Inicio > Escalada clásica ou de autoprotección > Sur Directa e vía de los Llastrales, Peña Santa de Castilla, 12 e 13 de xullo de 2014.

Sur Directa e vía de los Llastrales, Peña Santa de Castilla, 12 e 13 de xullo de 2014.

2014 Xullo 14

Fotos da Sur Directa e da Vía de los Llastrales, Peña Santa de Castilla O Peña Santa de Castilla é, probablemente, a montaña de Picos de Europa que esixe un maior compromiso e representa coma ningunha outra a esencia alpina. As súas longas aproximacións, tanto dende Vegabaño como dende Soto de Valdeón, a inexistencia dun refuxio gardado na súa base (só unha minúscula construción con apenas 8 apertadas prazas en Vega Huerta), e a soidade propician o ambiente axeitado para unha auténtica experiencia alpina.

Xa pasara ano e pico desque Víctor propuxera que escalaramo-la Sur Directa do Peña Santa de Castilla, e daquela eu amosárame reticente porque, dada a miña “velocidade escalatoria de cruceiro”, parecíame que percorre-los seus 12 ou 13 longos no día, podería ser un problema, sobre todo considerando o seu longo descenso. Pero fai uns días, Víctor plantexou o proxecto introducindo un notable cambio: –¿e se o facemos cun vivac en parede?– Deste xeito a velocidade non debera de ser un problema, xa que ó dividi-la escalada en dúas xornadas, deberamos ter tempo de abondo e ademais, probaríamo-la sensación de pasar unha noite no medio dunha parede, aproveitando que o seu neveiro colgado proporciona un lugar “ideal” para o vivac.

Pola contra, isto obrigaríanos a ter que escalar con mochilas cargadas con saco, esterilla, funda de vivac, roupa de abrigo e comida extra, así como un fornelo para obter auga; o que ralentizaría e dificultaría a nosa escalada. En todo caso sería unha nova experiencia á que finalmente, ademais do promotor, Víctor, apuntámonos Chicho, Antón, Mundi e eu.

Outra idea que nos parecía interesante era de localiza-la Vía de los Llastrales (tamén chamada Vía de las Llambrialinas), que pódese utilizar como un xeito máis rápido de descender do Peña Santa, evitando ter que dar toda a volta pola Forcadona. Así que o noso plan incluía, ascender pola mañá a citada vía para coñece-la e sinala-la con fitos, inmediatamente descender ata a cara Sur e subir algo tarde os primeiros 5 longos da Sur Directa, que nos deixarían no neveiro colgado, para vivaquear nel; logo, ó día seguinte teríamos que completa-lo resto da escalada e descender ata Vega Huerta onde, dependendo do tarde que fose, decidiríamos entre pasa-la noite no seu refuxio ou baixar xa ata un albergue en Soto de Sajambre.

A nosa principal incógnita, aparte de non saber como pasaríamo-lo vivac en parede e o que suporía ter que escalar con moito peso nas mochilas, era en que condicións de neve ou xeo se atoparían a Canal del Perro, o neveiro colgado e o tramo da cara Norte do Peña Santa que teríamos que percorrer para o descenso, porque dilo dependía que necesitásemos levar botas ríxidas, piolet ou, incluso crampóns. Afortunadamente, na aproximación a Vega Huerta xa non quedaba neve e durante a nosa exploración da Vía de los Llastrales, puidemos comprobar que tampouco había neve nin xeo no seu percorrido nin no tramo superior da cara Norte, o que permitiríanos escalar cun calzado máis lixeiro -alomenos ós que o levabamos- e non ter que cargar co piolet.

Por último, tiñamos dúbidas ó respecto de se nos daría tempo a descender do Peña Santa e regresar ás nosas casas o mesmo día, xa que iso requiriría de fosemos suficientemente rápidos. Sen embargo, ó final, logo de descender do cume só tivemos tempo para baixar ata Soto de Sajambre (a onde chegamos ás 12 da noite) para pasa-la noite no Hostal Peña Santa , grazas a que Maite reservouno-la cea (¡que rica estaba!) e praza no seu albergue (durmir costounos 10€, cear 11€ e almorzar 3’5€).

 

A aproximación.
Croquis da ruta dende Soto de Sajambre a Vega Huerta (de atate.info). Fonte: http://www.atate.info/guia-practica/item/222-pena-santa-de-castilla.htmlÓ final do pobo leonés de Soto de Sajambre a estrada divídese en dúas pistas, debendo de tomar co coche a que sae cara á dereita. Por ela percórrense lentamente uns 6 quilómetros ata un pequeno aparcadoiro xunto a un portal no que se indica que non se pode circular maís.

Un par de quilómetros máis de pateo pola pista achégannos ata a Majada de Vegabaño na que, ós poucos metros de empezar a atravesa-la pradeira xa se pode ve-lo refuxio ó final do prado. Non é necesario pasar polo refuxio, polo que proséguese polo lado esquerdo arrodeando o valado de madeira que baixa cara ó río Dobra, chegando á ponte polo que o atravesamos en apenas media hora de marcha.

O camiño segue sinalado con fitos por un bosque de faias e carballos que ascende pola coñecida como Cuesta Fría, pasando polo famoso Roblón de la Cuesta Fría e, pouco despois, por xunto a un pequeno manantial que xurde do chan. Rematado o bosque, a senda continúa remontando entre a matogueira ata a golada coñecida como Horcada de Salambre, e o Collado del Frade, dende o que se divisa ó fondo da outra vertente o ben conservado Refugio del Frade (ata aquí tárdanse unhas dúas horas). O noso camiño, sen embargo, non precisa baixar ate o refuxio, senón que continúa ata o final da loma, xirando á esquerda cara á Canal del Perro (non hai que despistarse porque o camiño divídese un pouco antes para descender polo lado dereito cara á fonte do Frade, e nós non queremos ir aló, claro).

Súbese a forte pendente ata acada-la máxima altura do noso percorrido no Collado del Burro, dende o que xa se pode ver perfectamente a cara Sur do Peña Santa de Castilla. Dende aquí xa só resta segui-lo chamado Camino del Burro, unha ruta ben marcada con fitos pola chaira de pedra que, aínda que longo, vai mantendo a cota, polo que xa non quedan máis costas ata o descenso final para chegar a Vega Huerta. En total, acada-lo refuxio dende onde deixamo-lo coche leva algo menos de catro horas.
En Vega Huerta, ademais do pequeno refuxio non gardado con capacidade para unhas oito persoas (en realidade hai 4 liteiras de cemento, pero son suficientemente anchas como para que durman dúas persoas en cada unha delas), preto dunha boa fonte cun par de maseiras (a principios de verán pode estar cuberta pola neve), hai tamén unha cova a uns douscentos metros por enriba da pradeira, e xunto ó camiño polo que chegamos que pode acoller outras cinco ou seis persoas, e é posible monta-la tenda preto do refuxio, aínda que hai que ter coidado coas vacas que pacen polo lugar e que poden rompelas.

 

Sur Directa,  (D sup, V+, 680 m.).

1ª ascensión:

Florencio Fuentes, José González Folliot “Pepín” e Antonio Rojas, o 19 de agosto de 1947. A saída actual dos longos da rampa de canalizos foi aberta por Teógenes Díaz e Carletto Ré o 13 de agosto de 1952.

Resumo:

Inmellorable rocha nunha gran vía.

Vivac inolvidable nunha noite de lúa chea baixo un ceo límpido sen unha mínima brisa…

O volume e peso das mochilas dificultaron moito a escalada.

Unha cordada de madrileños que empezou a escalada o Domingo pola mañá, fixo a metade da escalada no tempo en que nos fixemos 2 longos! Colléronnos cando empezabamo-los 4 longos da rampa de canalizos e como dende aí xa non había un lugar por onde puideran adiantarnos con facilidade, tiveron que “sufrir” o noso ritmo ata o cume… ¡Unha aperta para eles!

¡Hai que prestar moita atención ó perigoso e delicado descenso dende o cume ata a Brecha Norte! Dende aí xa continuamos descendendo -tamén con moito coidado- pola Vía de los Llastrales.

Percorrido e dificultade:

IV, V+, II+, IV+, V, II, III, V, II+, IV, IV, IV- e V. Son 13 longos completamente protexibles con friends e fisureiros ata o nº 3 de Camalot.

Dende o refuxio de Vega Huerta acádase o pé de vía nunha media hora seguindo un camiño sinalizado con fitos e que remata nunha incómoda pedreira por riba da cal, unha fácil trepada de III por terrazas e placas sitúanos nunha cómoda repisa baixo un característico gran bloque triangular, que oculta no seu lateral dereito a fenda do primeiro longo. Dende lonxe pódese usar como referencia unha gran fenda horizontal cun teito á súa dereita, situada xusto un pouco á dereita da vertical da Aguja José del Prado.

Croquis da Sur Directa na guía do Peña Santa de Castilla de atate.info. Fonte: http://www.atate.info/home/yarakax1/public_html/atate/guia-practica/item/222-pena-santa-de-castilla.html
L1. IV, 40 m.
Dende a placa inclinada na base da vía comeza o longo polo diedro da esquerda que vaise convertindo en cheminea e que rematamos polo seu lateral esquerdo ata monta-la reunión, algo por baixo dun novo diedro, nunha pequena ponte de rocha reforzable.

L2. V+, 40 m.
Dende aquí hai 3 opcións: busca-la canle á esquerda do espolón que temos enriba noso (IV+), ataca-lo citado espolón (V), ou , como fixemos nós, polo diedro-cheminea da dereita do espolón (V+). A reunión faise nunha ampla e cómoda repisa aproveitando unha ponte de rocha.

L3. III+, 35 m.
Trepada por placas e gradas ata chegar a unha cómoda terraza na que monta-la reunión ó pé dun muro e algo por baixo unha cheminea no centro dese muro. Reunión cómoda nun par de pontes de rocha.

L4. IV+, 35 m.
Iníciase por placa, séguese pola cheminea e remátase camiñando facilmente cara un muro sobre unha cómoda grada, baixo unha fenda na que móntase a reunión cun par de pontes de rocha reforzables.

L5. V, 50 m.
Pódese evita-la fenda ascendendo polo lado esquerdo do espolón que a conforma (IV+), ou atacarlle de fronte (V/V+), que foi a opción que nós escollemos. Os últimos metros do longo nos depositan facilmente no neveiro central. Reunión en ponte de rocha a proba de bombas.


L6. II. 80 m.
Ascenso fácil por pedreira ou neveiro (segundo a estación) primeiro e logo por terreo fácil, pola parte esquerda do neveiro e por embaixo da Aguja José del Prado ata a base dun diedro tumbado, pegado á parede.

L7. III. 50 m.
Pódese ascender polo diedro-canle (rocha algo descomposta), ou pola rocha algo máis á súa dereita, ata que remate nunha pequena terraza chan, puidendo monta-la reunión nun par de cravos reforzables. Dende aí só restan uns fáciles 20 metros cáseque horizontais, que xa se poden facer camiñando, para chegar ó pé dunha evidente cheminea na que empeza o seguinte longo. Na base da cheminea hai unha gran profunda cavidade.

L8. V. 35 m.
Pódese percorre-la cheminea ata o seu final (nós perdimos unha chea de tempo por culpa do meu capricho de pasar por ela coa mochila, e resultou que non collía…), ou pódese optar por ascender por ela un pouco ata atopar un cravo e, dende aí, saírse en travesía pola dereita para evita-la parte final e seguir polo espolón (esta opción é algo máis fácil) ata monta-la reunión nunha repisa pedregosa, lazando algún bloque.

L9. III+. 55 m.
Proséguese primeiro camiñando e logo trepando polo promontorio, con algo de tendencia á dereita en dirección a un gran bloque adosado que oculta o comezo das rampas de canalizos dos seguintes longos (ata aquí debe haber uns 35 m. e faise trepando sen dificultade). Dende a terraza da base do bloque trépase, ben pola súa fenda do lado esquerdo ou ben polo bordo da mesma ata, dende a súa parte superior, destrepar uns 5 metros á base da rampa de canalizos. Todo este tramo fixémolo desencordados porque non parecía difícil e así evitamos problemas por mor do rozamento das cordas nun tramo tan sinuoso. Móntase reunión lazando un bloque de rocha e aproveitando un cravo ó seu carón.

L10. IV. 40 m.
Ascéndese rectos coma tiros polos canalizos, ata montar reunión nunha repisa cunha ponte de rocha.

L11. IV. 45 m.
Outra tirada polos canalizos, supera un primeiro muro e logo, búscase o itinerario máis fácil, polos canalizos algo máis á dereita da vertical da nosa reunión de partida. Superado este segundo muro, a reunión móntase nunha dobre ponte de rocha sobre unha cómoda repisa, uns 8 metros por riba dun cravo que se atopa noutra repisa previa.

L12. IV-. 45 m.
Empézase novamente polos canalizos, pero desviándose cara á canle da base da parede da nosa esquerda resulta máis fácil progresar ata acada-la reunión de 3 cravos unidos cunha cinta xusto por embaixo dun pequeno desplome e un par de visibles fendas, nunha repisa inclinada.

L13. V. 50 m.
Dende este punto non é evidente por onde discorre o último longo xa que este vai polo lado dereito da nosa posición en vez de por algunha das dúas fendas que son visibles por riba nosa, e que deben ser bastante máis difíciles que a ruta que nós seguiremos. Saímos da reunión facendo unha travesía duns 6 m. totalmente horizontais cara á dereita, ata atoparnos cunha ponte de rocha con cordino á altura dos nosos pés. Dende aí seguimos xa rectos cara arriba polos canalizos polos que ascenderemos cara a unha orella, situada a uns 10 m. por riba, a partir da cal o escalador desaparece da vista do asegurador. Este primeiro tramo resulta o máis difícil de protexer, pero coido que había ata 3 pontes de rocha con cordinos finos no seu percorrido; a partir de aí, a dificultade baixa algo ata monta-la reunión final no chan, a poucos metros do vértice xeodésico do cume do Peña Santa.

 

Data:

12/06/2014 e 13/06/2014.

Cordadas:

Chicho e Antón.

Víctor, Mundi e eu.

Lonxitude/Desnivel:

680 m. 13 longos.

Descenso:

Dende o cume débese destrepar seguindo unhas manchas de pintura amarela (xa tan desgastadas que moitas delas nin se ven) e algúns fitos, para baixar pola cara Norte ata a Brecha Norte. Dende aí, báixase ata onde empeza o primeiro rápel da Canal Estrecha, e logo pola Vía de los Llastrales ata Vega Huerta.

Material necesario:

2 cordas de uso en doble (60 m. c/u), unhas quince cintas exprés, un par de xogos de friends ata o nº 3 de Camalot e un bo xogo de empotradores.

Croquis e descrición:

 

 

Vía de los Llastrales, o de los Llambriales (AD-, IV-, 300 m.).

Vía de los Llambriales, usada como descenso do Peña Santa para chegar a Vegahuerta. Fonte:http://www.malditoduende.net/Picoseuropa/Llambriales.htmlEsta vía, tamén coñecida como de los Llambriales foi o itinerario seguido polos primeiros que acadaron o cume do Peña Santa, o 4 de agosto de 1892, Paul Labrouche, François Bernard Salles (guía de Gavarnie) e Vicente Marcos (Vicentón), veciño de Soto de Valdeón. Pódese ascender por ela nunha trepada con algún paso delicado sen usa-la corda, pero para o seu descenso utilízanse dúas instalacións de rápel, cáseque xuntas, que aseguran os tramos máis complicados, unha xusto por riba e outra á altura dunha caracteristica cova que serve de referencia do itinerario, pola vertente que da ó Jou Santo, na cara Norte do Peña Santa .

Na parte occidental da parede sur do Peña Santa aprécianse dúas liñas diagonais, unha que ascende ata a base da Aguja del Gato, facilmente identificable porque a sú forma semella o perfil da cabeza deste animal, e outro algo máis á dereita, e paralela a aquela, que comunica coa Horcada Alta de los Llambriales; a vía discurre pola cara Sur seguindo aproximadamente esta segunda diagonal. Dende a parte inferior da parede, iníciase a ascensión na Horcada Baja de los Llambriales cunhas fáciles primeras trepadas, que levan ata unha canle e posteriores pendentes polas que ascçendese buscando o mellor camiño ata á golada que comunica coa Horcada Alta de los Llambriales, unha cómoda plataforma dende a que xa se pode ver unha canle de pedra solta que pola outra vertente comunica co Jou Santo.  Ata aquí, é posible chegar en apenas unha hora dende a Horcada Baja de los Llambriales, aínda que escasean os fitos.

Tramo da cara Sur da Vía de los Llastrales. Fonte: http://luisfernan57.blogspot.com.es/2011/09/pena-santa-de-castilla-via-de-los.html
Percórrense uns 150 m. descendendo pola canle que baixa pola cara Norte cara á parte superior do Neverón (recibe este nome un campo de neve permanente que se forma entre o Peña Santa e a Torre del Torco, e que vai dende o Jou Santu ata La Forcadona). A canle ten un contraforte rochoso que no lado dereito corta o paso cara a ese lado, pero que na súa parte inferior desaparece e permite o paso para iniciar unha travesía cara a ese lado que nos deixa en terreo aberto e con vistas a varias zonas de llambrías entre as que pronto xa se poderá observar, ó lonxe, unha característica oquedade de forma diagonal cara á que nos encamiñaremos. Superadas as llambrías da oquedade, hai unha instalación de rápel (espit e 2 cravos, cun cordino e maillón) que permitirá descender á volta de forma máis segura este tramo, cunha soa corda de 60 m., e que está situada na parte inferior da plataforma xunto a unha cova, ó lado dun pequeno muro que superaremos para continuar ascendendo uns 80 m. por unha canle. Na parte superior desta canle, un par de parabolts cunha anela de rapelar facilitarán o retorno (recomendable usar dúas cordas de 60 m., xa que cunha soa corda é preciso destrepar aínda un tramo bastante delicado). Ó remate da canle é preciso realizar unha delicada travesía á esquerda, xusto por riba da instalación de rápel comentada, para situarnos xa con vistas á Canal Estrecha, cara á que continuaremos nun curto tramo descendente por unha vira que nos situará na ampla plataforma inclinada na que se sitúa a primeira instalación dos rápeles de descenso da Canal Estrecha.


Dende este punto no que se xunta a Vía de los Llastrales coa Canal Estrecha, pódese continuar cara ó cume do Peña Santa seguindo a ruta normal. A nós levounos 2 horas, en total, chegar ata a confluencia de ambas vías, dende a Horcada Baja de los Llambriales, e algo máis de hora e media descender polo mesmo camiño.

Se se pretende utilizar esta ruta para o descenso é importante saber que a vira pola que se pasa dende a Canal Estrecha á Vía de los Llambriales está á mesma altura que a primeira instalación de rápel da cheminea final da Canal Estrecha, na plataforma inclinada á que se chega baixando apenas uns 50 m. dende a Brecha Norte. Nós atopamos algúns fitos en todo o percorrido, pero non demasiados, así que colocamos algúns máis que esperamos faciliten o seguimento da ruta a posteriores montañeiros/as.

Croquis: