións teóricas nunha aula da Escuela Española de Alta Montaña en Benás. 

A segunda xornada fixemos un pequeno percorrido cos esquís dende Llanos del Hospital para probar diferentes técnicas básicas como o manexo da pel de foca, foqueo, cambios de dirección en ascenso, uso do DVA e localización de víctimas da avalancha, … Sobre a importancia das técnicas de DVA, recomendounos que miraramos un coñecido vídeo dunha avalancha real e o posterior rescate dunha das súas víctimas, editado por Roger Mountain Guide, que resulta moi aleccionador e resulta moi “motivador” para tomarse en serio a importancia de informarse antes das condicións do percorrido e o risco de avalanchas, así como de ser flexibles e adapta-lo itinerario previsto -ou incluso renunciar- durante o percorrido en función das condicións atopadas, así como de ir debidamente preparados (tanto fisicamente como levando DVA, pala e sonda).

Na seguinte xornada, achegámonos ás proximidades da estación de esquí, pero ascendimos fóra das súas pistas ata o cume do Pico Cerler.

Por último rematamos cunha travesía dende Llanos del Hospital ata Forau de Aigualluts, nunha soleada preciosa -e fría- xornada que nos ofreceu unha boa capa de neve virxe caída durante a noite.

Aloxamento, comida e compras:

  • Hai multitude de campings e hoteis por todo o val para aloxarse e na vila de Benás temos tódolos servizos e tendas (incluídas por suposto a célebre Barrabés e o seu outlet La Ribagorza, para proveernos de calquera material de montaña).
  • No noso caso, alugamos o material de esquí en La Casa de la Montaña, na Avenida de los Tilos (xusto enfronte de Deportes Aigualluts), onde déronnos tódalas facilidades para aluga-lo material axeitado e contratar clases de esquí.
  • Na Escuela de Montaña de Benasque ofrecen aloxamento en albergue con posibilidade de almorzo, xantar, cea e bolsas de picnic:
  • https://www.alberguesyrefugios.com/escuelademonta%C3%B1adebenasque/

Previsións do tempo en Benás:

Ruta por estrada ata Benás:

 

  •  

 

Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 3 de febreiro de 2019, e Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

2019 Febreiro 9 Deixar un comentario

Iniciación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, Cabeza de Manzaneda, 3 de febreiro de 2019.

Fotos da xornada de iniciación ó esquí de travesía con Celtas, 3 de febreiro de 2019.Un ano despois, continúo coa aproximación ó esquí de travesía co Club Montañeiros Celtas, repetindo a saída a Manzaneda para unha segunda práctica nun pequeno percorrido por neve que aproveita a primeira boa nevarada da tempada, para achegarnos á única estación de esquí que temos operativa (aínda que durante moi poucas xornadas ó longo do ano) en Galicia.

Desta volta, contaba con máis confianza, xa que en marzo do pasado ano pasara 4 días “reaprendendo” a esquiar en Andorra, así que pensaba que xa non tería os problemas para descender, da anterior vez. Sen embargo, aínda que no ascenso non tiven ningunha dificultade, chegado o intre de baixar, si que me costou controla-los esquís: está claro que logo dun ano, hai que volver a collerlle o puntiño…

Antes de remata-la xornada, detivémonos xunto ó refuxio Pena do Caldeiro do meu Club Alpino Ourensán, para realizar unhas moi interesantes prácticas sobre o uso do ARVA e o protocolo de rescate de vítimas en caso de avalancha. Recomendabilísimo realizar tódolos anos unha pequena práctica de busca e localización de vítimas, para saber reaccionar con seguridade e axilidade chegado o caso.

Para xantar:

  • O Restaurante Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa.

O tempo en Manzaneda:

O tempo na Pobra de Trives:

 

Xornada de esquí de montaña co Club Montañeiros Celtas, Peña Orniz, 9 de febreiro de 2019.

Fotos da ascensión ó Peña Orniz en esquí de montaña con Celtas, 9 de febreiro de 2019.A xornada de iniciación, serviume de quencemento, para unha saída que o Club Montañeiros Celtas organizaba para a Federación Galega de Montañismo, na que se realizaría unha ascensión ó Peña Orniz (no Valle del Sil, Babia), pola senda de Las Fuentes del Sil, partindo da localidade de La Cueta, no concello de Cabrillanes, León.

A actividade realizámola paralelamente, un grupo de esquí de montaña, e outro de raquetas de neve, que dado o moi distinto ritmo dos dous, só coincidiriamos na saída e na volta. De feito non ten moito senso facer conxuntamente a actividade, xa que ademais de ir a ritmos completamente diferentes, as raquetas cando pasan polo mesmo sitio, estragan as marcas dos esquís o que dificulta o retorno xa que non queda un bo carreiro para avanzar máis comodamente. Eu non pensara nisto, pero logo de que llo lembrasen un par de veces ós/ás raqueteiros/as, fixeime que pegado ó cú do último esquiador que pechaba o noso grupo ía un raqueteiro pisando con total tranquilidade sobre o noso rastro (por un oído me entra…), e, efectivamente, á volta si que me din conta do útil que terían sido te-lo carreiro marcado da nosa trazada matinal, para poder deslizarnos moito máis comodamente.

Cando saímos os/as 16 integrantes do grupo de esquí, o tempo non era moi bo, e segundo ascendiamos ía empeorando, primeiro cunha néboa que dificultaba a orientación e logo cunha forte ventisca que finalmente obrigounos a retirarnos preto do cume (ou alomenos así mo dixeron os que coñecían a ruta, porque coa néboa e a ventisca que facía, eu ía practicamente a cegas e non cheguei a albiscar nada). O vento, nalgúns intres era tan forte, que cáseque nos tiraba, xa que os esquís ás nosas costas actuaban como velas. Así as cousas, só fixeron cume o grupo de raquetas, xa que o de esquí retirámonos ante as malas condicións do tempo.

O ascenso non foi difícil, ata que a pendente fíxose máis forte e o xeo da mesma obrigounos a quita-los esquís e continuar con botas. Xa de retirada, e unha vez sobre pendentes menos pronunciadas, volvimos a poñe-los esquís, e aí foi cando me topei coas auténticas dificultades: por un lado, era incapaz de avanzar mantendo a cota, xa que ó estar en pendente non tiña ambos esquís á mesma altura e só era quen de avanzar cara abaixo; claro está, que así non podía seguir ó resto do grupo, que mantivo a cota ata unha golada dende a que xa comezaba un descenso máis claro, polo que acabei no fondo do val, quitando os esquís para remontar camiñando ata xunto ós/ás meus/miñas compañeiros/as -ufff, isto non era o que eu imaxinara como un cómodo e descansado descenso esquiando…-. Ademais, como a  maior parte do tempo descéndese non de fronte, senón ladeando as pendentes ou avanzando lateralmente, ó ter sempre unha perna máis alta ca outra e cargando distinto peso, fíxoseme duro e moi canso. Se a  iso lle sumamos que nos tramos lixeiramente ascendentes, non controlo o “paso tesoira”, e que para rematar tivemos que facer camiñando parte do camiño porque desaparecera a neve que pola mañá cubría as rochas nalgún tramo… 😦

A conclusión non foi moi boa… resultaba máis canso e problemático do que me esperaba, así que volvín algo decepcionado desta experiencia. Así e todo, tentarei correxir algunhas das carencias esquiatorias que detectei e darémoslle outra oportunidade… 🙂

Polo demais, chamoume a atención o feito de que esta actividade ó estar feita para a Federación Galega de Montañismo, contaba con algún tipo de subvención por parte da mesma, xa que sorteouse entre os/as participantes algún material adquirido cos cartos asignados pola FGM, sen embargo, isto nin ocorre en tódalas actividades federativas, nin atopo ningunha información que explique en base a que criterios se subvencionan unhas e non outras… -os inexcrutables enigmas federativos…-. ;-(

A ruta:

Para aloxarse:

Hai un albergue, Centro de Turismo y de Ocio Laciana Natura, con habitacións con liteiras (tamén conta con cabanas de madeira, supoño que para o verán) en Villablino: https://www.lacianatura.es/.

Para xantar:

O tempo en Cabrillanes:

 

Esquí en Pas de la Casa (Andorra), do 26 ó 29 de marzo de 2018

2018 Marzo 29 1 comentario

Fotos de Esquí en Pas de la Casa (Andorra), do 26 ó 29 de marzo de 2018Estas vacacións de Semana Santa, decidimos facer unha viaxe longa ata unha estación de esquí en Pas de la Casa, Andorra, coa intención de asegurarno-la neve. Como fixemo-la reserva con bastante antelación, non contabamos con que a teríamos tamén ben abondosa moito máis preto, pero non somos adiviños, así que ó cabo, alomenos serviunos para ver algo máis de mundo 😉

Carducho, Lola, Mundi e eu, saímos de Vigo coa directa metida ata que atopamos un aparcadoiro xeitoso, nos arrabaldos de Balaguer, xa bastante preto do noso destino, onde detivémonos para face-la nosa primeira cea e botarnos a durmir. Dende aí a Pas de la Casa, continuamos con calma ó día seguinte, para aloxaranos nun apartamento, Crest Pas, para 4 persoas, tan barato coma cutre, aínda que para min era máis que de abondo 🙂

Estación de esquí de Pas de la CasaA estación Grand Valira Pas de la Casa-Grau Roig e Soldeu El Tarter é enorme e está situada nun lugar realmente precioso, e tivemo-la sorte de que os 2 primeiros días desfrutamos de neve recén caída, así que as pistas estaban moi moi moi ben.

Mundi e eu tiñamos contratadas unhas clases colectivas de esquí, pero a min mandáronme co grupo de iniciación e a el cos do seguinte nivel. O caso é que aínda que eu penso que a miña monitora/profesora non o fixo nada ben, como polas mañás estivemos, pola nosa conta, exprimindo o forfait a tope :-D, ó remate da nosa estancia, despois de moitos trompazos, coido que acadei suficiente seguridade como para poder agora empezar a meterme co esquí de travesía, que é o meu auténtico obxectivo. Seguramente aínda terei que practicar algo máis de esquí de pista, pero por moi divertido que sexa, a ver se o podo minimizar, que iso dos forfaits sae ben caro…

De Andorra pouco vin, xa que apenas fixemos outra cousa que esquiar, porque en canto pechaban os remontes, regresabamos ó apartamento, facíamos compra dalgún alimento, preparabamo-la cea (realmente as ceas curráronnas sempre Lola e Carducho, e só podo dicir que comín mellor aí que na miña propia casa: aínda me parece volver a saborea-las lentellas… -ñam, ñam-), e xa nos deitabamos: ah, a dura vida das vacacións… 😉

Pas de la Casa é unha vila turística, con tódolos servizos posibles: multitude de hoteis, restaurantes, bares, supermercados e tendas especializadas en material, moda,…

Mapa de pistas da estación de esquí Grand Valira de Pas de la Casa (Andorra) http://www.portalski.com/imagenes/mapapistas/andorra/grandvalira.jpg Fonte: http://www.portalski.com/ski/estacion-grandvalira.htmlO principal problema é o aparcamento: toda a vila é zona azul, así que só pódese estacionar pagando uns 8€ ó día, pero hai que saca-lo tiquet 2 veces ó día, xa que o horario vai de 9h a 13h e de 15h a 20h (á noite non hai que pagar), co que un ten que deixar de esquiar para pasarse a renova-lo estacionamento. Ademais, cando neva, o servizo de limpeza da neve avisa con altofalantes polas rúas de que despexen os aparcadoiros e rúas, para poder pasa-la máquina quitaneves, e se se atopan con vehículos na rúa, os retiran coa grúa, polo que hai que andar pendente dos avisos para cambia-lo de lugar a outra zona que xa estea limpa de neve.

Tamén pódese optar por algún parking cuberto, por uns 20€/día, ou os aparcadoiros que ofrezan os aloxamentos: no noso caso, os apartamentos Crest Pas, cobraban 15€/día.

Sen embargo, nós atopamos unha solución, grazas a que collimos un oco xunto ó teleférico que está pegado á estrada, xusto enriba da vila: Costa Rodona; aínda que os aparcadoiros libres que tiñan aí estaban cubertos pola neve, e os coches bloqueados -salvo que paleasen ben a eito-, xusto na curva deberan de pasa-la máquina quitaneves antes de que aparcasen outros vehículos, e cando estes marcharon, topámonos co sitio perfecto para nós 🙂

O tempo en Pas de la Casa (Andorra):

Esquí de travesía con Celtas, Manzaneda, 4 de febreiro de 2018

2018 Febreiro 4 Deixar un comentario

Fotos do curso de esquí de travesía con Celtas, 4 de febreiro de 2018.O Club Montañeiros Celtas organiza tódolos anos un pequeno curso de iniciación ó esquí de travesía cunha xornada teórica sobre o material a utilizar, e unha segunda de práctica facendo un pequeno percorrido por neve.

Non fai falta saber esquiar moi ben, pero si que é imprescindible cando menos ser capaz de descender cun mínimo de soltura. Eu só probara o de esquiar durante unha semana que pasaramos en Sierra Nevada, fai uns 25 anos!, así que non as tiña todas comigo respecto de se sería capaz de baixar decentemente… Pero fun probar, esperando que fose como andar en bicicleta -que nunca se olvida- 🙂

Se cadra tiña que ter andado máis en bicicleta, porque en canto a inclinación fíxose mínima cara a adiante, xa non atopei máis xeito de pararme que o clásico “galletazo” que tanto nos divirte ver neses vídeos de mamporros a esgalla.

E así foi alomenos nos primeiros metros de pista de descenso que collín, aínda que fun reducindo o ritmo das caídas a medida que me achegaba ó final da pista, e ata cáseque empecei a virar en paralelo ó seu remate: terei que apuntarme a un par de xornadas de curso de esquí en pista, antes de volver a meterme nisto do esquí de travesía 😀

Polo demais, o esquí de travesía non ten moita ciencia cara a arriba: axústanse as botas, póñense as peles de foca, vanse regulando as alzas, e veña Volta-María para xirar… 🙂

Así que… ímoslle esquí de travesía!

Para xantar:

  • O Restaurante Casa Gerardo en Chandrexa de Queixa.

O tempo en Manzaneda:

O tempo na Pobla de Trives: