Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Reino de León, cara Sur do Peña Santa de Castilla, 11 de xullo de 2017.

Reino de León, cara Sur do Peña Santa de Castilla, 11 de xullo de 2017.

Fotos da Reino de León, cara Sur do Peña Santa de CastillaDe novo o Xosé pretende aproveita-la viaxe de volta ó seu traballo para facer unha incursión a medio camiño do seu destino… Neste caso propón achegarse ó Peña Santa, para face-la vía Reino de León na cara Sur, e ó día seguinte, antes de baixar a polo coche, facer outra no Pilar de los Cazadores (inicialmente pensara na Furtivos, pero logo decidiuse pola máis curta e sinxela Reencuentro Otoñal).

Xuntámonos en Riaño e achegámonos ata Caldevilla pensando que dende aló había unha pista pola que poderiamos chegar conducindo ata a mesma choza de Vega de Llós, pero… -Que non se vos ocurra, meus, o coche haino que deixar en Caldevilla!!!!- Efectivamente existía unha estreita “pista” para usos gandeiros, pola que seguimos e seguimos pese a que era evidente que non deberiamos de seguir… (non collen dous vehículos, non hai apenas lugares onde apartarse no caso de cruzarse, hai profundas fochancas e badéns nos que tocar co baixo do coche, e para rematar, a conxunción de pedras soltas e rampas fixéronme exprimi-lo embrague e rebentáronme as rodas dianteiras -disto decateime xa de volta en casa cando observei os cortes e os cachos de caucho que, literalmente, faltaban!). Finalmente, non dimos superado unha rampa e tivemos que retroceder marcha atrás para estacionar -máis ben debera dicir “abandonar”- meu coche, xunto a unha gran maseira que coido que debe ser a de Fonte Oscura.

Rutas á Vega de Llós. Fonte: http://www.wikirutas.es/rutas/vermapa.asp?id=674Supoño que o remate perfecto debería culminar cunha boa multa por circular por unha pista non autorizada, ou por estacionar nun prado, pero ata o de agora aínda non me chegou nada… -a ver se polo menos aínda hai unha pouca sorte e non cae…- 😉

Actualizacion en outubro de 207: Pois finalmente non houbo sorte: 3 meses despois da nosa viaxe, chegoume unha fermosa multa de 500€ a casa, que quedarase en 300€ unha vez recoñecida a miña culpa e renunciado á reclamación.

Se é que non hai atallo sen traballo… 😦

Logo de ter que deixa-lo coche antes do previsto, topámonos con algo de néboa e orballo durante o camiño, pero acadamo-lo refuxio xusto a tempo para colle-las 2 liteiras que quedaban libres, uns minutos antes da chegada dunha cordada de 3 que tivo que optar por vivaquear na cova.

Croquis da Reino de León. Fonte: da Guía de Atate.info sobre o Peña Santa de Castilla (xa non existe o enlace para a súa descarga).Croquis da Reino de León. Fonte: da Guía de Atate.info sobre o Peña Santa de Castilla (xa non existe o enlace para a súa descarga).Ó día seguinte botamos 12 horas para face-la vía Reino de León, que resultou bastante máis difícil do que o grao dado a cada longo podería facer pensar: tranquilamente se lle podería dar un grao máis a practicamente tódolos longos… Tras recolle-las cordas, 20 minutos despois estabamos no cume do Peña Santa e para baixar probamos pola Vía de los Llastrales, xa que a min parecíame recordar que era máis rápido que ir pola Forcadona, ademais de evita-lo posible neveiro que acostuma a ter; sen embargo, debeunos de levar polo menos 3 horas porque aínda que non vimos a hora de chegada, saímos do cume ó redor das 20:30h. e non acadariamo-lo refuxio ata ó redor das 23:30h. (eu non lembraba que o tramo entre a Horcada Alta de los Llambriales e a Horcada Baja de los Llambriales fuese tan delicado, e aínda por riba en lugar de tentar gaña-la loma que descende suavemente cara a Vega Huerta, baixamos ata o fondo do jou, polo que perdemos aínda máis tempo buscando pasos entre as simas do seu lapiaz…).

Entre que o Xosé papárase tódala vía en cabeza e que o retorno foi tan longo, decidiu optar por unha vía máis sinxela para o seguinte día, e como tiña o croquis de Adrados da Reencuentro Otoñal, aló nos fomos de mañanciña, ben tarde iso si, para poder descansar algo máis logo da nosa longa xornada. Para esta vía, o señor Miguel Ángel Adrados suxería levar só un xogo de entaladores e un par de friends dos números 2 e 3, pero logo dun primeiro longo fácil de trepada, un segundo logo ben delicado por un diedro de rocha moi mala, atopámonos coa gran placa de canalizos -que teoricamente non debera de pasar de V!, e para a que bastaría con ese par de friends e uns entaladores!-, pola que o Xosé subiu, primeiro uns metros polo canalizo máis gordo do centro ata descartar que a vía fose por aí -á vista de que podería sair de 6b-, e logo probou polo lado esquerdo da placa ata decidir retirase da vía, descolgándose dun Camalot nº 3 que tivo que abandonar, dado que quedaba claro que a información dada no croquis non era en absoluto correcta, nin no grao, nin no material necesario -salvo que a ruta non fose polo muro de canalizos…-.

Xa en casa, botándolle un vistazo ás fotos que sacara para ver se podía averiguar por onde raios iría ese longo, crin resolve-lo misterio! 😀 Resulta que no lado esquerdo do gran muro de canalizos que había por riba da nosa repisa, hai 2 chorreiras negras ben evidentes, e un pouco máis á esquerda da segunda delas, usando o zoom, puiden observar algún elemento rectangular brillante (sospeito que pode ser algún tipo de vello cravo?), unha chapa algo por riba deste, e unha cinta plana nunha ponte de rocha todavía máis arriba. Non sei se dependendo do ángulo de incidencia da luz a certas horas e en determinadas estacións resaltará máis a chorreira branca, pero estaría mellor sinalado o percorrido do longo se se indicase que este vai algo máis á esquerda das 2 chorreiras negras… -agora haberá que volver para reintenta-la vía e… recupera-lo friend, por suposto 🙂 – En todo caso, vendo o bosquexo da guía de Atate.info, nel se indica que “se comeza á esquerda dunha marcada fenda cara a unha chorreria negra que vese bastante arriba e que hai que pasar pola súa dereita cara a un nicho no que se monta a reunión.”

Así que con 60€ menos de lastre (seica no seu tempo ese friend custaba 5.000 pesetas “das de antes” 🙂 ), retirámonos ata Vega Huerta, fixemo-las mochilas e baixamos a polo coche que, afortunadamente, non fora retirado do prado pola grúa 😀 porque todavía nos quedaban máis de 5 horas de viaxe por estrada cara ós nosos respectivos e opostos destinos.

Podedes saber máis cousas e lee-la descrición da actividade no blogue de Xosé, Fendas e Ferrallas, cunha boa escolma de fotos e alomenos un comentario de cada longo que agradeceredes máis que as miñas parolas 🙂 .

A aproximación.Croquis da ruta dende Vega de Llós a Vega Huerta (de atate.info). Fonte: http://www.atate.info/guia-practica/item/222-pena-santa-de-castilla.html

Dende Fuente Oscura, a pista continúa sen perda ata rematar nos prados ó carón da choza da Vega de Llós e dunha fonte con maseira. Dende aí hai que ascender con tendencia cara á esquerda (O) para acadar unha  golada (Collado Jover) situado baixo as negras rochas da parede do Peña Parda. Logo hai que continuar ascendendo diagonalmente á esquerda ata acada-lo Collado de El Frade. O sendeiro segue ascendendo en zigzags pola ancha loma ata o seu remate, nunha pequena golada xunto ós contrafortes rochosos de Los Moledizos (Cimera del Frade). Pola esquerda destes contrafortes e atravesando unha longa ladeira pedregosa, chégase ó pé da Canal del Perro. A senda ascende en cortos zigzags a forte pendente ata acada-la máxima altura do noso percorrido no Collado del Burro, dende o que xa se pode ver perfectamente a cara Sur do Peña Santa de Castilla. Dende aquí xa só resta segui-lo chamado Camino del Burro, unha ruta ben marcada con fitos  e manchas de pintura amarela, pola chaira de pedra que, aínda que longo, vai mantendo a cota, con pequenas subidas e baixadas, polo que xa non quedan máis costas ata o descenso final que arrodea polo Oeste as Torres de Cotalbín, para chegar a Vega Huerta.
En Vega Huerta, ademais do pequeno refuxio non gardado con capacidade para unhas oito persoas (en realidade hai 4 liteiras de cemento, pero son suficientemente anchas como para que durman dúas persoas en cada unha delas), preto dunha boa fonte cun par de maseiras (a principios de verán pode estar cuberta pola neve), hai tamén unha cova, na base das Torres de Cotalbín, a uns douscentos metros por enriba da pradeira, e xunto ó camiño polo que chegamos que pode acoller outras cinco ou seis persoas, e é posible monta-la tenda preto do refuxio, aínda que hai que ter coidado coas vacas que pacen polo lugar e que poden rompelas.

Reino de León,  ED, 7a (6b/A1), 700 m.

1ª ascensión:

José Manuel Fernández e Miguel Pita os días 5, 6, 8, 9 e 10 de agosto de 1998 (tomáronse un día de descanso en Vega Huerta, e fixeron 3 vivacs na parede).

Croquis da Reino de León feito por Xosé e eu no 2017.Percorrido e dificultade:

Son 18 longos (14 realmente da vía e o resto de saída común con Rescate Emocional) protexibles cun xogo de entaladores, outro de micros, e un de friends ata o nº 4 de Camalot. A maioría das reunións contan con spits ou cravos, así como nalgunhas placas.

Aproximación en 30 minutos dende Vega Huerta. A vía comeza algo á dereita da canle de desaugue do neveiro colgado, e ten 2 posibles entradas, da que escollemo-la variante de máis á dereita, aberta un ano despois (99) polos mesmos aperturistas e mellorando substancialmente a entrada orixinal (que coincidía coa entrada da vía Sol-Ruíz-Villar).

Aínda que nesta descrición conservamo-la graduación do croquis, pensamos que ben se lle podería dar un grao máis a practicamente tódolos longos, porque obriga a apretar algo máis do indicado; así que de grao xeral dariamoslle máis o ED 7a+/7b (6b+/A1), que o ED 7a (6b/A1) co que acostuma a graduarse.

Dende onde acaba a vía, acádase o cumio por unha trepada en menos de 10 minutos.

L1. V, 50 m.
Comezamos escalando cara un diedro evidente polo que continúa nos 2 seguintes longos. Este longo segue unhas fendas un pouco á esquerda do diedro, está limpo de material agás a reunión, que conta con 2 burís e está situada no mesmo diedro.

L2. 6a, 30 m.
Longo limpo. Séguese polo diedro ata embaixo dun teito no que nos atopamos cunha reunión vella de burís e, uns metros á esquerda, outra nova de spits.

L3. 6b,  25 m.

Longo limpo. Sáese recto cara arriba superando o teito pola esquerda, seguindo unha fenda á esquerda do diedro e usando este para protexer, ata embaixo dun gran pilar vertical onde se atopa a reunión dun spit e un cravo.

Croquis do Xosé, 2017, fonte: http://fendaseferralla.blogspot.com/2017/08/pena-santa-el-reino-de-leon.html. L4. V+,  25 m.

Arrodéase pola esquerda o pilar que temos sobre as nosas cabezas, polo que pronto desaparece da nosa vista o/a compañeiro/a, e continúase por unha fenda-rampa ascendente cara á esquerda -na que hai un pitón-, ata o seu remate, nunha reunión de dous cravos.

L5. 6a, 25 m.
Faise unha travesía horizontal á esquerda de polo menos 6 m., e pásase unha laxe para acceder á repisa onde se xunta coa variante orixinal (nesta repisa podemos ve-la reunión desa a uns 8 m. á esquerda), e séguese en vertical dereita por un curto muro de bo canto, protexido por dous spits. A reunión, conta con dous spits novos.

L6. V+. 30 m.

Á esquerda da reunión pódese ver un cercano diedro-cheminea cara ó que hai que continuar bastante horizontalmente ata acadalo, para continuar ascendendo por el ata montar reunión dun cravo reforzable facilmente na mesma fenda no que se atopa.

L7. V+. 45 m.
Saímos pola esquerda da reunión, buscando o terreo máis fácil para supera-lo muro enriba nosa, mellor pola placa un pouco á dereita que pola fenda que está moi rota, e imos progresando con tendencia á dereita, ata acada-lo inicio dunha canle, pola que que seguimos nun zig-zag ata a explanada que sinala a parte superior do piar e que te deixa ó pé do muro de canalizos. A reunión é un spit novo, reforzable nas fendas da súa dereita.

L8. 6b. 40 m.
Ascéndese un impresionante muro de canalizos con tendenza á esquerda, e que conta con 4 spits protexendo os pasos máis duros (hai aire entre seguros mais pódese meter alguna cousa entre canalizos e nunha fendiña baixo unha entosta na parte final). A reunión consta dun spit novo e un cravo.

L9. 6a+. 25 m.
Continúase por placa con varios seguros fixos (pitón, spit, pitón, ponte de rocha e dous pitóns), que nos deixa algo máis á esquerda da nosa reunión de partida, nunha nova instalación de 2 spits moi perto dunha laxe que conforma o teito con fenda coñecida como “El Camello“.

L10. 6a. 25 m.
Sáese da reunión cara a un spit situado á nosa esquerda cunha curta travesía (para min delicada de carallo), e logo séguese por unha placa de rocha alucinante ata chegar á gran fenda (tamén delicada de acadar) desta laxe Camello, pola que se progresa ata acada-la cómoda repisa na que se monta a reunión sobre unha ponte de rocha. Ollo a un gran bloque solto xusto antes da repisa que está esperando por alguén para caerse!

L11. V+. 50 m.
Atravésase cara á esquerda pola repisa descendente para desaparecer da vista do/a compañeiro/a e continuar logo ascendendo en diagonal á esquerda polo diedro con canalizos que forma a parte dereita da gran laxe coñecida como a “Pirámide”; por baixo da cima da mesma hai que ir á esquerda a pillar uns canalizos que nos levan ó curuto desta pirámide (este último paso é o que lle dá o grao ó longo). Reunión en dous spits.

Unha cordada de 3 ó seguinte día, no longo chave da Reino de León.L12. 7a (6b/A1). 25 m.

Media ducia de spits protexen este longo e permiten o seu ascenso en artificial, aínda que pensamos que segue obrigando a escalar polo menos 6b+/6c. Comézase verticalmente pola placa, de adherencia e con presas escasas e malas. No 4º spit un cordino longo deixado por algún alma caritativa salva ó Xosé de ter que baixar a buscarme, porque xuro que se non é por ese cordinacho eu non subo por aí nin aínda que tiren de min con poleas 😀 . Dende ese spit a ruta segue máis pola esquerda, pese a que, verticalmente, algo máis arriba vense varios spits ou parabolts que deben corresponder a algunha variante ou vía da que non tiñamos referencia e que comparte os 3 primeiros spits (posteriormente comprobamos que se trata dun longo de 7b da vía Nuri, aberta no 2011 por Edu Recio, Jesús Ibarz e Oriol Anglada). O Xosé non se deixa enganar e continúa ascendendo con tendencia á esquerda para rematar por un diedro que o deixa na reunión dun spit novo reforzable nunha ponte de rocha.

L13. 6a+. 30 m.
Sáese do diedro pola esquerda para situarnos baixo unhas fendas verticais; á súa esquerda intuímos un diedro que na súa base ten un pitón, seguímolo ata un teito algo roto que superaremos facendo unha travesía á dereita pasando por un spit e unha ponte de rocha. Reunión nun nicho cun spit novo reforzable nunha fenda ó seu carón.

L14. V+. 45 m.
Séguese un sistema de fendas por unha especie de canle ata unha cómoda repisa; á dereita veremos un parabolt de 8 con anela que fai de reunión, reforzable nunha fenda ó seu carón. Neste longo temos rematado a ruta, xa que esta reunión é común coa vía Rescate Emocional, pola que seguen en común, porén non nos descoidemos porque, alén de que o que falta sexa máis fácil e rápido, aínda nos quedan case 200 m de escalada.

L15. IV+. 40 m.
Supérase o muro enriba noso con tendencia á dereita ata acadar unhas terrazas e entrar na canle de saída. Reunión en dúas pontes de rocha vellas, aínda que tamén se pode facer por riba, pois na canle hai múltiples sitios onde montala. Nós montamos reunión a base de friends ó remate dos 60 m. de corda.

Vistas do pedreiro de La Llerona ó solpor.L16, L17 e L18. II-III e IV. 150 m.
Seguimos pola canle evidente uns 100 m, primeiro fácil e logo atoparemos uns pasos de terceiro onde unhas enormes pontes de rocha. Seguimos pola canle ata atopar un curto muro con presas invertidas (protexer) para saír ó pé dun muro de canalizos enormes á nosa dereita que morren nun diedro superior; esta é a saída común con Manantial de la noche. O Xosé pensa que o mellor é facer reunión ó pé do muro de canalizos e, en 50 m sairemos ó cumio: primeiro atacamos eses canalizos III+/IV e situámonos ó pé dunha cheminea que deixaremos á esquerda para saír por unha laxe-fenda que se situa á nosa dereita (paso de IV/IV+), e contornando uns bloques saíremos ó cumio por unha pequena canle. En todo este percorrido non hai ningún material emprazado.

Vistas dende Vega Huerta pola mañá.

Data:

11/07/2017.

Cordadas:

Xosé e eu.

Lonxitude/Desnivel:

700 m. 18 longos.

Descenso:

Dende o cume débese destrepar seguindo unhas manchas de pintura amarela (xa tan desgastadas que moitas delas nin se ven) e algúns fitos, para baixar pola cara Norte ata a Brecha Norte. Dende aí, pódese continuar descendendo para pasar pola Forcadona ou optar por desviarse onde empeza o primeiro rápel da Canal Estrecha, para continuar pola Vía de los Llastrales ata Vega Huerta.

Material necesario:

2 cordas de uso en dobre (60 m. c/u), unha ducia de cintas exprés, varios cordinos para pontes de rocha, un xogo de micros e friends ata o nº 4 de Camalot e un bo xogo de entaladores.

Croquis e descrición:

 

 

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.

Deixar un comentario