Arquivo

Archive for the ‘Andinismo’ Category

Cordillera Blanca – Andes. Perú. Do 23 de xullo ó 21 de agosto de 2011.

2011 Agosto 22 1 comentario

Manu levaba matinando varios anos en facer unha viaxe ós Andes, polo que cando propuxo ir á Cordillera Blanca, no Perú, xa tiña planificadas varias posibles actividades. Mundi e máis eu apuntámonos sen ter moita idea do que nos esperaba, e co temor de quen vai por primeira vez a lugares tan alonxados a rondar picos de seis mil metros, experimenta-las diferentes condicións daló e bautizarse como andinistas.

E abofé que valeu a pena …

A viaxe ó Perú e o cambio de moeda.

Fotos do trekking á Laguna Churup, Cordillera Blanca. Andes. Perú   Cun mes de antelación reservamo-los billetes de avión (aínda que penso que non por iso saíron máis baratos, uns 1.200 €/ida e volta en clase turista), e tentando mellora-la nosa aclimatación, pasamos antes un par de semanas nos Alpes. Á volta estivemos  unha semana máis en casa para recuperarnos e prepara-lo todo; e incriblemente cada un de nós conseguiu comprimi-lo material en só dous bultos, un petate de 23 Kg., e unha peza de man de 10 Kg.

Empaquetamos practicamente toda a cacharrada e roupa de montaña que tiñamos, tendo en conta a variedade de actividades previstas. E tamén metimos algúns alimentos que pensábamos que podían ser difíciles de atopar, pese a sospeitar que na aduana peruana puideran impedi-la súa entrada.

Levamos connosco dólares, sen embargo, no aeroporto de lima, e en Huaraz mesmo, era fácil cambiar Euros tanto por Dólares como por Soles, así que pódese levar perfectamente só Euros e ir cambiandoos pouco a pouco polo que se vaia precisando.

O recomendable é levar sempre Soles para paga-lo transporte e pequenas compras, e algúns Dólares para as ocasións nas que, co cambio que aplican, resulte millor pagar en Dólares. Iso si, sempre que se reciban cartos, hai que ver que os billetes sexan novos, porque se non están en bo estado, non se aceptan para pagar. Tamén parece ser que hai moito billete falso, así que non está de máis saber de quen recibimo-los billetes de máis valor.

E saímos ás 2 da madrugada do Sábado 23 de xullo, cara á localidade de Barajas, onde, ás 9 da mañá deixamos “abandonado” meu coche na rúa durante un mes, ata o noso regreso. Un pequeno traxecto na liña 8 do metro arrastrando os petates achegounos á terminal do aeroporto.

No límite do peso, facturamo-los nosos petates e despegamos cunha hora de retraso nun Airbus A330 da compañía Air Europa, cheo ata os topes, no que “disfrutamos” de 11 horas de viaxe que, pese a incomodidade dos asentos, procuramos pasar durmindo o maior tempo posible.

Chegamos ás 19:00 h. ó aeroporto J. Chávez de Lima, onde inmediatamente collimos un taxi azul dos “oficiais” (que cobrounos 95 Soles conforme á súa tarifa, e rexeitamos coller un taxi “non oficial” que se nos ofreceu por 65 Soles, polo infundado temor de que puidese ser un engano), ate a estación da compañía Movil Tours, onde tiñamos reservado, por Internet, billetes en asientos “Super cama” no autobús nos levaría a Huaraz.

Esta compañía ten 2 estacións en Lima, así que é importante asegurarse de indicarlle ó taxista a correcta, que é a que está no Paseo de la República xunto ó Novo Estadio Nacional.

Aquí esperamos máis de dúas horas ata que saiu noso autobús ás 23:00h. da noite, nunha viaxe de 400 Km. que durou toda a noite (unhas 7 horas) e que acada máis de 5.000 m. ó atravesar algunha golada. Deitados nos nosos asentos “super cama”, inclinables 180º, non vimos absolutamente nada durante o traxecto ó ser de noite e quedarnos durmidos apenas arrancamos. Sen embargo, Manu xa sentiu os efectos da altura durante o traxecto e pasouno mal nalgún intre.

A hospedaxe en Huaraz.

Fotos da ascensión ó Pisco, na Cordillera Blanca, nos Andes do Perú.  Chegados a Huaraz, un taxista achegounos á Casa Zarela, por 6 Soles, que logo enterámonos que ven a ser o dobre do que habitualmente cobran por ese traxecto.

A hospedaxe que reserváramos é moi coñecida pola comunidade montañeira que acostuma a ter Huaraz como base das expedicións á Cordillera Blanca e Cordillera Negra; e a súa propietaria, Zarela, coñece ben os itinerarios, prezos, guías, arrieiros, taxistas e informacións úteis que son unha axuda importante, sobre todo cando se visitan esas terras por primeira vez.

Conta con habitacións con baño, dobres, triples e cuádruples, almorzo, Internet, cociña libre, televisión, terrazas e pódese deixa-lo material e equipaxe gardado ata que se volva, cando se abandona o hostal entre actividades. A pega é que resulta un pouco caro, xa que a pernocta custa 40 Soles, aproximadamente o dobre de, por exemplo, o Hostal Alpes Huaraz, que ten similares servizos e inclúe o almorzo no prezo do aloxamento, aínda que non debe de dispoñer de tanta información.

O prezo do almorzo variaba dende os 8 Soles do Americano, ata os 13 Soles dos Vexetariano e Catalán. Non cobran por garda-lo material cando se deixa o aloxamento para volver logo duns días. E hai un ordenador dispoñible para conectarse a Internet cando se desexe.

Aínda que, ó cambio, o custe individual de comidas, compras, transportes e aloxamentos resulte barato, ó estar tanto tempo por aí, é un gasto total bastante grande, así que é importante ter sempre controlado o que se paga polas cousas e comparar prezos. Así, o noso mes andino supúxonos uns 600 € por persoa, sen conta-los billetes de avión; máis ou menos o mesmo que nos custaría pasar un par de semanas nos Alpes. 😉

Nós, por exemplo, cada vez que pasábamos 2 noites aloxados, gastabamos só en almorzar e pernoctar, uns 100 Soles cada un, menos de 30 € por persoa (1 € cambiabase a uns 3’5 Soles). Pero o custe total das 14 pernoctas que fixemos en Huaraz foi de 200 € cada un. O resto dos gastos debéronse ós xantares e ceas na vila (hai menús do día decentes por 12 Soles), á comida e transporte das actividades e ás drogas (éééééé broooooooma, hehehe…).

Huaraz é unha vila duns 100.000 habitantes, capital do departamento de Ancash, e situada a uns 3.090 m. de altura, no Callejón de Huaylas. A primeira impresión é deprimente, xa que hai lixo e refugallos por todas partes, os edificios están sen rematar ou danados dende o terremoto de 1970, hai moitas chabolas e a miseria é evidente. Sen embargo, pese ó seu mal aspecto, a actividade na vila é incesante, as rúas principais están ateigadas de xente, en tódalas portas e recunchos da rúa hai micronegocios ou xente vendendo cousas do máis variopinto: froita, zumes, caracois, roupa, xornais, música e películas pirateadas, libros de segunda man, cadros, paxaros, …

Unha alternativa máis tranquila e barata consiste en aloxarse en Caraz (2.256 m.), a unha hora e media de Huaraz, en colectivo. É unha vila pequena, con moitos menos servizos, pero está perto dos accesos a moitos picos e perfectamente comunicada con Huaraz.

Non nos pareceu que houbese problemas de delincuencia, salvo nas datas das festas do día da Independencia, ó redor do 28 de xullo, en que parece ser que os/as carteiristas veñen dende a costa a aproveitarse da masiva afluencia de visitantes. De feito, a nós, o segundo día que estivemos paseando por Huaraz leváronno-la carteira do interior do bolso de man sen que nos decataramos. Así que é recomendable non levar enriba a documentación, nin as chaves, nin máis cartos dos precisos, cando se ande pola vila.

Comidas e aprovisionamentos.

Fotos da ascensión ó Alpamayo, pola vía Ferrari, na Cordillera Blanca dos Andes do Perú.  Aprovisionarse de comida non é complicado xa que hai varios supermercados, pero hai cousas que son difíciles de atopar. Non hai embutidos nin precocinados, as barritas enerxéticas non son moi variadas, e os froitos secos e o chocolate son carísimos. Tampouco se atopan Compeed para as bochas, nin pastillas potabilizadoras, polo que convén leva-las dende casa.

Para xantar na vila, hai unha chea de opcións, ademais dos negocios máis dirixidos ó turismo, pódense tomar menús do día por uns 12 Soles en moitos sitios, ou comer á carta con pratos entre os 10 e os 18 Soles. A cervexa, Cristal, Pilsen e Cuzqueña, é practicamente do tamaño dunha litrona, e custa uns 6 Soles, así que é millor comparti-la entre varias persoas (salvo no caso de Mundi, que sempre ten moita sede ;-)).

O noso lugar favorito era o Samuel’s, especializados en polo asado e carne á grella, onde tomamos polo asado con riquísimas patacas fritidas, e que cando se enchía ás noites da fin de semana era digno de ver como asaban polos en cadea industrial.

Tamén, comimos bastantes veces no Restaurante-pizzería Teo’s, que tiñan un menú do día económico e bastante bó, pero en ocasións o servizo era extremadamente lento. E outros lugares interesantes son Landauro (pizzas e pasta), La Cúpula (boa comida e café) e a creperie Patrick (algo caro).

Pódense mercar bombonas de gas para o fornelo en varios negocios de cambio de moeda ou nalgunha tenda que vende material de montaña (normalmente cousas básicas e moitas de segunda man).

Cartos e transportes.

Fotos de Hatun Machay, na Cordillera Negra, nos Andes do Perú.  Nós nunca cambiamo-los cartos nas oficinas bancarias porque, ademas de estar permanentemente ateigadas de xente (parece ser que baixaron moito os intereses dos empréstimos, polo que todo o mundo tenta acadar financiamento), comprobamos que o cambio que ofrecían era peor que o dos negocios da rúa. Iso si, como xa dixen antes, coidado con aceptar só billetes en bo estado e lembrar onde os collimos, por se nos entregaran algún falso (normalmente, os cambistas púñanlle o seu carimbo ós billetes para evitar reclamacións).

Polo que vimos, case todo o mundo que ten un vehículo o utiliza como taxi, aínda que dun xeito peculiar. Así, o tráfico de Huaraz componse de coches transportando pasaxeiros e avisando do seu paso pitando constantemente namentres gritan pola fiestra cara onde van, por se houbera algunha outra persoa interesada en aproveita-la viaxe.

Os prezos dos taxis, sempre son variables, dependendo do aspecto que teña a clientela e da “pícardía” do/a condutor/a, así que sempre hai que acorda-lo prezo antes de nada e non hai que conformarse co primeiro taxi que se nos ofreza. De feito, coido que timáronnos en absolutamente tódolos que collimos, tanto en Lima como xa na montaña.

Polo demais, o prezo dos transportes regulares (os chamados “colectivos”) están prefixados, e son moi baratos, así que neles non hai que negocia-lo billete. Normalmente, os colectivos soen ser pequenas furgonetas de 10 a 12 prazas teóricas que enchénse ata os topes baixo o lema de “al fondo hay sitio”, e que circulan a toda velocidade sen ningún respeto polas normas de circulación. En Huaraz hai varias rutas de comunicación coas poboacións cercanas, cubertas con colectivos que saen periodicamente cada poucos minutos dende os diferentes apeadeiros que existen para cada liña.

En canto ó estilo da conducción de taxis e colectivos, simplemente direi que probablemente pasamos máis medo e corrimos máis perigo na estrada que na montaña. ;-(

Tamén hai moitísimos mototaxis para os desprazamentos urbanos, totalmente “tuneados” e adornados con sorprendentes debuxos e lemas.

Intendencia e aproximacións.

Fotos da escalada de La Esfinge, pola Vía del 85, na Cordillera Blanca, nos Andes do Perú.  As aproximacións ás montañas normalmente fanse collendo algún colectivo ata a poboación máis cercana ó obxectivo, e dende aí, tómase outro colectivo ou un taxi (segundo a presa e as oportunidades que se teñan), que achega ós/ás clientes por malas pistas de terra ata os puntos habituais de comezo das andainas. Dende aí, ás veces hai que contratar arrieiros e máis arriba, incluso porteadores.

Se se conta cun maior orzamento, ou non se quere un/unha ocupar pola intendencia, existen numerosas axencias en Huaraz adicadas a elo. Nós non usamos ningunha, así que non temos referencias, pero antes de contratar ningunha é millor informarse ben da súa fiabilidade para evitar chascos.

O custe de arrieiros e porteadores no Parque Nacional Huascarán está estipulado oficiosamente, así que só é negociable, nalgúns casos, a posibilidade de aforrar algunha xornada da viaxe, pero sen redución no prezo:

  • 5 Dólares/borrico e ata 40 Kg. de carga máxima/borrico
  • 10 $/arrieiro e ata 5 borricos/arrieiro

As vías naturais de acceso á montaña son as quebradas, vales fluviais que atravesan a cordilleira e nas que se sitúan os postos de entrada ó Parque Nacional de Huascarán, nos que un debe rexistrarse cando pasa, presentando o pasaporte e a tarxeta federativa. A primeira vez págase un permiso que, para turismo de aventura custa 65 Soles por persoa, e que permite acceder ó Parque durante un mes, sen volver a pagar. Para o turismo convencional o permiso é válido só para un día, e custa 5 Soles.

En Huaraz está a sede central do Parque Nacional de Huascarán, na que hai que tramita-lo permiso, presentando o pasaporte e a tarxeta federativa e cubrindo un formulario no que deben constar tódo-los picos que se pretenden escalar, así como as datas previstas. É millor incluir tódolos que se nos ocurran, aínda que non entren nos nosos plans, para evitar que nos poñan pegas ou ter que pagar de novo o permiso no caso de que, por calquera circunstancia, se deba cambiar de obxectivo.

Durante as festas do día da Independencia (uns 4 días ó redor do 28 de xullo) pode ser difícil atopar aloxamento, transporte e fórmanse longas colas nos postos de control de paso nalgunhas quebradas do Parque, polo que hai que te-lo en conta.

Climatoloxía e información de rutas e vías.

Fotos da ascensión ó Vallunaraju, na Cordillera Blanda dos Andes, no Perú. En canto á climatoloxía, a estación seca na montaña vai de maio a agosto, aínda que nese último mes o tempo xa se volveu máis inestable, e os días amencían despexados para irse cubrindo de nubes según pasaban as horas, chegando a chover e nevar algún día. Por elo, para asegura-las millores condicións houbera sido preferible viaxar a principios de xullo.

Durante a época do “verán andino” non chove, sempre fai sol e os ceos azuis non teñen nin unha nube, polo que danse as condicións ideais para as actividades na montaña. É precisamente, a garantía dun bo tempo continuo o que atrae á xente por estes lares. Así, o normal soe ser planifica-las actividades só en función das condicións do terreo e considerar que o tempo está sempre garantido.

Hai que ter moito coidado co sol, porque nestas alturas é perigoso a calquera hora e lugar, así que mesmo en Huaraz débese un protexer con crema de factor alto, e agradécese unha gorra en todo momento.

Non existe información meteorolóxica de fiar e as páxinas web como www.mountain-forecast.com, son pouco fiables cando o tempo vólvese algo inestable. A nós por exemplo atrapounos unha nevada inesperada ós pés do Alpamayo cando a previsión era de bo tempo.

Para atopar información sobre condicións na montaña e escaladas, as oficinas de turismo e a casa de guías, non son de gran axuda, e o millor fonte de información é falar directamente con montañeiros/as e guías cos/coas que un se cruce.

Un par de bos libros con croquis e vías de escalada son “Classic climbs of the Cordillera Blanca. Perú (2009 revised edition)“, de Brad Johnson, e o enciclopédico “Cordillera Blanca. Escaladas“, de Antonio G. Bohorquez.

Escaladas aparte, hai unha excelente guía, “Huaraz Map Guide“, editada en inglés para turistas e viaxeiros/as con multitude de planos e todo tipo de útil información, que se distribúe de balde en hostais, oficinas de turismo e diversos locais.

O regreso a casa.

Fotos da escalada de La Esfinge, pola Vía del 85, na Cordillera Blanca, nos Andes do Perú. Unha vez agotamo-los días, collimos novamente un billete “super cama” no autobús para retornar a Lima e fixemo-la viaxe de noite para poder ir durmindo. Pero como chegamos de madrugada, tivemos que esperar na mesma estación cáseque un par de horas a que amencese. Neste caso baixamos na estación de Los Olivos, na Avenida Alfredo Mendiola, máis próxima ó aeroporto, para que así nos saíse máis barato o taxi, pero o malo é que está na periferia, así que se un quere aproveita-las últimas horas para visita-lo casco urbano de Lima é millor baixar na seguinte estación.

No noso caso, logo de deixa-los petates na “consigna” da estación de autobuses, achegámonos andando ata un dos grandes centros comerciais próximos e pasamo-lo día aburridos paseando por el, esperando a que se aproximase a hora de saída do noso avión para ir ó aeroporto.

Lima é unha megaurbe perpetuamente envolta nunha nube de contaminación, na que viven uns 10 millóns de persoas, a terceira parte da poboación do país. Entre a súa permanente neblina e o orballo que caeu durante todo o día, non se pode decir que leváramos unha boa imaxe dela.

Unha última negociación co taxista de turno, na que aproveitando que xa nos coñecíamo-lo percal, consultamos-lo prezo da carreira con outro taxista “non oficial”, serviunos para reducir algo prezo inicial e marcharnos do país coa satisfacción persoal de que, alomenos nesa última viaxe, non nos timou… de todo. 🙂

E xa no aeroporto… pois iso, a gasta-los últimos Soles en calquera tontería, a sufri-la impertinencia dunha funcionaria tocacollóns na aduana e a volver a esperar polo retraso do vóo de Air Europa, que polo que vimos, non ten suficientes postos de facturación e, aínda por riba os abre demasiado tarde, co cal non lles da tempo a que pase toda a pasaxe na hora prevista.

Outras 12 horas de incómoda viaxe a Madrid, e logo un ratiño de metro ata Barajas, cruzándonos con toda a “xuventude” que viña de ver ó Papa, así que aproveitei para ir rezando para que o coche seguira enteiro no seu sitio.

E miragrosamente o coche estaba, arrancou á primeira e cheganos a casa sans, salvos e, iso si… ben cansadiños.