Inicio > Difusión/Divulgación, Escalada clásica ou de autoprotección, Escalada deportiva, Medio ambiente, Montañismo, Sendeirismo / trekking > Xuntanza informativa sobre as medidas de control e regulación adoptadas pola Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño, respecto das actividades de escalada e montañismo en Faro de Budiño.

Xuntanza informativa sobre as medidas de control e regulación adoptadas pola Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño, respecto das actividades de escalada e montañismo en Faro de Budiño.

O pasado mércores 21 de xuño, celebrouse no salón de actos da Casa das Federacións de Vigo, unha xuntanza convocada pola Federación Galega de Montañismo, na que se invitou a asistir ós/ás escaladores/as, montañeiros/as e directivos/as de clubs de montaña galegos, co obxecto de informar sobre “as novas medidas de control e regulación, de obrigado cumprimento, acordadas pola Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño atendendo así mesmo ás normas de regulación do espazo natural, que afectan as actividades que non só propias da escalada (equipamento de novas vías e reequipamento) senón tamén ás labores de limpeza de vías, de camiños, roza, etc.”.

 Xuntanza informativa sobre a escalada en Faro de Budiño. Fonte: http://fgmontanismo.es/xuntanza-informativa-sobre-a-escalada-no-faro-de-budino/Conduciu a xuntanza o vogal de Equipamento de Zonas Escola de Escalada e Delegado do Equipo da F.G.M., Jose Antonio Villar, que tomou a palabra en primeiro lugar para expo-la nova situación.

Empezou por indicar que, tivera unha reunión coa Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño, a petición da mesma, na que expuxéronlle a súa determinación para ter un maior control sobre o que se facía no seu monte (o que incluía tamén as paredes de Faro de Budiño). Non explicou a que se podía achacar este súbito interese por controla-la actividade montañeira, pero eu supoño -e isto é só unha opinión persoal miña e doutros/as escaladores/as- que se cadra veñen observando unha maior presión de actividades (apertura de pistas de BTT e circulación de motos polas mesmas, rozas para acceder a sectores de escalada, algunha limpeza de vías chamativa, algún equipamento de vías en lugares emblemáticos para os/as paisanos/as, ocupación das súas mesas do merendeiro por actividades organizadas por clubs, tráfico de vehículos pola pista levantando pó cando están xantando os/as comuneiros/as nas devanditas mesas,…). O caso é que a Comunidade de Montes quere que se limiten as actividades de apertura de novas vías, reequipamento das vellas, limpeza das mesmas e o desbroce. Asemade, tamén quere estar informada previamente da celebración de actividade grupais, colectivas, mercantís que transiten ou se fagan nas súas lindes (isto claramente afecta directamente ós Clubs).

En canto á actividade de escalada pura (non de apertura), non hai ningún tipo de restrición, polo que pódese seguir practicando con normalidade como se ven facendo habitualmente ata o de agora.

Por outra banda, a Comunidade de Montes tamén quere regula-lo aparcamento, polo que vai a impedir que se poida estacionar nas beiras da pista, xa que pretende que se utilicen as áreas de aparcadoiro que habilitou recentemente co gallo da Xuntanza de Escalada en Faro de Budiño 2017 celebrada a primeiros de maio. É máis, durante a tempada de verán van a restrinxi-lo paso pola pista as fins de semana, para que non se poida circular máis aló do aparcadoiro habilitado, polo que parece que prepararán unha pista alternativa para poder chegar ata o campo de búlder, sen levantar pó xunto ás mesas do merendeiro.

Xuntanza. Fonte: https://www.facebook.com/events/117127325545196/permalink/122803538310908/Unha vez explicado todo isto, a intención da Federación é a de que sexa o Comité Técnico de Escalada do Faro de Budiño quen decida, consensuadamente coa Vogalía de Escalada da F.G.M, que proxectos de aperturas, reequipamentos e limpezas poden ser acometidos, en base a criterios de interese do percorrido ou singularidade da liña, de tal xeito que só se abran novas vías que aporten algo diferenciador con respecto o que xa haxa.

Deste xeito, o procedemento esixiría que cada proposta dalgunha das actividades suxeitas ó control da Comunidade de Montes, se presentase formalmente perante a F.G.M., que a faría chegar ó Comité Técnico de Escalada do Faro de Budiño, para o seu estudo e aprobación -se así o estimasen- e por último exporíase á Comunidade de Montes para que o autorizase (isto último non tería, en xeral, que ser un problema xa que suponse que darán por bo o criterio técnico adoptado pola F.G.M.). En todo caso, o procedemento formal a seguir para solicitar actividades en Budiño, a Federación quedou en establecelo e publicitalo proximamente, así como o protocolo que acabo de describir.

Xuntanza coa Xunta de Galicia sobre a escalada en Donón. Fonte: https://www.facebook.com/440380579375577/photos/a.440416502705318.1073741826.440380579375577/1387432714670354/?type=3Unha vez explicada a situación, abriuse un debate no que intervimos varias das persoas presentes na xuntanza (eramos ó redor dunhas 30), solicitando algunhas aclaracións ou propoñendo cousas, entre as que considero máis salientables as seguintes:

  • A nova situación supón unha nova limitación á actividade escalatoria, aínda que, a diferenza do que sucede coas restricións nas zonas da Rede Natura de Galicia, hai que recoñecer que permítenos continuar escalando sen dificultades substanciais.
  • A Comunidade de Montes non dixo nada acerca das pernoctas, polo que parece que namentres se siga facendo de xeito discreto, puntual e respectuoso non tería que haber problemas.
  • Non pasa nada porque se corten unhas silvas a pé de vía, ou que se lle quite algo de terra a calquera fenda, pero parece evidente que usar unha desbrozadora, ou unha trade -aínda que sexa para renovar unha reunión vella- non se podería facer sen a solicitude do correspondente permiso. -Despisteime e non pedín que aclarasen coa Comunidade se o feito de usar unha fouce ou un machete para limpar de silvas as sendas ou a área de influencia dun pé de vía, podía parecerlles excesivo…-. A norma básica a utilizar é a do “sentido común”.
  • Con respecto ás limitacións da Rede Natura, hai que salientar que Galicia é a única Comunidade Autónoma de España na que se impón a obrigatoriedade de solicitar permiso para escalar con antelación (seica en Tenerife hai algunha restrición, pero por motivos específicos), polo que preguntei se a F.G.M. está realizando algún tipo de xestión formal perante a Administración para revogar estas normas en todo o noso territorio, ó que responderon que non, pero que se levaba tempo realizando xestións de tipo persoal (establecendo relacións, dialogando, …) respecto dalgunhas zonas de escalada, das que non daban conta para evitar “xerar expectativas”. Neste caso eu non podo estar de acordo coa liña de actuación mantida pola F.G.M. ó longo de xa moitos anos, empezando porque non presentaran alegacións non período correspondente á proposta de regulación da Rede Natura en Galicia, nin que posteriormente tampouco presentasen propostas, a través dos cauces formais e administrativos da Xunta, para evita-la necesidade de autorizacións previas, nominativas e limitadas no tempo para escalar nos lugares nos que tradicionalmente se viña facendo, así como que, todavía hoxe en día, non se aborde dende a propia F.G.M. a tarefa de identificación rigorosa dos espazos de escalada que en toda Galicia existen, para abordar de xeito global e conxunto o permiso implícito da escalada en todos eles, sen menoscabo de que nalgúns deses lugares sexan precisas distintas tipoloxías de regulacións, limitacións, ou mesmo prohibicións, cando existan causas concretas, reais e xustificables que así o esixan.
  • Ó fío do anterior, Alfonso Louro, en representación da delegación galega de Escalada Sostenible, explicou a labor que viñan desenvolvendo, co respaldo da F.G.M., para tentar acadar regulacións acordes á nosa práctica nos espazos protexidos, e aínda que paréceme unha iniciativa moi loable, eu non podo estar de acordo con que se ocupe disto unha organización que non sexa a propia Federación, que é quen conta co aval e a forza que lle confiren as miles de persoas federadas ás que representan, así como o propio recoñecemento que a Administración lle outorga como organismo coas atribucións de xestión do deporte da escalada e do montañismo.
  • Pola súa banda, a Presidenta do Club Montañeiros Celtas, Lourdes Castiñeira, sinalou que dende a F.G.M. debera de solicitarse á Xunta, o recoñecemento de espazos deportivos para a práctica da escalada de todos aqueles lugares que usamos para este fin, se cadra baixo algunha figura legal similar á das instalacións deportivas ó aire libre. E a este respecto, eu engadiría, que os actuais mecanismos de solicitude de permiso para escalar nas distintas zonas restrinxidas, é evidente que son puramente disuasorios, xa que nin permiten cuantifica-la afluencia real de xente, nin serven para valora-lo impacto que causa, nin identifican que flora ou fauna se está a protexer nos lugares concretos afectados, nin permiten avaliar se a presión ó medio por parte da escalada ten algunha relación ou efecto constatable en cada biotopo.
  • Restrición escalada en Donón. Fonte: http://fgmontanismo.es/aviso-a-todos-e-todas-escaladores-que-se-acheguen-a-donon-e-cabo-udra/Por último, un representante -sinto non poder identificalo, pero non o coñezo- do Club AROMON Pontevedra Montañeiros A Roelo, explicou como logo do aviso por parte da F.G.M. de que se establecía tamén a limitación da escalada na zona de Donón, organizou -a instancias do propio Club- unha xuntanza con técnicos/as de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para amosarlles a zona de escalada e que eles/as mesmos/as puidesen observar o seu nulo impacto no medio e nas especies que pretendían protexer. A esa xuntanza tamén acudiron representantes dos clubs de montaña Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Club Montañeiros Celtas, xunto á Federacion Galega de Montañismo, e o Concello de Cangas do Morrazo e á Xunta de Galicia. E polo que explicou o representante do Club, resultou moi produtiva, posto que acordouse que namentres se xestionaba coa Xunta a autorización para a escalada sen necesidade de permiso previo neste lugar, non se sancionaría a ninguén que realizase esta actividade. En todo caso, se a alguén que estivese escalando en Donón lle pedise un garda ou policía que se identificase, non debe de poñer obstáculos a isto, xa que -no peor dos casos- se esa garda non estivese ó tanto deste acordo, o expediente sancionador ten que tramitalo a Xunta, polo que o paralizaría cando chegase a ela, co que non se tramitaría e nunca se multaría ó/á escalador/a. No Facebook da Federación hai unha entrada cos “acordos” adoptados entre os Clubes, a FGM, o Concello de Cangas e a Xunta:
    • 1) Solicitar nun plazo máximo de 15 días, dende a Federación Galega de Montañismo, a autorización administrativa á Xunta de Galicia para a práctica da escalada permanentemente e non nominal en Donón, sen que fixera falta autorización persoal.
    • 2) Mentras non se resolve o expediente administrativo entre a FGM e a Xunta, dende a FGM pedímoslle a Xunta un “status quo” no tocante á falta de autorizacións persoais, para que non se iniciaran expedientes de infracción por parte da Xunta a ningún escalador/a, ainda que non se teña tramitada a solicitude, polo feito de escalar en Donón.

E coido que iso foi todo o que se tratou nesta xuntanza; se alguén detecta que omitín algo relevante, agradeceríalle que mo indicase para incluílo. Espero que vos sexa de interese a información aquí aportada.

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario