Inicio > Neve, Xeo > Fervenzas de xeo no val de Cuadro, Trevinca, perto de La Baña (León), 19 de febreiro de 2017.

Fervenzas de xeo no val de Cuadro, Trevinca, perto de La Baña (León), 19 de febreiro de 2017.

Fotos das fervenzas de xeo de Trevinca, non val de Cuadro, dende La Baña (León), 19 de febreiro de 2017.
Un ano máis achegámonos ata La Baña coa esperanza de que as esquivas fervenzas de xeo de Trevinca estivesen formadas. Aviñoá, Manu e eu quedamos o domingo pola mañá, logo de que o venres se achegase ata elas Manu e comprobase que tivesen xeo de abondo para darlles un repaso. 🙂

Como o sábado daban algo de neve e mal tempo, e para o domingo máis frío, esperabamos que agardando ata o domingo o seu estado melloraría, pero non houbo sorte, xa que cando chegamos a elas a temperatura no circo era algo alta e, ademais, o xeo non era moi gordo e a auga chorreaba por todas elas…

Así que as 6 horas de viaxe en coche (ida e volta) non compensaron… -por moito aire limpo que respiraramos no monte-. Iso si, grazas ó pateo, Aviño comprobou empiricamente como o plástico das botas Asolo “perde cualidades” ó acada-los 20 anos de antigüidade, aproximadamente.  😉

As fervenzas de xeo de Trevinca.

O circo do Valle de Cuadro (este é o seu auténtico topónimo -fonte: http://xeografica.blogspot.com.es/2011/02/pena-trevinca-e-as-escaladas-nas.html-) confórmase entre o Picón e o Acillino, na vertente norte do sistema montañoso de Pena Trevinca – Sierra de la Cabrera. E é grazas á conxunción de auga, moito frío, e á orientación norte deste pequeno circo no lado leonés, que soen formarse, durante cortos períodos de tempo de cada inverno, algunhas liñas de escalada de xeo.

O achegamento ó circo deste val no que se forman as fervenzas de xeo faise, nunhas 2 horas de camiñada, dende a vila leonesa de La Baña. Indo pola estrada que une o Barco de Valdeorras coa vila de La Baña, pódense ver ó lonxe as fervenzas dende unhas curvas algo antes de chegar á vila; non é que sirva para saber se están en boas condicións, pero polo menos vese se están formadas, e se hai neve ou xeo no circo…

A aproximación pódese facer en 2 horas e media, seguindo unha senda (hai un cartel indicador da mesma) que vai cara ó val da esquerda do noso obxectivo (é unha ruta para chegar á Cascada de la Fervienza, que está no Valle de Cadaval, entre os picos Gaya de Cueto e Gaya el Verdugueo), polo que logo de aproximadamente un quilómetro hai que tomar un desvío cara ó noso val. Se xa estivo máis veces pola zona pódese atallar collendo outra pista que sae dende a vila seguindo o cauce do río Cabrera, e logo de medio quilómetro, aproximadamente, ó chegar a unha nave de gando, bordéase por riba dela para ir ascendendo a lomba seguindo un indefinido camiño feito polo gando que erosiona este monte: esta opción é máis rápida (unhas 2 horas), pero é difícil de seguir se non se coñece previamente.

O noso amigo Lucas marcou ambos percorridos no seguinte mapa que podedes atopar no seu blogue: https://nomadasdelailusion.wordpress.com; a liña de cor laranxa corresponde co inicio da ruta de sendeirismo que vai á Cascada de la Fervienza, e o desvío que se toma cara circo de Cuadro, e a liña azul é o atallo no que resulta fácil perderse.

Aproximación ás fervenzas de xeo (fonte: https://nomadasdelailusion.wordpress.com/2014/02/26/cascadas-de-la-bana-trevinca/)

Seica foi aló polo ano 1988 cando Quico Valencia e Antón Gavela, un par de montañeiros do Club Alpino Ourensán -de aquela todavía chamábase Club Alpino Manzaneda-, descubriron estas fervenzas -fonte: http://xeografica.blogspot.com.es/2011/02/pena-trevinca-e-as-escaladas-nas.html-, aínda que, posteriormente, xa foron outros os que as escalaron completamente por primeira vez, un par de anos despois. Reproduzo de seguido o testemuño dos propios descubridores:

Corría o ano 1988 cando arrepiadamente pero coas ideas ben claras, Quico Valencia e Antón Gavela atopaban no macizo de Pena Trevinca, na beira leonesa do cume Picon, cara á Baña, no coñecido como “Valle de Cuadro” un feixe de fervenzas de considerabel tamaño e variada formación. Logo de exploracións intensas e de sisudos estudos cartográficos por fin deron con elas, tiñan claro que estaban alí, e así foi.

Finalmente no inverno do 1988, antes de marchar na primeira expedición ourensá cara ás Montañas do Atlas Africano puideron ensaiar as posibilidades do xeo das fervenzas do regato de Cuadro, e iso que non foran as montañas de Trevinca moi visitadas pola neve nesa tempada, por elo as fervenzas atopábanse formadas polo que os paisanos chaman “augas quentes”, é dicir, froito do frío extremo das xíadas e case que sen neveiros, bautizando á máis longa delas. que se atopa separada certamente do grupo principal das mesmas, coma a fervenza “Ferminha ao Picon”, na honra do Fermin, garda do refuxio de Fonte da Cova, que tantas axudas botou aos montañeiros galegos.
Pasaron xa vintetres intensos anos e as fervenzas figuran  nas guías máis completas da escalada en xeo na península, mágoa que nalgunha delas desvirtuárase o topónimo real do “Valle de Cuadro” polo de “Val das Fervenzas” que nunca existiu e é froito de visitantes posteriores que quixeron rebautizar de xeito irregular unha zona leonesa que conta coa súa denominación autóctona, ben reflectida por certo na cartografía oficial.

As vías de escalada.

É obrigado levar friends (algúns Alien) e algún cravo plano.

O descenso faise andando-destrepando polo lado dereito das fervenzas (segundo se mira á parede dende abaixo), buscando o máis fácil.

Fervenzas de xeo de TrevincaOs anos en que se forman tódalas liñas hai ata 7 vías no circo:

  • 1. Pídenos Permiso. III-3+, 100 m.

Situada na parte esquerda do circo. É a máis longa e como curiosidade, os seus descubridores bautizárona como “Ferminha ao Picon”.

  • 2. Xelo’s Fiestra. III-4+, 90 m. 2 longos de 30 metros cada un: o primeiro de 90º e o segundo de 90º a 85º. Aberta en Febreiro de 1990 por José Ramón Melón, José Carlos Iglesias, Joaquín Giménez (“Gorito”) e Alejandro Rocha.

A clásica do val e a máis recomendable. A primeira reunión faise nunha pequena cova de xeo, o segundo longo orixinal vai pola dereita, pero tamén existe a posibilidade de saír pola esquerda (esta variante será 3+). Hai algún cravo ou ancoraxe fixa para face-la reunión de remate da vía, pero normalmente está cuberto pola neve e hai que montar unha reunión na neve ou metendo algo nalgunha rocha (son quebradizas e é difícil atopar algunha axeitada, así que é mellor optar por montar reu no último xeo da vía e saír á campa por riba asegurado dende esa reu).

  • 3. Sen nome. ¿4+ ou 5?.

Faise un longo e logo sáese nun segundo por Xelo’s Fiestra ou por Fervenza Free. Parece ter continuidade para saír rectos nun segundo longo directo, pero non me consta que se teña feito, tal vez porque a saída parece ser sobre neve inestable.

  • 4. Fervenza Free. III-5, 75 m. Aberta en Marzo de 1990 por José Carlos Iglesias e José Ramón Melón.

Hai anos nos que o xeo non chega a toca-lo chan. No primeiro longo é onde ten os pasos máis verticais e mantidos.

  • 5. Divine. II-4, 30 m.

Curta fervenza por riba e á dereita da Xelo’s Fiestra.

  • 6. Terminator 3. IV-4, 85m. Dos 3 longos só os dous primeiros son de xeo:
    • L1: 80º/85º, 35 m – reunión incómoda.
    • L2: 70º/75º, 50 m – reunión boa, nun bloque de pedra.
    • L3: dependendo dos anos pode ser máis de matogueiras e neve.
  • 7. Orgasmo Senil. II-4+, 15 m. Aberta en Febreiro de 1990 por José Ramón Melón, José Carlos Iglesias, Joaquín Giménez (“Gorito”) e Alejandro Rocha.

Curta pero difícil fervenza na parte inferior dereita do circo.

Máis información:

 

Categorías:Neve, Xeo Etiquetas:

Deixar un comentario