Mallos de Riglos (Huesca), do 22 ó 26 de xullo de 2018.
De novo voltamos a Riglos polo estío, a enfrontarnos ó abafante calor que, de día e de noite, castiga a chamada Plana de Uesca (Hoya de Huesca, en castelán); pero é que ó Carducho non lle importa ese “detalliño”, ante a perspectiva de apretar eses bolos de dimensións perfectas para as súas gadoupas e enfrontarse a eses bandullos que, consecutiva e irremisiblemente, se aliñan en calquera das súas vías.
A primeira vía que fixemos foi a combinación da Chopper co Chopperior, na cara SE do Pisón, onde eu xa, no último longo da Chopper, tívenme que aferrar ás cintas para izarme coa axuda da tensión da corda da que o Carducho turraba, así que xa vos podedes imaxinar como me foi no seguinte longo, o primeiro da Chopperior: na vila debían de pensar que alguén andaba a arrincarlle a pelella a un gato, dos gritos que daba a cada centímetro que me izaba, pedíndolle a Carducho que, por Deus, a Virxe e tódolos santos, santas e canto beato de santoral houbese, que tensase a bendita corda para ir izándome, porque eu non daba saído de aí con só a exigua axuda do Espírito Santo, que se elevaba por min dende a cercana igrexa da vila… Así, durante ese longo agotei o vocabulario básico de comunicación entre membros dunha cordada ata que malamente fun izado ata a reunión: pilla!, tira!, chupa!, súbeme!, tensa!, agora!, turra!, máis!, aínda máis!, Ooopa!, AhHh!, Ehhh!, Ihhh!,… En fin, todo un espectáculo que deberon de escoitar incluso dende Peña Rueba, e tra-lo que non me explico como é que a Garda Civil non se movilizou ante a sospeita de que se estivese torturando a algunha persoa… ou animal… 😉
A segunda vía escollida foi a Hechizos del Viento, na cara Oeste do Pisón, que nos sorprendeu, porque en realidade parece coma se fosen 2 vías: os 6 primeiros longos contan cun bo reequipamento realizado por Toño Carasol e Manolo Lara en agosto de 2012, pero os indeterminados longos superiores apenas teñen forma de saber por onde vai o percorrido, e a posibilidade de poñer seguros flotantes fiables é practicamente nula: non sei se isto está así feito aposta, en consideración á afouteza e dominio do terreo demostrada polos aperturistas, Javier Hurtado Currucuclillo e Jose Antonio Cogollor, ou se simplemente non hai tanta xente que continúe a vía ata o cume como para que compensase o esforzo de meter algún seguro máis (eu coido que no longo que ía inmediatamente despois da vira de escape do Collado del Puro, dende onde se soe rapelar pola Tangerine Dream, non había nin unha soa chapa, e iso que ía por un terreo descomposto e cuberto de liques).
Máis alá da escalada, desta volta descubrimos que hai unha fonte no remate da parte superior da vila, con auga fresca que non sabemos se é recomendable beber, xa que se indica que non está tratada, pero que non parece mala posto que non nos causou ningún problema…
De Riglos só podo contarvos que conta co Bar Restaurante El Puro (que tamén ten habitacións para aloxarse), o albergue Refugio de Riglos (que dispón de aloxamento, bar e comidas), unha pequena tenda (que lle chaman “de la Francesa“) situada xusto diante dun aparcadoiro público, unha fonte de auga da traída na súa máis empinada rúa, e unha pequena piscina. Para calquera outra cousa hai que achegarse á próxima localidade de Ayerbe, que conta con bares, un par de restaurantes, hoteis, panaderías, tendas,… e incluso un camping.
É habitual que haxa furgonetas de escaladores/as no aparcadoiro, pernoctando máis ou menos discretamente nelas.
E para quen queira coñecer un pouco máis da historia da escalada en Riglos, recoméndovo-la lectura deste moi interesante artigo de Armand Ballart:
Chopper, 6b, 140 m. + Chopperior, 6c, 120 m. (260 m. en total)
A Chopper é unha das vías máis percorridas dos Riglos, tanto polo seu bo equipamento, como polo seu grao asequible. Remata á esquerda do último longo da Espolón Adamello, polo que pódese facer unha travesía, para pasar a esta outra vía e acada-la golada do Pisón, dende onde rapelar por Los Volaos; sen embargo, para os que se atrevan co duro primeiro longo da Chopperior, continuar por esta outra vía ata o cume do Pisón conforma unha gran combinación, coa que poñe-la guinda ó pastel 🙂
Aínda que para algún nativo non é unha vía que faga xustiza ó carácter das vías clásicas de Riglos, para os que vimos de lonxes terras, é unha moi interesante ruta, na que seguir familiarizándose co estilo de escalada nestes “mallos”.
Apertura:
- Chopper: J. M. Ferrando, Fernando Caballé e Fernando Gutiérrez o 4 de febreiro de 1984.
- Chopperior: V. Campo, J. Torralba e Miguel Carasol, en agosto de 2005.
Comentarios:
A vía está equipada de deportiva, con parabolts e reunións instaladas.
A vía atópase perfectamente equipada con parabolts; as reunións son todas rapelables e cómodas en repisas ou viras.
A Chooper-Chooperior vai polo espolón dereito do Pisón e por aí chega ata a cima en 260m.
L1, V, 30 m: empeza algo máis á esquerda do fío da aresta, con algún paso duro, pero enseguida vaise un pouco á dereita para colle-lo espolón. Ós 10 ou 15 m. pásase por unha reunión vella de burís, que non utilizamos, ata unha cómoda repisa onde está a reunión boa con 2 parabolts con anelas para rapelar.
L2, V+, 30 m: similar ó anterior, por panzas de bo canto, que remata cun paso de chegada á reunión. Reunión noutra repisa cómoda cun par de parabolts con anela e un terceiro parabolt algo máis á súa dereita.
L3, 6a, 30 m: comezo cara á dereita da reunion e con algún alonxe entre chapas. Panza dura que lle da o grao ó longo. Reunión moi cómoda con anelas para rapelar.
L4, V, 30 m: de novo sáese cara á dereita, con algúns alonxes entre chapas, e facendo unha zeta para voltar á vertical. Reunión moi cómoda con anelas para rapelar.
L5, 6b, 20 m: sáese con tendencia á dereita para logo continuar recto ata unha panza gris. A dificultade vai aumentando progresivamente, ata culminar cun paso longo de regretas para supera-la panza. A reunión é cómoda, con 2 anelas para rapelar e un parabolt extra á súa esquerda.
L6, 6c, 40 m: empeza xa cun paso duro de inicio, pero o peor ven no tramo anterior á panza que lle dá o grao, no que hai que escalar entre seguros, así que ninguén conte con ir acerando de chapa a chapa… Saída da panza con regretas e logo case un mántel. Reunión de 2 parabolts con anelas.
L7, 6a+, 50 m: para min o mellor longo: un muro continuo máis plaqueiro que panceiro. O paso máis duro é unha panza ó pouco de saír da repisa da reunión. Reunión cómoda de 2 parabolts con anelas (no medio da vella reunión de 2 spits) e cun parabolt extra á dereita.
L8, V, 30 m: bastante rectilíneo ata unha cómoda reunión de 2 parabolts con anelas, xunto a un dos peculiares químicos característicos de Riglos (cravo cilíndrico con gran ollal), á dereita. Hai quen recomenda, continuar ata practicamente o cume e lazar unha boa sabina para a reunión, pero ese tramo superior faise facilmente xa cáseque camiñando.
Data:
23/07/2018.
Cordada:
Carducho e eu.
Lonxitude/Desnivel:
260 m. 8 longos.
Descenso:
Dende a última reunión súbese un pouco (15-20 m.) ata terreo máis chan, observando o noso lado dereito para percibir unha senda entre as pedras que en 15-20 m, nos leva á primeira instalación de rápel, da que sae un cable cara arriba, para facilita-lo acceso á mesma se se ven do cume.
Ó ir cunha soa corda de 70 m. hai que facer un total de 8 rápeles.
Un primeiro rápel de 30 m. deposítanos nunha gran terraza na que se atopa a seguinte instalación (2 grandes anelas de ferro) no seu lado esquerdo.
O seguinte rápel de 30 m. xa nos sitúa na golada, na que temos que ver un cable ó noso lado dereito (mirando á parede) que nos guía a onde se atopa a seguinte instalación, doutras grandes anelas de ferro.
O terceiro rápel, de 30 m., déixanos no interior dunha canle de terra rodeada de árbores, pola que destrepar 6-7 m. axudados dun cable, e continuar por unha vira co cable a modo de pasamáns, que nos leva camiñando horizontalmente ata a cuarta instalación de rápel, novamente formada por 2 grandes anelas de ferro.
Nos 30 m. do cuarto rápel acadamo-lo fondo dunha estreita canle pola que destrepar axudados duns cables e ferraxes, ata a seguinte instalación con 2 grandes anelas de ferro.
O quinto rápel, de 30 m., volve a situarnos nunha estreita canle, dende a que destrepar outro tramo axudados por cables e ferraxes ata a seguinte instalación formada por 2 grandes anelas de ferro.
Neste punto pódese destrepar axudados polo cable, pero é un tanto exposto, así que decidimos rapela-los apenas 15 m que o separan da seguinte instalación, tamén formada por 2 grandes anelas de ferro.
O sétimo rápel é completamente volado, e ten unha lonxitude de 35-36 m, así que ollo con que a corda non teña ningún recorte. A corda sitúanos no baleiro, xusto na vertical enriba da seguinte instalación sobre a gran repisa; con outro par de grandes anelas de ferro.
O oitavo rápel, de 35 m., deposítanos xa na base do Pisón.
Material necesario:
1 corda de simple (70 m.) e unhas 15 cintas exprés. Cunha soa corda de deportiva, obriga a facer 8 rápeles por Los Volaos (ollo ó penúltimo que é de xusto 36 m!).
Croquis:
- http://sarikamontesa.blogspot.com/2015/03/riglos-chooper-200m-6b.html
- http://buscandoelimite.blogspot.com/2011/12/chooper-chooperior-250m-6c-mallo-pison.html
- Riglos Vertical. Escrita por Chema Agustín e Miguel Carasol, 2ª edición, Ed. Desnivel.
- Hai varias carpetas con abondosos croquis, que é posible consultar no andar superios do bar-restaurante El Puro.
- No albergue Refugio de Riglos, hai un exemplar de 3 guías de escalada, entre as que se atopa a máis recente, así como unha carpeta con algúns croquis.
Hechizos del Viento, 6c, 300 m.
Esta vía ten 2 caras: por un lado, os primeiros 6 longos, ata a vira de escape ó Collado del Puro, foron reequipados en agosto de 2012 por Toño Carasol e Manolo Lara, pero os seguintes longos xa non o foron do mesmo xeito, polo que aínda manteñen a esixencia dunha escalada de aventura cun grande dominio das dificultades, e de moita experiencia na escalada rigleira.
Tal vez esta dualidade sexa reflexo do difícil equilibrio entre a filosofía máis aventureira dos pioneiros destes mallos, e a deportiva predominante na actualidade. Aínda hai bastantes trazados nos que se reivindican os valores da escalada clásica, pero a tendencia evidente é a de prioriza-lo concepto de seguridade -e pracer- (boas ancoraxes e distanciados asumibles), fronte a aventuras máis expostas e atrevidas.
Sen querer polemizar, eu diría que esta é un vía… de contrastes 😉
Pasámolo mal nos longos superiores, a partir da vira de escape, xa que a escasez -cando non ausencia- de seguros fiables e a incerteza de por onde ía a ruta, pesaban moito máis que a propia dificultade da escalada, que obxectivamente era moito máis sinxela que nos longos precedentes.
Apertura:
Javier Hurtado Currucuclillo e Jose Antonio Cogollor, o 28 de maio de 1983.
Comentarios:
A vía alterna algún equipamento antigo cun moderno reequipamento feito no 2012 (parabolts e novas reunións) nos seus 6 primeiros longos, ata as viras do collado del Puro. Sen embargo, os seguintes longos ate o cume non foron reequipados do mesmo xeito, polo que entaladores pequenos e medianos, Aliens e friends ata o nº 2, son imprescindibles, se se atopa onde colocalos… e non se perde a ruta -que tampouco é fácil…-.
Percorrido e dificultade:
6 longos para a primeira parte da vía ata a vira de escape, e 3 longos máis ata a trepada final que leva ó cume.
Os longos ata a vira de esca permanecen á sombra durante todo o día, pero a partir das 14-15h, o sol vai dando nos longos superiores.
L1. 6a, 40m. Arranca na base do Pisón, pola fenda esquerda da Colilla, quedando a primeira chapa bastante alta, e algo á esquerda, baixo a primeira panza, para obrigarnos a abandona-la fenda e segui-la liña de parabolts. Continúa rectilínea con lixeira tendencia á dereita ata unha cómoda repisa na que se atopa a reunión de 2 parabolts con anelas.
L2. 6a, 30m. Os parabolts marcan a ruta bastante rectilineamente ata acada-la seguinte cómoda repisa coa reunión de 2 parabolts con anelas.
L3. 6b, 30m. Sáese pola esquerda seguindo os cordinos e parabolts que levan directamente a un paso difícil de diedro aberto, e logo cóllese tendenza á esquerda ata acadar unha vira pola que facer travesía expo á dereita para chegar á repisa na que se atopa a reunión de 2 parabolts con anela.
L4. 6c, 35m. Séguense os parabolts á nosa dereita para ir superando unha primeira panza, e logo continúase buscando a verticalidade coa reunión ata unha seguinte panza máis dura, por riba da que se atopa a seguinte instalación de 2 parabolts con anelas, noutra cómoda repisa.
L5. V, 25m. Sáese pola dereita a por un visible cordino nunha ponte de rocha e logo vaise algo á esquerda para continuar buscando os parabolts, cun pouco de zig-zag, ata acada-la cómoda reunión de 2 parabolts sen anelas, pero cun vello buril con anela oxidada, no medio deles.
L6. V+, 25m. Polo lado esquerdo da reunión vese un vello cordino alto, ó que nos diriximos para completar este longo ata acada-la vira de escape ó Puro, onde remata a primeira parte da vía, nunha instalación de 2 parabolts con anelas. Á nosa dereita vese a reunión da Tangerine Dream.
L7. V, 40m. Ollo, que este longo non ten máis que un cravo -se o atopades-! Moi exposto. Sen pistas de por onde tirar, algo roto e con moito lique sobre a rocha. Sáese polo lado esquerdo da reunión, verticalmente e… a navegar! Nalgún punto vírase cara á dereita para ir ascendendo con esta tendencia ata acadar unha inmensa terraza na que no seu extremo dereito atoparemos unha reunión de 2 parabolts cunha soa anela, e cun parabolt máis a cada lado da mesma.
L8. V+, 60m. Un gran muro somital de rocha mediocre por tramos, protexido con 3 ou 4 parabolts e algunha ponte de rocha onde é difícil atopar onde meter aseguramentos fiables. Nós montamos unha reunión mediocre ós 50 m. porque non atopamo-la reunión e nese punto non tiñamos claro cara onde tirar e xa non tiña máis cintas. O longo -se é por onde nós fomos-, sae á esquerda da reunión bastante verticalmente seguindo os poucos parabolts e algunha ponte de rocha vella, e ten que ir a busca-la reunión bastante á dereita (na seguinte tirada vímola de pasada nun bo nicho).
L9. IV+, 30m. Unha vez resituados na parede séguense algúns parabolts e cordinos vellos ata acadar unha boa reunión de 2 parabolts, preto xa do cume. Dende este punto pódese continuar en trepada de II ata onde xa se volve chan, a poucos metros do cume.
Data:
25/07/2018.
Cordada:
Carducho e eu.
Lonxitude/Desnivel:
300 m. 9 longos.
Descenso:
Dende a última reunión acádase o cume, e seguindo en liña recta cara ó lado oposto do Pisón, atoparemos un cable que axuda a localizar -e acadar-, a primeira instalación de rápel.
Ó ir cunha soa corda de 70 m. hai que facer un total de 8 rápeles.
Un primeiro rápel de 30 m. deposítanos nunha gran terraza na que se atopa a seguinte instalación (2 grandes anelas de ferro) no seu lado esquerdo.
O seguinte rápel de 30 m. xa nos sitúa na golada, na que temos que ver un cable ó noso lado dereito (mirando á parede) que nos guía a onde se atopa a seguinte instalación, doutras grandes anelas de ferro.
O terceiro rápel, de 30 m., déixanos no interior dunha canle de terra rodeada de árbores, pola que destrepar 6-7 m. axudados dun cable, e continuar por unha vira co cable a modo de pasamáns, que nos leva camiñando horizontalmente ata a cuarta instalación de rápel, novamente formada por 2 grandes anelas de ferro.
Nos 30 m. do cuarto rápel acadamo-lo fondo dunha estreita canle pola que destrepar axudados duns cables e ferraxes, ata a seguinte instalación con 2 grandes anelas de ferro.
O quinto rápel, de 30 m., volve a situarnos nunha estreita canle, dende a que destrepar outro tramo axudados por cables e ferraxes ata a seguinte instalación formada por 2 grandes anelas de ferro.
Neste punto pódese destrepar axudados polo cable, pero é un tanto exposto, así que decidimos rapela-los apenas 15 m que o separan da seguinte instalación, tamén formada por 2 grandes anelas de ferro.
O sétimo rápel é completamente volado, e ten unha lonxitude de 35-36 m, así que ollo con que a corda non teña ningún recorte. A corda sitúanos no baleiro, xusto na vertical enriba da seguinte instalación sobre a gran repisa; con outro par de grandes anelas de ferro.
O oitavo rápel, de 35 m., deposítanos xa na base do Pisón.
Material necesario:
1 corda de simple (70 m.) e unhas 13 cintas exprés para toda a vía, aínda que para a 2ª parte (dende a vira de escape), necesitaranse ademais 3 aliens, fisureiros pequenos e friends ata o nº 2.
Cunha soa corda de deportiva, obriga a facer 8 rápeles por Los Volaos (ollo ó penúltimo que é de xusto 36 m!).
Tendo en conta as características do exiguo equipamento dos longos superiores, non sería mala idea usar mellor 2 cordas de dobre (60 m.).
Croquis:
- http://romanticguerrer.blogspot.com/2014/09/hechizos-del-viento-al-pison.html
- http://korkuerika.blogspot.com/2011/09/hechizados-en-la-hechizos-del-viento.html
- http://fendaseferralla.blogspot.com/2012/09/pison-hechizos-del-viento.html